Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rexistrado desde o chan

A obra sobre papel de Ignacio Pérez-Jofre

Obras da exposición "No chan", de Ignacio Pérez-Jofre, na Fundación Laxeiro. | FdV

Despois doutra prolongada pausa, novamente provocada pola pandemia da COVID-19, pode retomarse a actividade expositiva nas salas institucionais. Con esta nova situación, a Fundación Laxeiro vén de inaugurar unha exposición temporal, nesta ocasión dedicada ao pintor Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965). No chan, que así se titula a mostra, está formada por traballos pictóricos realizados sobre papel e elaborados nas rúas de Vigo coa técnica da frottage, por medio da que transfere ao soporte as terras do lugar, que actúan como pigmento que rexistra as tramas dos diferentes deseños das beirarrúas de cidade.

Ao longo de toda esta experiencia o autor traballou sobre o concepto de achegamento ao territorio como espazo heteroxéneo cun interese notábel a respecto da vivencia da percepción do universo urbano como conformadora dunha experiencia visual chea de suxestións. O labor do artista estableceu diálogos entre a técnica e o rexistro para acabar por conformar unha experiencia de percepción do medio, cos matices matéricos, que pretende modificar as coordenadas coas que se capta a realidade, para o que actúa plásticamente desde presupostos dunha intensa fruición marcada pola presenza explícita do espacial e territorial.

Unha das obras de Pérez-Jofre.

Unha das obras de Pérez-Jofre.

Creador de manifesta formación teórica, Ignacio Pérez-Jofre propón unha concepción da pintura aberta, que se traslada a ámbitos da realidade múltiple para os que segue pautas dos procesos de documentación, que balizan todo a unha esfera da creación actual. En certo sentido o seu traballo dialoga con diferentes percepcións da nosa contorna vital e ao fondo destes diálogos podemos percibir unha vontade de espazo utópico, herdeiro de determinadas chaves da modernidade, como delata a propia técnica da frottage que desenvolveu o surrealismo. Penso, neste senso, en Max Ernst, e sobre todo en André Masson que nas décadas dos vinte e trinta, desenvolveron a frottage e o debuxo “automático”, derivado da “escrita automática” bretoniana. En moitas das obras de Masson a imaxe consiste nunha liña de tinta esgarabellada sobre a páxina; noutras, o lapis circula libremente, ás veces de xeito espasmódico. Xa que logo, o pintor francés achegaba ao surrealismo o grafismo automático na súa plenitude, un automatismo plástico que era no fondo un vieiro que levaba á autonomía do pictórico.

Pérez-Jofre, a pesar dos ecos da tradición, posibilita que nós construamos o noso propio discurso ao redor do espazo

decoration

O resultado de Ignacio Pérez-Jofre, a pesar dos ecos desta tradición, é ben distinto, afástase da unicidade na lectura espacial e consegue que poidamos percibir as tramas trasladadas como un xogo de ligazóns de pautada construción formal -coa distancia como un dos termos constitutivos da contemplación do espazo-, o que posibilita que nós construamos o noso propio discurso ao redor do espazo, sen que iso nós leve a esquecermos a potencia que deita o acabado visual coa idea do xogo entre o fluído, as texturas dos diferentes pisos e solos e a trama, que evidencia todo o traballo, como unha das chaves interpretativas.

Certamente, o peso do rexistro dos percorridos, con ámbitos que poderiamos catalogar de “cartografía fluída” pola súa permeabilidade, dotan o proxecto dunha identidade nitidamente procesual. Neste sentido a proposta enlaza, como o propio autor sinala, coa teoría da “deriva” do situacionista Guy Debord, mais tamén con toda unha liña de reflexión utópica. Cómpre lembrar que o desenvolvemento da catalogación e rexistro modernos é, en boa medida, a historia dunha utopía.

Outra peza da exposición.

Outra peza da exposición.

Título: No chan/ En el suelo. Autor: Ignacio Pérez-Jofre. Comisariado: Javier Pérez Buján. Local: Fundación Laxeiro, Rúa Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo. Do 19 de febreiro ao 2 de maio.

Cartografía urbana


A serie de pinturas de No chan sitúanos nun duplo ámbito: espazo museístico e espazo aberto ao urbano. Este aspecto axústase moi ben á visión que todos podemos proxectar sobre os espazos comúns que nos rodean, abertos a todos os ámbitos da nosa sociabilidade e a distintas posibilidades de reformulación, de revisión, de intensa flexibilidade, que a actividade da creación artística e a construción permiten. Un feito que, desde o punto de vista creativo, favorece novas lecturas, dentro das que o pintor se mergulla para seguir estratexias artísticas contemporáneas. Ignacio Pérez-Jofre utiliza algunhas delas: o rexistro e a frottage como alicerces do discurso estético e da reflexión, para conseguir daquela unha auténtica obra aberta, rica en suxestións.

O resultado son obras dunha estabilidade constante, resultado de axustes ben precisos que posibilitan unha percepción visual e en certo sentido unha evocación rítmica dentro do seu estatismo. Alén diso, a visión resultante conforma composicións fortemente estilizadas e diferenciadas fundamentalmente polas texturas e tonalidades, en que dominan liñas horizontais e verticais e están dotadas dun rigor e unha harmonía que semellan herdados da tradición cartográfica e que non evita, nin o pretende, a conflitividade que a relación espazo e ámbito natural e social, ten no mundo en que moramos.

Compartir el artículo

stats