Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A repatriación de Cachamuíña

Memoria do heroe da Reconquista

Os restos de Cachamuíña na Porta da Gamboa (9-VIII-1932) VIDA GALLEGA

O oficio dos carteiros ten moito de cartografía urbana. Coñecen as rúas, ruelas e recantos coma un silabario. Digamos en Vigo Rúa dos Anxos, Canellón do Chinito ou Subida do Paraixal. Mais se for nunha aldea, o carteiro sabería de estirpes. Ninguén aló di “rúa de tal” ou “número cal”. Dise: “Casa da Baixoca” ou “Casa dos Patuxos”. Aquí ou acolá, o carteiro detense para dar fala.

Pero en Vigo hai unha rúa céntrica (debe ser a única) en que os carteiros non paran. Non hai quen escriba ese enderezo porque non hai quen reciba correspondencia. Apenas os micos da rúa Santiago que chimpan pola acrobática panificadora (o templo do pan), capaz de resistir en pé o embate dos anos, eslavuxada das cinsas dos incendios e vitoriosa fronte as saudades que pesan na alma da pedra, que disque é a doenza máis grave que a paisaxe pode sufrir. Eis a rúa Cachamuíña. Dun lado linda co valo do Castro. Deloutro, lambe os pés da malchamada Praza do Rei. E polo medio desfila polo Campo de Granada. E acontece que no maxín vigués, Cachamuíña é heroe local malia ter berce no Ribeiro (coma E. Chao). En Vigo todos temos orixe ourensá. Velaí as colonias aurienses do Calvario, cada vez máis discretas xa que as grandes superficies enguliparon o comercio de proximidade: zapatería Verín, carnicería Xinzo, froitas Lobios…

Na imaxe pequena: Bernardo González del Valle, Cachamuíña (1771-1848) VIDA GALLEGA

A toma de Vigo por parte do pobo fixo xirar a sorte da guerra no Reino galego. Non foi a batalla de Pontesampaio sob o Verdugo (nunca Verduxo), tan exaltada pola historiografía oficial. A vitoria que fixo tremelicar o exército máis poderoso de Europa foi a Reconquista, como sostén X. R. Barreiro Fernández, quen nos foi arrebatado pola morte hai poucos días. E a liberación de Vigo liderouna Cachamuíña, un militar que puxo orde e mando na guerrilla do sur. El tumbou a porta da Gamboa tras recoller o machado do mariñeiro Carolo. Logo, durante moitos anos Cachamuíña durmiu o sono dos xustos en Prexigueiró (Pereiro de Aguiar). En distintas ocasións quixeron “repatrialo” até que na II República, por iniciativa do Centro de Hijos de Vigo, acadaron o obxectivo. O retorno esixía máximas honras e enormes faustos. Emilio Estévez, nun artigo no Glaucopis do Instituto de Estudos Vigueses, relátao con detalle.

No verán de 1932 alzaron a campa. Pacheco fotografou a sesión. Atoparon os restos óseos comestos polo tempo. Diante das autoridades recolleron todo nunha caixa de zinc que trasladaron ao Cabildo de Ourense. Unha parada técnica porque, por sorprendente que resulte, non tiñan aínda data oficial para o solemne acto de recepción. Manuel Azaña, entón ministro da Guerra, comunicouse por telégrafo coa Praza Militar de Vigo: Cachamuíña recibiría honras militares. Pouco despois, dende o balcón do concello de Ourense, o deputado republicano e líder agrarista Basilio Álvarez despediu o xefe guerrilleiro con verbas vibrantes e luminosas coma lumes de San Telmo. Era o 8 de agosto. Ao día seguinte, o cortexo fúnebre rondou polo centro de Vigo. Unha foto histórica, diante dunha recreación da Porta da Gamboa, dá fe da multitude que o homenaxeou. A nivel oficial non houbo representación do concello nin do Goberno Civil. A República era un estado laico pero os organizadores (Centro de Hijos de Vigo e familiares de Cachamuíña) impuxeron o catolicismo. Un síntoma das tensións vividas daquela.

O mausoleo erixiuse á entrada do camposanto de Pereiró. E até aí, pois en toda a cidade non hai un busto nin escultura na súa memoria. Se pensan no monumento da Praza da Independencia, sorprenderanse desta ausencia. Pero no alto, con porte militar e escarapelas no traxe, está Pablo Morillo (o traidor). Por baixo del, a liberdade, e á sombra das súas costas, Carolo. O simbolismo fala sozinho.

Nós cremos xusto que Cachamuíña, co seu rostro de asubío, mereza máis atención. Por exemplo, a escola de canteiros podería tallar unha obra para Alameda de Vigo. Mentres, os micos da rúa Santiago sairán ao paso dos carteiros na rúa Cachamuíña. Se non traen cartas, se cadra guindan un anaco de pan.

Compartir el artículo

stats