Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Relacións permeables

Nación e/ou entidade cultural

Relacións permeables

No ano 1147 o reino de Portugal adquiriu carta de natureza política; a partir dese momento os reinos de Galicia e Portugal levaron camiños diferentes: Galicia comprometeu o seu futuro co de Castela, mentres que Portugal converteuse nunha nación independente con vocación atlántico-universal, sobre todo despois do triunfo da revolución burguesa de 1383-1385, aínda que a incorporación de Portugal á coroa de Castela arruinase ese proxecto.

A mediados do século XIX os homes e as mulleres do Rexurdimento recoñeceron no noso pobo unha serie de elementos constituíntes dunha identidade nacional propia, como son unha lingua e unha cultura propias e un pasado común que se remontaba a tempos prehistóricos e que xa os romanos recoñeceran como diferente; ese feito diferencial levou a Pondal a definir a nosa terra como a ‘Nación de Breogán’, o mítico fundador da nación celta.

Ora ben, esa lectura do noso pasado reflectía un proxecto político ou cultural? Por unha banda, parece obvio que hai unha liña que vai de Murguía a Beiras, pasando por Castelao, que defendeu o carácter político da nación galega e a súa materialización en institucións de autogoberno; por outra banda, resulta evidente que un sector importante da intelectualidade galega optou por unha estratexia culturalista, velaí están os homes da xeración Nós ou de Galaxia, entre outros exemplos.

Non obstante, eses dous camiños nunca foron independentes; ao contrario, mantivéronse en constante relación permeable e osmótica, xa que os avances e as reflexións do mundo da cultura foron sempre o fundamento do movemento político e outro tanto no sentido inverso, velaí están as institucións culturais creadas ao abeiro das institucións políticas, como o Consello da Cultura Galega. Precisamente para analizar esas relacións tan permeables, Ramón Villares xuntou no libro Cultura e política na Galicia do século XX (2021) unha serie de ensaios que pretenden explicar a forte hexemonía do mundo da cultura na construción política da nación galega.

VILLARES, Ramón, Cultura e política na Galicia do século XX, Galaxia, Vigo, 2021, PVP. 23,75 €

Compartir el artículo

stats