Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

200 anos despois de Santa Helena

Napoleón: o xuízo da Historia

Napoleón Bonaparte cruzando os Alpes (1800), cadro pintado por Jacques-Louis David entre 1801-1805 (versión de Belvedere).

Unha pequena illa situada no medio e medio do océano Atlántico, Santa Helena, pasou á historia universal por ser o lugar onde morreu Napoleón Bonaparte o 5 de maio de 1821. Deste xeito, remataba o exilio que Inglaterra lle impuxera ao emperador dos franceses quen, logo da derrota de Waterloo, quixera fuxir aos Estados Unidos mais devira bloqueado no porto de Rochefort. Naquela xeira, Santa Helena viña constituír un punto fundamental das rotas marítimas británicas cara a África, Asia e Oceanía: porén, cando en 1869 abriu a canle de Suez, a illa quedou esquecida. Alí o “gran corso” recibiu sepultura, ata que en 1840 foi exhumado e trasladado aos Inválidos de París como acto propagandístico promovido por Thiers a prol de Carlos X, o primeiro rei Orleans.

Dous séculos despois, que queda da súa pegada histórica ou da súa herdanza? Posiblemente, e malia a súa megalomanía, moito máis do que imaxinamos. Á hora de encarar a dimensión dunha figura tan excesiva como a de Napoleón, cómpre facermos unha primeira reflexión: pode a simple vontade dunha persoa modificar o curso da Historia? Ou son as circunstancias históricas, económicas e sociais as que propician que certos persoeiros actúen de catalizador? No caso de Napoleón Bonaparte, máis alá do xenio persoal, houbo dúas circunstancias, polo menos, que fixeron que encabezase de maneira individual o curso da Revolución encetada en 1789. Dunha banda, a defensa militar que o seu país tivo que exercer fronte á ofensiva das monarquías absolutistas europeas; doutra, a necesaria recuperación de Francia coma Estado, unha vez destruídas as estruturas do antigo réxime.

E nesa recuperación, que levou a Francia a conquistar media Europa –grazas, entre outras cousas, ao xenio militar de Bonaparte-, houbo un instrumento fundamental: o exército nacional. Por primeira vez no vello continente, un estado tiña un goberno non dinástico (ao cabo, Bonaparte non deixaba de ser un emperador republicano) e adquiría una condición nacional, e o seu exército non estaba formado por mercenarios senón por cidadáns e mandado fundamentalmente por militares de carreira. Malia as dúas derrotas de Napoleón, o seu modelo político e militar impúxose por Europa adiante conforme as revolucións democráticas foron eliminando a condición absolutista das monarquías.

A conformación dun exército nacional ía paralela ao deseño dun estado de novo cuño. De entrada, e en nome da igualdade entre os cidadáns imposta pola Revolución, articulou un estado centralizado organizado en departamentos sen máis marxe de acción que a administrativa. Unha organización que eliminaba definitivamente a territorialidade de orixes medievais a prol da racionalidade da administración pública. E para que tal obxectivo fose posible, Bonaparte impulsou a aprobación dun Código de Comercio, dun sistema fiscal e do Banco de Francia no ámbito económico. No ámbito social, e para garantir a convivencia cidadá, promulgou asemade un Código Civil que, anos despois, foi a base para a futura gobernación nos diversos estados europeos.

De xeito semellante, promoveu que o Estado garantise a educación pública para todos os menores (nenos e nenas por igual), para o cal puxo as bases dun sistema educativo xeral, herdeiro das propostas impulsadas pola Revolución, baseadas nas doutrinas de ilustrados coma Rousseau. Un modelo que permitiu que en 1887 o ensino preescolar estivese implantado en toda Francia. O Estado tamén asumiu que o ensino universitario fose público, sen depender da presencia da Igrexa. Un dos resultados desta política –por harmonizadora que resultase- foi que practicamente toda a poboación francesa, nos anos seguintes, tivo acceso –polo menos oficialmente- á escolarización.

Malia a derrota de Napoleón, a súa pegada alterou o mapa de Europa e de América por activa ou por pasiva. Se ben a Conferencia de Viena pretendía lexitimar a volta ao absolutismo e estableceu o reino dos belgas como tapón entre Francia e Prusia (consolidada coma nova potencia europea), as revolucións na América española colleron o modelo napoleónico á hora de conformar os novos países independentes.

Compartir el artículo

stats