Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Forma e función

Arte contemporánea e obradoiro

Algunhas das obras que integran a exposición "Os roteiros da forma", na Fundación RAC.

A Fundación RAC de Pontevedra presenta, en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia e baixo o auspicio da Xunta de Galicia, a mostra Os roteiros da forma. Nela expóñene as creacións de catorce obradoiros artesáns vinculados ao proxecto de renovación dos oficios do feito á man que se vén desenrolando con gran sona dende hai dous lustros. Asi, ceramistas, teceduras, cesterías, zoquearías, ourives, talabartería, porcelanas, torneiras, ilustración e debuxo son convocados desta volta baixo o comisariado de Sara Donoso, coa moi plausible encomenda de cavilar arredor das ideas estéticas e utilitarias. A premisa é o feito artesanalmente con materiais naturais e preciosos, sendo o máis avaliado dos materiais o tempo.

O interese pola vida lenta, ou slow living, que encarna a volta ao artesán, non parece senón unha representación do valor que o tempo ten como luxo e como medida aplicada ao traballo, pois antes do renacer do artesán, tiñan quedado eses procesos creativos recluídos no universo dos obxectos e modas exclusivas e no feito á medida. Promovidas as reunións e mostras para debater o porvir da creación manual pola Fundación Loewe ou por Casa Alía en España, Homo Faber ou Chanel no estranxeiro, achéganse conclusións divulgativas do ben feito, con materiais perdurables e sinxelos.

"Son obxectos que exhalan unha sensibilidade seminal e futura, non reaccionaria nin nostálxica"

decoration

A cuestión das formas novas é primordial na mostra de Pontevedra, estando inspirados todos os obxectos exhibidos nun diálogo coa arte contemporánea. Son obxectos que exhalan unha sensibilidade seminal e futura, non reaccionaria nin nostálxica. O mesmo que o art nouveau, art déco, postmodern style, Bauhaus, Memphis, produciron formas estéticas acordes cunha época, o século XXI, na xeira da lixeireza, procura un tándem arte contemporánea con obradoiro artesán, con obxectos impregnados das formas incidentais, caprichosas ou referenciais da cultura dos nosos días. O momento creativo actual benefíciase do movemento Memphis de deseño nos anos 1980 que puxo fin ao axioma de “forma segue función”, para defender a supremacía da forma. Así calquera forma vale, calquera función se apaña baixo a prioridade da poética dos obxectos e mesmo da súa natureza retórica. O luxo non é outra cousa que un exceso de aire, auga, lume, espazo baleiro ou horror vacui.

Varios dos obxectos que se amosan na exposición.

Outro aspecto salientable dos obxectos artesáns con deseño dos nosos día é a súa entidade comprometida, sostible e chea de respecto pola natureza. Os think tank conveñen arestora que o consumismo sen tregua chegou a producir tanto desperdicio que os mares están infestados de plásticos, os polos terrestres derrétense, os ceos quebran no ozono, as xentes viven deprimidas en urbes anónimas coa única compañía do can. O artesán é poesía; o feito á man é reflexión e pode, sen dúbida, ser o baluarte dun novo xeito de vivir. Entón, fronte ao exceso dos mercados, demasiado poboados de mercadorías anódinas e clientes confundidos, aparece a necesidade de afastarse do gran consumo sen lecer, coa volta ao tradicional. A vida sen présa, os obxectos perdurables, as cousas feitas á man, as técnicas tradicionais ou innovadoras baseadas nas calidades e no virtuosismo son unha parte substancial do espírito dos tempos, unha parte do Zeitgeist.

Creadores

Idoia Cuesta, Iris Branco, Ferraxe de Prata, Santiago Besteiro, Marta Armada, Noroeste Obradoiro, Ana Tenorio, Elena Ferro, Copia cerámica, Verónica Moar, Adrián Pena, Iria Prol, Inés Rir, Paula Ojea... son os creadores en Galicia de cousas para sempre que se poden ver nesta mostra, a moda do perenne. Xentes que empregan unha libérrima guía creativa para definir as formas dos seus obxectos. Hai quizais no conxunto unha sólida inspiración de arte rupestre, hai asemade unha espiritualidade quietista pois a austeridade e minimalismo da meirande parte das cousas expostas resulta notoria. E como non pensar nunha visión franciscana da natureza canto aos materiais que aparecen como irmáns menores dos propios artistas. Xa que logo, a estética do conxunto está máis cerca do la arruga es bella do grande Adolfo Domínguez que do colorista universo do todo vale de Ettore Sottsass con Memphis; en calquera caso, ambos camiños acadan a excelencia.

Unha cousa para sempre

Todas as canles de reflexión e pensamento sobre o estilo de vida no século XXI pasan por consumir menos, consumir máis cerca, mercar bens reciclados, valorar a creatividade combinada con técnica, adquirir obxectos perdurables e sostibles. Daquela a ollada cara aos bens concibidos e manufacturados nun entorno de artesanado é un camiño para vivir mellor e coidar o planeta. Nos nosos días, coa volta ao artesán revisado, toma relevancia a herdanza do deseño escandinavo que se apoia nas creacións feitas con materias primas respectuosas, formas sinuosas procedentes da inspiración na paisaxe autóctona e obxectos que duren no tempo. A coherencia dos deseñadores daneses de mobles, cristais ornamentais, casas, obxectos, roupa e tecidos, ben merece non ser esquecida e empregada así como decálogo dunha guía estética figurada.

As novas artes transversais xurdidas da confrontación dos sistemas de consumo masivo fronte á manufactura de calidade individualizada, teñen unha faciana propia. Integran todos os eidos sonoros, visuais, sensitivos... para crear algo total. Favorecen os proxectos colectivos, renunciando á importancia da autoría do xenio, tentan crear cousas perennes, traballan nas formas polivalentes e nos materiais poéticos e fermosos de seu. O conxunto de creadores nesta mostra son de certo estudosos das formas e avaliadores das funcións nunha sinerxía coas fontes, prados e ríos galegos.

Compartir el artículo

stats