Vetusteza e actualidade

Con prosa áxil e suxestiva

María Navarro

As lembranzas que un grupo de rapazas teñen do seu paso polo internado Polar son obxecto do relato que, xa de adultas, e, como se dunha confesión se tratar, tamén serven para que nós, os lectores, sexamos quen de interrogármonos polo acontecido, porque na procura dunhas palabras que expliquen como era a vida nun centro no que, quizais, a aprendizaxe non era tal, atopamos un discurso perante alguén que se limita a escoitar, pero que propicia unha valoración dos feitos acontecidos durante a etapa de estudantes e que permanece na memoria das rapazas como a época máis interesante das súas vidas.

As tarefas cotiás entremestúranse con aqueloutras que tiñan os sentimentos e as experiencias reais e imaxinarias como eixo fundamental das súas vidas, de modo que o episodio do matrimonio de sor Elvira Lecumberri cun director de xornal, os movementos dos lobishomes Delgado, as manobras dos porcos onda a poza e mesmo o paso de Elsa polo internado son as pasaxes que as mozas lembran con certa nitidez co paso do tempo, porque deles tiraron ensinanzas, non precisamente académicas, senón outras máis valiosas para a vida e que a perspectiva dos anos fixo avivar nas súas mentes como idóneas, a pesar de que o tempo vivido de rapazas non transcorrese tan axiña como lles tivese gustado.

Cunha prosa áxil, enigmática e certamente suxestiva presenta Eva Moreda (A Veiga, 1981) no selo Morgante de Rinoceronte Editora un texto que desprende actualidade e vetusteza ao mesmo tempo, porque a súa atemporalidade permite conciliar descrición e comprensión de actuacións determinadas articulando significativamente diversas experiencias, se ben nunha lectura máis profunda se intúa un substancioso ton irónico e poidamos dar por fantástico aquilo que foi efectivamente real.

Vetusteza e actualidade

Vetusteza e actualidade / María Navarro

MOREDA, Eva, Rapazas de Polar, Morgante, Cangas, 2021, PVP. 11,68 €

Suscríbete para seguir leyendo