Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Retrospectiva da esperanza

Promoción e formación para a vida

Retrospectiva da esperanza

De Benposta a Lamaboa, nova entrega de Paco Castro Alvaredo, publicada por Laiovento, achéganos ao mundo da “Ciudad de los Muchachos” máis coñecida como Benposta, o proxecto do padre Silva, como xurdiu e como esmoreceu ata a desaparición. E aínda que o formato é o dunha novela, esta pode considerarse unha mestura entre unha historia novelada, un ensaio e unhas memorias, tendo en conta a estreita relación do autor coa experiencia ourensá.

Benposta foi un proxecto nas aforas de Ourense que chegou a acoller ata 50.000 orfos refuxiados chegados de todo o mundo. Fundado en pleno franquismo (1957), definíase como un “método de promoción e formación para a vida”.

A través de Manuel, o personaxe principal, penetramos no mundo de Benposta unha vez extinto. Para iso, o mestre xubilado vai retroceder no tempo desde un período temporal que non podemos precisar pero que está no futuro da nosa realidade. E así a historia novelada de Manuel comeza desde a súa casa en Caamaño (Porto do Son). Co gallo de que o ancián vai recibir unha homenaxe, decide contarlles a historia de Benposta a Luana, unha fermosa garota de Ipanema dedicada aos seus coidados, e á súa filla que non vive con el.

Deste xeito coñecemos moi polo miúdo a implicación de Manuel e a súa dona Flora con este proxecto. Cóntalles Manuel como a parella decide organizar unha xuntanza con xente compañeira na aventura para intentar poñer en marcha unha nova iniciativa na que se puidesen aproveitar aspectos da metodoloxía de Benposta e que desembocará no proxecto Lamaboa. Así entran en acción outros quince personaxes que van enriquecer cos seus puntos de vista non sempre coincidentes o argumento da historia nunha clara homenaxe aos seus quixe fundadores.

Mais non vai ser a única trama da novela pois esta misión coincide coa detección a Flora dunha grave enfermidade que se converte nunha verdadeira lección de dignidade e superación.

Estamos ante un volume onde non hai só educación e pedagoxía senón tamén outros temas que hoxe nos preocupan como o feminismo, a superación persoal ou o dereito a unha morte digna.

De Benposta a Lamaboa.

De Benposta a Lamaboa.

CASTRO ALVAREDO, P., De Benposta a Lamaboa, Laiovento, Santiago, 2021, PVP. 21,95€

Compartir el artículo

stats