Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ansia transcendente

Coa dor dos solitarios

Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) deixounos orfos da súa palabra o oito de outubro de 2019. Abandonou este mundo humildemente como humildemente o habitou. De feito a noticia do seu falecemento pasou case inadvertida cando, en realidade, se nos foi un dos maiores poetas do pasado século. Alguén que nos doou, como un presente póstumo, Clave de bóveda (publicado na colección “Tambo” de Kalandraka en edición de Teresa Seara, autora dun emocionado prólogo e alicerce de afecto do noso escritor) que pon ramo á súa extraordinaria traxectoria. Para el a vida foi un exercicio contumaz de entendemento e, en consecuencia, de asombros sucesivos. Mais tamén unha sede de ser outro, de transcender o estreito ser exhausto, de se dar contra a aridez do amor, contra a solidez da tristura. Toda a súa obra pode ser definida, entón, como o espello desta ansia transcendente.

Porén, non son insólitos os momentos de fervor pletórico, de gozo hipersensíbel, como cando pincela unha paisaxe: “E esa póla que rompe na fondura do souto./E esa á vulnerada por un anxo de orballo/na quietude do mundo”. Onde o cosmos persoal está cheo de dons que nos abraian: o dominio do ritmo e mais a música, a aguda sensibilidade con que debuxa as lembranzas máis íntimas dun modo case milagroso: “Unha muller acende un símbolo/anexiónanos/ amasa unha mañá,/desriza un bucle,/acicala un amor que anda descalzo”.

Existe unha poesía que nada di de nós, que pasa ao noso lado sen tocarnos. A escrita por Torneiro non segue ese designio. Sacode a nosa alma e énchea de epifanías e de dúbidas, de desolacións, de acacias e de anhelos inabarcábeis. Aquí están as súas querenzas: Bach, Chagall, Klimt, Neruda, Whitman… Tamén, as familiares dozuras: “E a noite era branca/co seu tacto de lúa”. E versos traspasados pola dor dos solitarios: “Xa é néboa nos espellos./Xa comeza a ser tarde”.

A xeito de despedida escribiu: “e eu non estou, eu, que aspirei a tanto/e transito outros reinos lixeiro de materia/e dócil como as pálpebras ao soño”. Inmenso.

ÁLVAREZ TORNEIRO, M., Clave de bóveda, Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2021, PVP. 11, 40 €

Compartir el artículo

stats