Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Miguel Rodríguez | Coordenador da revista mazarelos

“O xornalismo é unha ferramenta da que a Historia pode aprender”

Miguel Rodríguez Martínez, cun exemplar de Mazarelos. | FOTO: RICARDO MARTÑINEZ

–Como foi xurdir Mazarelos?

–Pois todo comezou nunha conversa con Roque e Mateo, dous compañeiros da carreira. Queriamos darlle saída a uns traballos que fixeramos durante o grao en Historia e creamos a plataforma mazarelos.gal. Co paso dos meses, compañeiras da carreira, alumnas doutras disciplinas e investigadoras de diversas universidades fóronse incorporando como colaboradoras, até chegar a máis de corenta na actualidade. Vimos que cada vez tiñamos máis presenza na rede e un grande apoio por parte do noso público, polo que quixemos buscar unha forma de lexitimar o proxecto e traballar no formato físico.

–Que supuxo dar ese paso?

–Para poder financiar o lanzamento en papel, organizamos unha campaña de micromecenado na que tivemos máis de cen co-financiadores que apoiaron a impresión dos dous primeiros números e a axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística. E aquí seguimos, no cuarto número despois dun ano no que aprendimos moito seguindo co que demanda a xente: unha revista divulgativa para todos os públicos, co rigor da academia e na nosa lingua. A función principal do paso ao papel foi a de leximitar o proxecto e ocupar un espazo que cremos que estaba baleiro nas librarías galegas. Vimos dunha disciplina na que as investigacións e os resultados das mesmas quedan ás veces agochados en libros cunha linguaxe moi específica que só le a xente do seu propio círculo académico. Coa revista queremos dar voz a todas esas novas propostas creativas, temáticas e enfoques que xorden nestas disciplinas.

–Cal é a procedencia dos artigos que publican nas súas páxinas?

–Ao comezo, os artigos na web pedíamosllos ás nosas compañeiras que viamos interesadas na iniciativa e, de cando en vez, chegaban propostas de xente que era lectora habitual da plataforma e se animaba a escribir. O primeiro número en papel naceu precisamente da participación dalgúns dos colaboradores e colaboradoras máis activas do plataforma en liña. A partir do segundo número comezou a chegar xente que quería escribir na revista, polo que dende entón lanzamos convocatorias de recepción de artigos.

–Que criterios de selección se seguen para elixir os artigos que se publican?

–Primeiro de todo buscamos que teñan unha linguaxe axeitada e plantexen temáticas que inviten á reflexión. Os criterios sempre teñen que ver coa capacidade de síntese, co tratamento axeitado das fontes e cunha clara exposición dos argumentos. Ao final queremos que aquela persoa que colle a revista descubra contidos novos que a poñan incómoda e así obrigala a formularse novas preguntas, saíndo da súa área de confort. Só dese xeitoavanza a sociedade.

–A que tipo de público vair dirixida Mazarelos?

–A nosa intención é que chegue a todo tipo de público. A divulgación cultural é un dos nosos principais obxectivos, polo que tentamos traballar con todo tipo de formatos para que non existan barreiras que limiten os nosos lectores. Garantir o reflexivo e rigoroso da academia, pero dándolle unha saída para todo público interesado sen que teña que estar especializado na materia. Por iso temos interese en estar nas bibliotecas públicas ou nas librarías, para quen se anime a facerse con Mazarelos, poder picarlle na súa curiosidade e presentar novas propostas.

–Mazarelosdefínese como “revista de Historia e de Cultura”.Que é o que queren aportar dende semellantes puntos de vista?

– A nosa revista arrancou co epígrafe de historia e cultura, e igual quedamos curtos. A parte da historia vén da nosa formación, pero como non queriamos pecharnos a outras disciplinas, engadimos o de “cultura.” Non entendemos que sexan dúas partes diferentes: a historia forma parte da cultura e a cultura non se entende sen historia. O que buscamos baixo este paraugas é que conflúan moitos camiños con diferentes enfoques, e a ver se así entre todos botamos abaixo os muros que en moitas ocasións se levantan -sen moito sentido- entre estas disciplinas.

–O xornalismo é unha boa ferramenta para revisar a Historia?

–O xornalismo, como o resto das disciplinas, ofrece moitas ferramentas das que a Historia pode aprender. Hoxe en día debemos traballar dende unha metodoloxía multidisciplinar e avanzarmos cara a un obxectivo común. Un exemplo bastante claro é o tema das entrevistas. As vivencias da xente son unha fonte moi útil para a historia máis recente, e todas as técnicas comunicativas son fundamentais para establecer unha relación de confianza e comodidade coa entrevistada.

–Tratan só temas relacionados con Galicia ou tamén internacionais?

–Non hai barreiras fronteirizas. Temos colaboradores que escriben dende Italia ou México, aos que traducimos, encantados ,os artigos. En moitas ocasións os textos parten de Galicia por ser a realidade que nos rodea, pero a ollada adoita ir máis aló. Hai que partir do propio para trascender nun contexto global, pero tamén queremos facer o camiño inverso. Moitas veces cómpre observar o que se fai, ou sobre o que se debate, no mundo para aprender. Non podemos estar desconectados do que pasa por aí adiante.

–Chama a atención que a revista non teña director (porque Vde. é coordenador). Todas as decisión se toman colectivamente?

–Adoitamos falar de Mazarelos como un monte en mancomún. Nós iniciamos o proxecto, pero aquí pódese sumar todo aquel que queira contribuír ao mesmo. Ao final cada unha contribúe cunha ollada diferente e sumar moitas voces sempre é positivo para levar o proxecto adiante. Como non temos demasiada experiencia, poñer en común as nosas ideas e confrontar as opinións, é un mecanismo de aprendizaxe.

* No sur de Galicia, Mazarelos pode adquirirse en quioscos de Vigo, Redondela e Ourense. Tamén ‘on line’, en mazarelos.gal/tenda

Compartir el artículo

stats