Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor do escultor Xoán Piñeiro

Magnífica monografía

'San Xosé Obreiro' (1964).

Unha magnífica publicación trae á actualidade a figura do escultor Xoán Piñeiro (Nerga-O Hío, Cangas, 1920- O Porriño, 1980). Trátase do libro Xoán Piñeiro, editado en Goián (Tomiño) pola fundación que leva o nome do artista. O volume foi coordinado pola historiadora de arte Chus Martínez Domínguez e conta tamén coas achegas de Gustavo Hervella García, Miriam Elena Cortés López e Carla Fernández Martínez e co deseño gráfico de Pepe Barro.

A publicación repasa con rigor interpretativo e atractivo tratamento visual a traxectoria do artista e incide na necesidade de coñecermos o contexto histórico e o papel da escultura no espazo público para a atinada compresión da súa traxectoria. Neste sentido, a formación do noso escultor vai producirse nos anos corenta cando, debido á Guerra Civil e a dura posguerra, o panorama cultural é desolador e non dará probas de mellora até avanzados os anos cincuenta. Prodúcese un constante éxodo de artistas, que perante a pobreza do medio galego non teñen máis alternativa para se formaren que a marcha, en especial a Madrid, co consecuente empobrecemento do espazo artístico galego. No caso de Xoán Piñeiro vai formarse como imaxineiro en Santander e logo en Madrid para recalar finalmente en Vigo e traballar desde Goián.

Portada do volume 'Xoán Piñeiro' (2021).

Portada do volume 'Xoán Piñeiro' (2021).

A obra de Xoán Piñeiro dos corenta e cincuenta é marcadamente académica e no ámbito das encomendas públicas, como non podía ser doutra forma, moi mediatizada polo contexto social e político. A partir dos sesenta vai afastase algo máis destes presupostos con formas figurativas ou abstractas en que predominan os ritmos sinuosos, organicistas, aínda que non é infrecuente que os seus traballos remitan á liña do Movemento Renovador da Arte Galega de preguerra, nomeadamente a Eiroa, para chegar a formas en que xoga co oco e a curva. Nesta liña, Xoán Piñeiro consegue tirar partido duns materiais de enormes posibilidades expresivas e de longa tradición como son a pedra e o bronce. En especial destaca o traballo co bronce. No metal encontra as enerxías creadoras na extrema economía das formas, que aluden sintéticamente a mundos materiais ou conceptuais (desde o vexetal até experiencia humana), propendendo a un certo organicismo que pode evocar formas, por exemplo, dun vexetal ou dunha ave, sen facer delas imaxes abstractas; o propio ritmo é o que se torna visíbel, concreto, cheo de sutileza e elegancia. Certamente, toda a obra do artista ten un referente orgánico, mesmo cando tende a formas xeométricas, aspecto que evidentemente ten que ver cunha profunda identificación coa natureza, como se a artista quixese captar dela a súa pulsión, non a súa visión máis epidérmica.

  • Xoán Piñeiro, el escultor que llegaba al alma de las piedras

No mundo creativo do escultor aparecen figuras achegadas a unha visión próxima á experiencia colectiva, por exemplo o traballo, e o mundo íntimo e afectivo, que nos transportan a vivencias da súa experiencia persoal. Podemos percibilo nos pequenos bronces, que son do máis interesante do seu labor, pezas que evocan máis que describen, que se cargan dunha indubidábel potencia poética e que acaban por constituírense en signos vitais.

De por parte, algo que tamén transmitía rotundamente o artista era que a escultura supuña para el unha relación co material de enorme intensidade, cunha profunda consciencia do seu papel como creador e do proceso a seguir, sen o que sería imposíbel dar forma a materiais sólidos e durábeis.

O espazo público do franquismo

Un dos aspectos máis interesantes da obra de Xoán Piñeiro, entendida desde o seu contexto histórico, é a súa importante obra pública, que é un reflexo do seu tempo e dos condicionantes e as limitacións impostas aos artistas no ámbito publico e comunal. Cómpre lembrarmos que perdido o carácter conmemorativo, dominante até comezos do pasado século, aínda que presente en décadas posteriores, o papel da escultura no espazo público acaba por se constituír nun problema, mesmo non resolto de vez no noso tempo. As opcións construtivas -unhas das máis activas nas buscas máis radicais- tentaron resolvelo cunha vontade de integración na vida real, no mundo cotián, procurando que substituíse o que antes fora visión espiritual pura, idealismo e concepto. Para conseguilo optaron por unha configuración elemental, traballando con valores como precisión, claridade, apertura de novos espazos e xeometría suspensa, coa finalidade de erixir, como dicía o escultor ruso Vladimir Tatlin, “materiais, volumes e construcións en fundamento”; un artista, por certo, que co seu xeometrismo quería reflectir a ética revolucionaria soviética –logo esmagada pola burocracia estalinista-.

Mais o noso medio público e institucional dos anos cincuenta e sesenta (e mesmo dos setenta) estaba moi lonxe destas preocupacións e así é como cómpre entender traballos como o San Xosé Obreiro (1964, Vigo) ou A Cea de Igrexa dos Apóstolos (1968-1976, Vigo), obras que son, en boa medida, testemuños, non só estéticos, de toda unha época en Vigo e en Galicia.

Compartir el artículo

stats