Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rosalía inédita

Da verdadeira data do seu nacemento

Rosalía de Castro vista pola ilustradora Paula Mayor. Paula Mayor

É curioso comprobar como funciona en moitos de nós un preconcepto segundo o cal damos por sentado que, no referente aos grandes clásicos, nada fica xa por dicir ou por investigar no que di da súa vida e obra. Por iso nos parece case imposible que haxa quen sexa capaz de ampliar a biobibliografía de Shakespeare, de Cervantes, de Dante ou de Rosalía.

E pur si muove!

Semella un milagre que, case douscentos anos despois de nacer Rosalía e preto de século e medio dende a súa morte, batamos co descubrimento da verdadeira data do seu nacemento, da auténtica relación que mantivo con súa nai ou dos lugares nos que viviu en Madrid, entre outras circunstancias determinantes na súa vida que, sen dúbida, acabaron por influír decisivamente na súa escrita.

A responsable desta luminosa descuberta é a investigadora galega Sagrario Abelleira, quen atopou no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid o expediente matrimonial de Rosalía de Castro e Manuel Murguía e, con el, moitos datos de ambos os dous que ata hoxe descoñeciamos e que agora ven a luz na monografía Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), unha obra que conta cun amplo capítulo introdutorio da propia Abelleira e do estudoso e ensaísta Miguel Anxo Seixas Seoane e que reproduce facsimilarmente a ducia longa de valiosos documentos que compoñen o expediente matrimonial acompañándoos das pertinentes transcricións.

Acta de recoñecemento de Rosalía como filla natural de Teresa de Castro, outorgada por esta.

Acta de recoñecemento de Rosalía como filla natural de Teresa de Castro, outorgada por esta.

Grazas á paciente pescuda de Abelleira —e á inestimable axuda de Pedro Sabe Andreu, director adxunto do Arquivo, e da arquiveira Irene Galindo— hoxe temos a proba documental de que Rosalía non naceu o 24 de febreiro de 1837, como se pensaba fiando na súa partida bautismal, senón a noite do día 23, ás catro da madrugada. E tamén temos constancia por acta notarial do seu recoñecemento como filla natural por parte de súa nai, Teresa de Castro, quen a deu por descendente súa en 1843, o que desmonta o falso mito dunha Rosalía orfiña criada lonxe do agarimo materno. Do mesmo xeito, son valiosísimos o certificado do reitor da parroquia de Iria Flavia sobre os anos que viviu Rosalía na vila de Padrón e aínda outros documentos que amplían o coñecemento da estancia da escritora en Madrid (quen non só tería vivido na famosa Calle de la Ballesta, 13, senón ata en outros catro domicilios máis) e das amizades que alí frecuentou.

Haberá quen pense: pero como é posible que non soubésemos ata o de agora nada desta información básica sobre unha escritora universal como é Rosalía de Castro? Aínda máis; poida que haxa quen se diga: isto é excepcional, non se coñecen moitos casos así.

Foto antiga da casa natal de Rosalía (Santiago de Compostela).

Foto antiga da casa natal de Rosalía (Santiago de Compostela).

Sinto disentir. E amentarei apenas dous ou tres exemplos ben notorios para evidenciar que o noso coñecemento sobre as cuestións pretéritas, mesmo as que atinxen aos máis grandes entre os grandes, sempre está suxeito a reconsideracións e descubertas.

Primeiro exemplo: hoxe celebramos o Día do Libro o 23 de abril. A razón orixinaria sustentábase no feito de que se cría que fora ese o día no que morreran Cervantes e Shakespeare. Pois ben: agora sabemos que Cervantes morreu o 22 de abril e que o 23 foi cando o soterraron. E tamén sabemos que a Inglaterra de Shakespeare se rexía polo calendario xuliano e a España de Cervantes polo gregoriano, así que o de Stratford-upon-Avon faleceu, en verdade, o 3 de maio daquel ano. E, porén, a Unesco declarou en 1995 o 23 de abril Día Internacional do Libro e o Dereito de Autor amparándose na coincidencia desas datas.

Segundo e terceiro exemplos: tal como figura na Lei de Símbolos de Galicia de 1984, o poema “Os pinos” de Eduardo Pondal constitúe a letra do noso himno. Pois ben, o texto que se fixou como oficial mantén versos nos que se fala dos “féridos e escuros” e mesmo do “valeroso chan”. Secasí, tras os rigorosos estudos do profesor Manuel Ferreiro ficou demostrado en 1997 que, en realidade, Pondal escribira “férridos e escuros” e “valeroso clan”. E, non obstante, seguimos a cantar o que cantamos. En fin, boa parte da historiografía galega continúa a dar por boa a simbólica data do 17 de decembro de 1483 como o día no que foi decapitado o protomártir nacional Pedro Pardo de Cela. Aínda máis: na Praza da Catedral do meu Mondoñedo natal pode visitarse unha placa conmemorativa que lembra o lugar do infausto axustizamento. E novamente a verdade é teimuda, porque, mercé ao descubrimento do testamento do mariscal por Eduardo Pardo de Guevara no 2013, non hai dúbida de que morrera xa o 3 de outubro.

Resignificar o mito

Así as cousas, cómpre preguntarse: será modificado o recentemente oficializado como Día de Rosalía e pasará da actual data de celebración o 24 de febreiro ao día 23? Seguirán os libros de textos do alumnado repetindo o mantra dunha Rosalía filla de proxenitores incógnitos que se criou sen os afectos de súa nai? Continuarase a obviar o intenso periplo domiciliar e a rede de relacións que a poeta teceu mentres permaneceu en Madrid?

Só o tempo dará reposta a estas interrogantes. O que está fóra de calquera discusión é o alcance e a importancia dos achados que revela Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), que debe agradecerse, en primeiro lugar, a Sagrario Abelleira pola investigación, documentación e transcrición dos documentos, mais tamén a Miguel Anxo Seixas Seoane como coautor da edición e do estudo introdutorio, a Gregorio Casado pola supervisión da transcrición e rexestos, a María Ramos polo deseño e produción do libro, á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia polo patrocinio desta impecable edición e á Casa de Rosalía por colaborar nela. Mercé a todos eles Rosalía ha ser aínda máis admirada, pois só se ama o que se coñece ben.


Compartir el artículo

stats