Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As "Parellas" de Xulio Maside

Unha mostra na Fundación Granell

Detalle de la obra "Luci e mais eu" (2014), de Xulio Maside.

A Fundación Granell presenta unha exposición da obra máis recente do pintor Xulio Maside (1933), vigués de nacemento mais ligado desde a infancia á cidade de Compostela, onde recibiu o estímulo e primeira formación do seu tío o pintor Carlos Maside.

Trátase dunha escolma de obra realizadas desde 2014 -ano da súa retrospectiva no Auditorio de Galicia- até este mesmo 2021. A mostra, composta de perto de setenta pezas que levan por título Parellas, parte cronolóxica e argumentalmente dunha obra de grande formato intitulada Luci e mais eu (2014), traballo que compendia o sentido da exposición xa que concilia obras anteriores coas posteriores que parten dela, con distinto formato e entidade, e serve de eixo argumental do proxecto expositivo, que recolle obras de variada técnica e formato.

Parella con gato (2010).

Parella con gato (2010).

A meditada obra de Xulio Maside está marcada polas súas fondas fidelidades pictóricas e foi configurándose como froito dunha elaboración moi estudada. É evidente que a investigación plástica de Xulio Maside se fai en diálogo coa tradición, unha tradición que é moi afín a certo clasicismo moderno, de ecos picassianos, como acontece con moita arte dos anos de formación do noso pintor. Mergullado nestas procuras, escolma dela elementos significativos, perseguidos de xeito obsesivo, e cheos dunha intensa forza plástica. Desta tradición pictórica figurativa proceden as representacións femininas en danza ou as parellas, porén, Xulio Maside sérvese destes elementos de grande alento expresivo para forzar a rosca, para escavar todo o pasado artístico, como se pode ver nos traballos agora presentes na Fundación Granell, realizados estes últimos anos.

Título: Parellas

Autor: Xulio Maside

Comisariado: María Esther Rodríguez Losada

Local: Fundación Granell, Santiago de Compostela

Até o 23 de maio

Xulio Maside segue, polo tanto, fiel ao seu horizonte estético e a estes postulados: clasicismo moderno e nova figuración, coa representación humana sempre patente, e con certos ecos expresionistas que tamén caracterizou e reivindicou boa parte da tradición plástica galega do século XX, fundamentalmente desde os anos vinte.

Na súa pintura última figuras e obxectos superpóñense no espazo do cadro, enmarcados nunha arquitectura plana e colorida, formada por elementos que veñen cara o espectador, por medio dos que o artista mantén unha enorme preocupación pola luz nas capas e planos transparentes, superpostos enriba uns dos outros segundo diferentes ángulos. En moitas obras faise evidente unha inmediata conexión entre o icónico e a cor que evita a teatralidade máis simple, un aspecto ben perceptíbel nas súas composicións fieis á tradición máis clásica, como nos nus femininos, as parellas ou as danzas, de ecos mitolóxicos, sempre a abalaren entre o apolíneo e o dionisíaco. A obra de Xulio Maside é un todo que mestura plástica académica e pulo expresivo, psicoloxía e percepción, comunicación e expresión, o que explica de maneira rotunda a súa peculiar visión do ser humano, da vida e do mundo que o rodea.

Parella en abrazo (2019).

Parella en abrazo (2019).

O noso pintor é un notábel debuxante, que conxuga a atenta observación da realidade -ese ser humano, en especial feminino, omnipresente no seu traballo- cunha precisa execución gráfica, marcadamente expresiva. Adopta sempre un ollar que ten moito de captación formalista mais nunca distanciado, interesado por principios esenciais pero tamén por dotar a estes dun sentido máis fondo e xerar tensións. Velaí as frecuentes interactuacións das figuras no espazo ou as reelaboracións de motivos clásicos, con esa inquedanza que se manifesta entre o real representado e o oculto.

Presenza feminina

A figuración de Xulio Maside está chea de representacións humanas mergulladas en mundos enleados entre soños e xogos ocultos: esas parellas que se contemplan ou unen ou eses grupos ensarillados en danza, ás veces con evidentes alusións eróticas. Nas obras centradas na presenza feminina mostra outra das características que singularizan o seu estilo, como é a capacidade de recrear e transmitir os sentimentos e emocións cunha clara suxestión erótica que fai que se respire frecuentemente unha tensión psíquica e sexual.

O mundo creado polo noso pintor é, daquela, unha mestura de inocencia, xogo lúdico e elaboración cultista, un mundo recoñecíbel e que, ao tempo, pode ser obxecto de análise fonda. É unha pintura feita de trazos sólidos e envolvida nunha atmosfera frecuentemente tensa mesmo cando recrea temas clásicos, con ilustres precedentes que van desde o barroco a Matisse ou Picasso. Son temas que permiten reelaborar os xogos e tensións psicolóxicas entre os personaxes, as olladas, os movementos convulsos e tamén favorecen o pormenorizado estudo compositivo que novamente nos recorda os interiores de escenas semellantes da tradición barroca e moderna. O pintor compostelán utiliza, xa que logo, a linguaxe figurativa como fidelidade á tradición da vangarda e prefire e aposta polo xogo de equilibrios e tensións.

Compartir el artículo

stats