Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Acertada traxectoria

Máis alá da novela de xénero

Detalle da portada de "Golpes de luz".

Hai certos escritores da literatura de noso -narradores e poetas sobre todo- que da noite para a mañá acadan un universo pouco menos que sublime, para logo desapareceren como estrelas fugaces e sen apenas deixar pegadas. Non semella ser este, porén, o caso de Ledicia Costas quen transita con relevante éxito pola narrativa xuvenil, tendo acadado os premios literarios máis importantes, e mesmo o Premio da Cultura Galega. Para alén de todo isto, Ledicia Costas leva achegándonos varias pezas narrativas, tanto en forma de relatos curtos como en pezas de longo percorrido, como Infamia (2019) e Golpes de luz (2021), a novela que hoxe nos ocupa e que, mantendo a tensión do thriller, vai máis alá da novela de xénero.

Aínda que o narcotráfico semella ser o eixo da novela, non o é, senón a desaparición dun familiar dun fogar que se trasladara desde Madrid a unha vila galega, onde mora a avoa Luz. Ata alí chegan a súa filla Julia, xornalista, e Sebas, o seu fillo. Porén o narcotráfico atópase tras a desaparición, máis de trinta anos atrás do proxenitor de Julia que esculcará nas identidades dos narcos galegos, nas súas condenas, cadeas, nas súas familias e na posible relación do sei pai, supostamente emigrado a Arxentina con Lucifer, un mafioso colombiano que esta na gaiola desde hai vinte anos. O leitmotiv da novela é o empeño de Julia e a descrición do narcotráfico en Galicia en forma de reportaxe, o que lle serve como pretexto para retornar ao pasado e pescudar na historia do pai que desaparecera en vida cando ela aínda era unha nena, e só tiña o silencio da súa nai como resposta.

A tonalidade da novela vén definida polas mesmas palabras da autora: “Nesta ocasión quería escribir unha novela ateigada de esperanza e de luz, chea de tenrura”. E, ao mesmo tempo, unha ponte entre distintas xeracións, con tres voces ben perfiladas. No desenvolvemento da narración hai unha manchea de personaxes. Con todo, son tres os que forman o esteo da coralidade desta novela: a avoa Luz, ben caracterizada no comezo do seu deterioro cognitivo e nos seus intres de lucidez. A xornalista Julia, unha voz narrativa neutra e imparcial que traballa na esculca da intriga. E o cativo Sebas, quizais o personaxe que acada o pulo narrativo máis forte, e que desempeña un papel importante na resolución da trama. A descrición do seu mundo é un dos méritos desta peza. Boa novela da autoría dunha escritora nova que esta a desenvolver unha traxectoria exemplar, como afirma a Fundación Laxeiro.

  • COSTAS, Ledicia, Golpes de luz, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 17,57€

Compartir el artículo

stats