Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antón Reixa - Músico e poeta

“Os tesouros do 'Nautilus' son a lingua galega e o talento agachado”

Antón Reixa volve poñer en marcha dous dos seus proxectos. Cedida

Máis que un regreso, o de Antón Reixa habería que cualificalo, na linguaxe de hoxe, coma un reinicio. Por unha banda, Os Resentidos volven aos escenarios da man dun novo disco, Organización Nautilus; pola outra, tamén se reconstitúe, con Alberto Avendaño e Manolo Romón, o grupo poético Rompente.

–A verdade é que, vinte e oito anos despois da saída do anterior álbum, a noticia de que se publique un novo disco de Os Resentidos, non por ben recibida, deixa de ser sorprendente. Por que este regreso?

–En realidade non é un regreso tan sorprendente. Os grupos adoitan desfacerse porque discuten polos cartos ou porque lles falta creatividade. Isto último foi quizais o que nos ocorreu a nós: na altura de 1994, non atopabamos nada, nin sequera para sorprendernos a nós mesmos. Pero agora, cunha banda nova que integra varios dos fundadores con novos elementos, creamos un colectivo que foi quen de facer unha ducia de cancións que, aínda que pensamos que teñen moito que ver coa traxectoria que seguiu o grupo, aportan novidades dende varios puntos de vista, incluído o feito de que a calidade de gravación vén resultar moito mellor da que acadaramos en calquera dos discos anteriores.

–Esta reaparición supón tamén o retorno do grupo aos escenarios (cando a pandemia o permita) ou limitaranse soamente a dar uns poucos concertos?

–O noso desexo é actuar en directo o máis posible, e de feito xa temos concretado un primeiro concerto en Vigo, o 22 de maio.

Organización Nautilus é un título moi verniano...

Si, e polo tanto, moi vigués. Porque nós seguimos sentíndonos moi de Vigo e proclamando o Vigo solidario. O disco tamén está dedicado a todos os grupos musicais de mozos e mozas que cantan en galego, unha lingua que nós utilizamos sempre e que, malia a diferencia xeracional, fai que nos sintamos moi próximos a eles. De feito, tamén temos previsto facer un “Babel Tour” no que tocaremos sempre ao carón doutro grupo de rock en galego. porque o galego é, ao cabo, o verdadeiro tesouro do Nautilus.

–O de Jules Verne, insisto.

–Si,claro; porque é unha reivindicación do talento agachado; dese que existe e que está aí, á espera de que se lle faga xustiza mediaticamente en Galicia.

"Todas as letras teñen un carácter moi rabudo; iso sempre está aí, é marca da casa"

decoration

–Por certo, que cada unha das doce cancións ten o seu correspodente videoclip.

–Si, e ese é un aspecto moi importante. No vídeo de 'Nautilus', os debuxos son de un rapaz autista que se chama Antón Romero, que é unha marabilla. Para nós traballar con el foi unha experiencia apaixonante.

–Dende o punto de vista estrictamente musical, cal é a diferencia entre estes Resentidos do século XXI cos Resentidos do século pasado?

–Penso que hoxe hai unha maior convivencia entre os membros do grupo, o cal propiciou que nos saíse un álbum cunha liña unitaria pero no que segue habendo diversidade: rock and roll, hip hop, sons latinos…e nisto coido que tamén estamos en sintonía cos grupos actuáis, que adoitan ser estilísticamente moi abertos e heteroxéneos.

–Chama a atención que entre as cancións que inclúen neste álbum haxa unha, 'A xustiza pola man', con letra do poema de Rosalía de Castro. Iso faríano Os Resentidos do século pasado?

–Si, porque é un poema que demostra a radicalidade e, ao tempo, a universalidade de Rosalía de Castro. E iso tamén vai con nós.

Portada do novo disco de Os Resentidos, "Organización Nautilus".

–Pero o caso é que non fixeron cousa semellante na etapa anterior.

–Seguramente porque pensabamos que igual xurdiría algún prexuízo folclorista daqueles que abondaban antes.

–Unha das características de Os Resentidos que naceron nos anos 80, era a provocación. Nestas alturas, aínda é posible provocar? Vai ser a provocación tamén un instrumento dos “novos” Resentidos?

–A provocación ten sempre máis que ver co receptor que co emisor. Dito isto, teño que recoñecer que todas as letras teñen un carácter moi rabudo, e iso sempre está aí, é marca da casa.

–Que “confluencia astral” se tivo que dar para que en toda España se escoitase (se cantase e ata se bailase nas discotecas) aquela extravagante canción titulada 'Fai un sol de carallo'?

–Son cousas que pasan na música. Coido que demos cun estribillo afortunado e déunos unha grande difusión, fíxonos moi populares. Pero xa se sabe que para obter este tipo de éxitos, non hai fórmulas escritas. Eu nin sequera acredito niso de que hai especialistas en prefabricar éxitos. O que si puido haber foi, efectivamente, unha misteriosa confluencia astral.

"Na poesía e na música sentímonos moi perto das poetas mozas e dos grupos que cantan en galego"

decoration

–Outra noticia desta, que semella unha nova etapa da súa vida artística, é a reconstitución do grupo poético Rompente, e outra vez teño que preguntarlle por que.

–Pois por unha razón moi sinxela: porque despois de trinta anos traballando en Estados Unidos, resulta que regresou a Galicia un dos seus membros fundadores, Alberto Avendaño. Reunímonos os tres e resultou que o alicerce dos nosos principios éticos e estéticos, que se reflectiron en Rompente, continuaba intactos. Foi como un reencontro de antigos alumnos que falamos entre nós como se non tivera pasado o tempo.

–Rompente reivindicaba as vangardas poéticas, a poesía experimental, a espontaneidade… pero na poesía galega actual semella que iso non está “de moda” hoxe en día. Pensan Vdes. seguir na mesma liña, nesta nova etapa?

–A poesía galega goza dunha etapa espléndida e, o que é mellor, protagonizada maoritariamente por mulleres. Con esta xeración de poetas, si que nos entendemos mellor e, é mais, penso que o paso do tempo acabou por darnos a razón no senso de que as nosas propostas están moi achegadas ás delas. E, polo que a Rompente atingue, por suposto que manteremos a nosa liña.

–E seica está no prelo un novo libro titulado Que ostias din os rumorosos. Foron os rumorosos os que lles dixeron que había que volver poñer a andar a Os Resentidos e Rompente?

–O título está sacado dun poema escrito hai corenta anos. O libro contará cun limiar de Julián Hernández e ilustracións de Menchu Lamas e Antón Patiño,que xa tiñan colaborado connosco. Pero á pregunta que me fas, direiche que non, que os rumorosos non me dixeron nada. Foi a vida, e nomeadamente a reflexión que fixen tras do accidente que sufrín hai uns anos, o que me levou a retomar os camiños da música e da poesía.

Compartir el artículo

stats