Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

(No) Time to Die

A derradeira sesión con Daniel Craig

Fotograma de "Sen tempo para morrer".

O destino opera de modo arbitrario con certo tipo de filmes que, propulsados polo implacábel avance do infortunio, logran transformarse en lendas moito antes mesmo de que saian á luz. Xa sexa porque o seu director falece antes da estrea, como foi o caso de Eyes Wide Shut (1999) de Stanley Kubrick, ou porque o seu protagonista decide to quit the scene (literalmente “marcharse ás présas, deixar un posto de traballo”); o certo é que esta nova entrega de James Bond transita sen recato polos territorios do mito. Un lanzamento que, tras moitos meses de retraso, comporta unha bafarada de ilusión para todos os seus seguidores.

Así e todo, dun modo similar ao que sucedía coa saga literaria de Ian Fleming, a base do relato fílmico de No Time to Die (2021) non destaca pola súa orixinalidade. Os xerifaltes da compañía Eon Productions Ltd., encargados da súa feitura, optaron de novo por un formato recoñecíbel, saturado de secuencias de acción, persecucións en automóbiles e algunha que outra escena de sexo “para todos os públicos”. Tan só se podería dicir que o filme de Cary Joji Fukunaga (California, 1977) constitúe unha excepción con respecto a todo o anterior nunha única cuestión: a súa longa, longuísima duración.

Ser axente secreto non resultaría un oficio complicado nin mal pagado (a xulgar polos reloxos Omega, os autos Aston Martin e os hoteis Goldeneye) se non fose porque sempre hai alguén que vén alterar a felicidade de estar fóra do servizo activo. No momento en que 007 (Daniel Craig) recibe a visita en Xamaica do seu antigo compañeiro e amigo Felix Leiter (Jeffrey Wright), todos sabemos que xa non vai poder descansar até que cheguen os créditos de peche. A misión non semella algo inédito para el (nin para os espectadores). Consiste en rescatar un científico secuestrado por un misterioso malvado, Lyutsifer Safin (Rami Malek), que como todos os anteriores pretende acabar co mundo: “Ti e eu, James, dedicámonos a eliminar o lixo deste mundo. O único que nos separa é que eu pretendo hixienizalo un pouco máis”.

No Time to Die evidencia como ningún outro filme o tipo de cinema que está proliferando agora mesmo, con orzamentos de escándalo (200 millóns de libras das que Metro Goldwyn Mayer Studios e Universal Pictures International pretenden sacar pingües beneficios), mais sen sinais claros de identidade nin trazos proprios dos lugares que describe (Xamaica, Cuba, Escocia, Noruega) ou das xentes que os habitan. E todo iso a pesar do interese dos produtores por querer insuflar un alento cosmopolita á historia, introducindo actrices como Ana de Armas (cubana), Lashana Lynch (de ascendencia xamaicana) ou Léa Seydoux (francesa).

O universo de Daniel Craig (na súa quinta e derradeira interpretación do axente 007) xa non é o que era. O desgaste causado polo paso do tempo, os danos físicos reais sufridos durante as rodaxes (dúas operacións de xeonllo, un ombro reconstruído, unha man ferida) e a fartura da personaxe fan do James Bond que contemplamos un ser perdido, incapaz de asumir a responsabilidade da súa actuación. Mesmo semella que os caracteres implícitos (aqueles que lle daban sentido á historia e á personaxe central) fosen borrados e, pola contra, os explícitos (os formais) seguisen todos eles na pantalla: o fetichismo polo vestiario, os eternos Pinewood Studios, as personaxes de Q, Miss Moneypenny ou M e o Vodka Martini.

Non cabe dúbida que a industria cinematográfica actual está á procura dunha nova relación co espectador. Unha estratexia da que o actor británico Daniel Craig acaba de decidir non formar parte. O perigo real de monopolización da imaxe que se oculta detrás dos conglomerados mediáticos esixe a nosa reacción inmediata. En caso contrario, e tal e como lle sucedeu a el, poderíamos estar asistindo á derradeira sesión de Cinema.

Ana de Armas.

De armas tomar: Ana

En 2014, a aspirante a estrela, Ana de Armas, decidiu fuxir do seu éxito na serie española El internado para aterrar na “Meca do cinema” sen saber nin unha palabra de inglés. A historia é real, ou polo menos é o que contan as portadas dalgunhas revistas do corazón daquel momento. Por suposto houbo xente que puxo en dúbida toda a información que se publicaba sobre a actriz cubana de Por un puñado de besos (2014, David Menkes). A veracidade ou falsidade dos feitos non semellaba importar demasiado aos profesionais da prensa amarela. Mais foi ela mesma a que uns anos máis tarde resolveu facer unha versión de si mesma acorde co que dela se esperaba.

O primeiro foi conseguir portadas ofrecendo detalles sobre as súas relacións amorosas con personaxes tan mediáticas como Ben Affleck, Édgar Ramírez ou Alejandro Piñeiro, entre outros. As consecuencias foron máis que inmediatas. A nova versión daquela aspirante a actriz con nome de muller potente comezaba a dar os seus primeiros pasos no universo mercantil de Hollywood até chegar a ser Paloma, unha “rapariga Bond” en No Time to Die.

É probábel que Ana de Armas queira nun futuro lonxincuo deixar de ser ese produto estético que aprendeu inglés en Hollywood para dar pancadas aos viláns. En calquera caso, será o paso do tempo e a súa intelixencia os que decidan se a imos lembrar como portada de Woman ou como entrada na grande enciclopedia do cinema.

Compartir el artículo

stats