Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da fonte máis fonda

Os saberes de Aquilino Iglesia Alvariño

Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). Debuxo de Manuel Colmeiro

Á beira do Valiñadares, o regato que repite as traidoras palabras ouvidas denantes da execución de Pardo de Cela -e a ponte sobre dela tomou por iso o alcume do Pasatempo-, sentín falar do poder fecundador do vento. Escríboo como o ouvín, co recordo vivo do borboriño veneciano que atravesa os Muíños de Mondoñedo. Pero eu, home urbano, non creo en nada disto.

Cunqueiro xuraba ser verdade. Aos grandes poetas non se lles pode negar a palabra certa. El dixo que o vento fecundaba as éguas que, ceibas, agallopan polas vagoadas e cotos de Miranda. Isto contoullo a Aquilino Iglesia Alvariño na época en que compartían a “Oficiña Lírica do Leste Galego” (1933-35). Non se crean que era empresa exitosa, capaz de cotizar nos parqués europeos; eran tarxetas de cor en que estes barbilampiños do Partido Galeguista puñan versos que o aire levaba como avións de papel.

Teño a poesía de Aquilino no cume da nosa literatura. Hai poemas que posúen tan enorme poder evocativo que me parece ulir unha fogaza de pan saída do forno ou sentir a humidade do resío nas madrugadas. Este poder logrouno polo dominio dun amplo léxico. Tiña tento das verbas, sabíaas rebuscar, esculcar nos significados, emparellalas con éxito… Alguén o alcumou como “O Señor das Palabras”.

Aquilino mantivo o compromiso coa cultura tras a guerra. O seu perfil corpulento, con densa cabeleira, aparece nas fotos da fundación de Galaxia ou na recuperación da Casa Rosalía. El inaugura a Colección Salnés, co título Nenias, un poemario-alustro que atravesa a memoria de Rosalía e Pondal, de Pimentel e Castelao.

Precisamente Aquilino recibiu un encargo de Ramón Otero Pedrayo que Castelao lle indicara como manda testamentaria no dorísimo día en que ambos se despediron para sempre, na derradeira aperta en Bos Aires, 1947. E é que o rianxeito tivo en mentes publicar unha Historia de Galiza que fose feliz peche ao impulso intelectual dado pola Xeración Nós. Otero era, sen dúbida, o candidato a dirixir o magno proxecto. Tanto pola valía intelectual como pola autoridade cultural. Manuel Puente, emigrante en Bos Aires e protector da actividade de Castelao no exilio (Consello de Galiza incluído), ofreceu os cheques para transformar en materia o pensamento. A Historia de Galiza precisaba dun sólido capítulo dedicado á lingua galega. Se o idioma é o sangue da nación, é lóxico que esta temática ocupe un lugar preminente na obra. Sábese que a primeira opción foi Aníbal Otero, de boa formación filolóxica truncada pola guerra (foi preso en San Simón nun capítulo digno de ser filmado). Pero este home, xa retirado nos Ancares, non se sentía co ánimo necesario. E entón xurdiu o nome de Aquilino.

Outros tamén pensaran nel. Porque, non por casualidade, os intelectuais adeptos ao réxime rivalizaron co proxecto do exilio ao saber a encomenda de Castelao. Así o desvelan as cartas de Filgueira Valverde e Sánchez Cantón encargados de Galicia Histórica, que ese era o título da pretendida obra non-nata.

Pra eles non escribiría Aquilino, home conservador pero antifranquista. Fíxoo dirección a Arxentina pero co imprevisto resultado para os mecenas. O texto era derrotista. Non foi admitido.

Sobre o affaire sóubose por distinta documentación, pero descoñecíase a literalidade do escrito. O Consello da Cultura Galega acaba de publicalo co título Da fonte máis fonda. Léase para opinar. Ademais o volume tamén trae outros escritos. Por exemplo, soubemos que Aquilino aceptara refacer o polémico ensaio até que veu a morte por el.

Sexa o que for, ninguén discutiu o vasto saber léxico de Aquilino. Din que gustaba acudir á feira, na carballeira de Santa Susana, para ouvir palabras que o vento traía dos dialectos desta terra agraria. Con ela fixo literatura: a súa poesía é un longuísimo vocabulario. E, en fin, eu non teño por certas as supersticións pero recito a poesía de Aquilino en alto porque sinto que o vento fecunda a miña boca e dela emerxen palabras que me encapsulan coma un pícaro que descobre a vida. Ese é o poder evocativo do seu poema. Fagan a proba.

Compartir el artículo

stats