Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No Castro dos Eidos

Unha aldea fortificada inédita da parroquia de Xinzo

Vista aérea do Castro dos Eidos, tomada desde o NE.

Ávila y la Cueva (1852) recorda que, tras dunha visita que tivo lugar en 1586, cando o lugar contaba unicamente con 60 veciños, o visitador eclesiástico Juan de Guinicio foi definir a antiga parroquia pontearéa de Espiñeiros como “una montaña áspera intransitable, de corto vecindario y muy poca produción”. Tres séculos máis tarde, cando o historiador tudense escribe a Historia Civil y Eclesiástica de la Ciudad de Tuy y su Obispado, Espiñeiros convertérase en Xinzo e aumentara de forma exponencial a súa poboación, pois contaba xa con 240 cabezas de familia e “por beneficio del cultivo se halla muy mejorada, pues toda ella está cultivada y produce con mucha abundancia vino y todo género de frutos”.

Ata o presente, na parroquia de Xinzo non se sabía de ningún asentamento datado na Idade do Ferro (s. VIII a.C ao cambio de Era). É por iso que o achado do Castro dos Eidos (Coord UTM 537035, 4670566) é unha noticia feliz que enriquece de forma extraordinaria a carta arqueolóxica do concello de Ponteareas. Trátase dunha elevación situada a 115 metros de altura nun contexto rural notablemente urbanizado que presenta unha planta oval de 50 m no seu eixe Norte-Sur por 46 m no eixe Leste-Oeste, dando lugar a unha croa amesetada duns 1.360 metros cadrados de superficie. O asentamento aparece defendido por un foxo perimetral que conserva, só puntualmente, restos dun parapeto defensivo de terra. Este é facilmente visible no sector sueste, un lugar onde o terreo aparece claramente socalcado de forma artificial para optimizar a súa explotación agraria. Unha estrada local, a que une Parada coa Bergoa, atravesa o sur do xacemento, o que provocou a destrución das súas defensas antrópicas. A maiores, un palleiro construído sobre a croa e mais un canastro e un alpendre, nun socalco situado no sector leste, contribuíron a alterar esta antiga aldea fortificada, ao igual que a pista forestal que permite acceder á croa pola ladeira sur.

Entre os recursos naturais máis próximos a este castro cómpre destacar o Río Xinzo ou Río de Santa Mariña, que transita a tan só 460 metros ao suroeste da nosa aldea prehistórica. A paraxe agraria dos Eidos, situada ao norte do xacemento e de 1 hectárea de superficie, debeu xogar un relevante papel na economía dos seus habitantes pola súa inmediatez física e polas súas excelentes condicións para un uso agrario intensivo.

O asentamento aparece defendido por un foxo perimetral

decoration

Coñecido popularmente co nome de “O Crasto”, este lugar de habitación inédito sitúase a 1.073 m ao Oeste do Castro do Coto da Lagoa (na parroquia de Areas) e a 1.216 m ao nordeste do xacemento da Cividá (Xinzo), un asentamento galaico-romano pouco coñecido a causa da intensa urbanización da que foi obxecto. Trátase, daquela, dun castro que se localiza nunha elevación natural, que ocupa un lugar estratéxico, xusto na transición entre o saltus e o ager; isto é, no límite entre as terras de uso forestal e agrario, o que permitiría situalo na segunda Idade do Ferro (400-Ano 0 a.C). Esta posición, que domina a zona de cultivo e o tránsito humano en dirección suroeste-nordeste, polas terras de labor inmediatas (Barxelas, A Cascalleira, As Barrocas) son a evidencia de que, neste período, “o territorio artificialízase, abrindo sistemas de cultivo en recintos e terrazas anexas ao castro e arquitecturizando incluso os camiños nas proximidades do poboado fortificado” (Parcero-Oubiña e Ayán Vila; 2016).

Modelo dixital do terreo do castro.

A descuberta deste novo castro supón o vixésimo primeiro asentamento fortificado en altura que se sitúa, total ou parcialmente, no concello de Ponteareas. A veciñanza consultada dos Eidos e dos demais lugares habitados de Parada (A Rega, San Pedro e O Coto) non recorda folclore ningún vinculado a este sitio prehistórico.

Moitos son os xacementos inéditos que seguen pendentes de seren descubertos e documentados, incluso naqueles concellos que, como Ponteareas, contan cunha carta arqueolóxica exhaustiva e relativamente recente (Perles Fontao; 2001).

Toponimia arqueolóxica

A voz “crasto”, procedente do latín castrum (campamento, fortaleza, castelo) é frecuente no norte de Portugal e no sur de Galicia para identificar os asentamentos da Idade do Ferro deste ámbito da península Ibérica. Ao igual que outras voces emparentadas (Crastelo, Cristelo...), na fala o “r” tende a remontar a súa posición silábica orixinal por metátese, deturpando a forma inicial do topónimo. Pola súa parte Os Eidos (lat. aditu), un dos cinco lugares habitados do barrio de Parada, fai referencia ás terras de labor que rodean as casas.

O Crasto dos Eidos foi documentado grazas á realización dun traballo de xeolocalización da toponimia da parroquia de Xinzo que promove a asociación Xe Patrimonial de Xinzo, o que transloce, cando menos, dúas evidencias: a primeira é que o estudo e documentación da toponimia constitúe unha fonte básica de consulta no momento de rescatar e protexer o noso patrimonio arqueolóxico. Os nomes de lugar gardan a memoria de construcións pretéritas sendo, en moitas ocasións, a súa única evidencia. Por outro lado, a iniciativa da sociedade civil é capital para rescatar a memoria material e inmaterial do noso pobo. Delegar toda a responsabilidade nas administracións é un erro que pode provocar o deterioro e incluso a perda dun patrimonio non renovable.

Compartir el artículo

stats