Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónica gráfica da crise

O Corona-bios de Manel Cráneo

Portada da colección de viñetas Corona-bios (2020).

Manel Cráneo (A Coruña, 1973) define Corona-bios como un «proxecto terapéutico desde o humor». Estas cento cincuenta páxinas que o compoñen veñen resutar a compilación das histortietas que o autor publicaba no seu Instagram durante o primeiro confinamento. Comezaron sendo unha vía de escape para a saturación e a sobreinformación ao que estabamos expostos pola situación; logo convertéonse en publicacións nas súas redes sociais para, ao cabo, daren o salto ao papel. Tras unha campaña de micromecenado na plataforma Verkami, Corona-bios foi publicada en novembro do ano pasado por Demo Editorial, editorial do propio autor. Na súa maioría, son viñetas «mono-páxina» que funcionan por si soas, aínda que moitas teñen unha continuidade realizada de forma moi áxil e fina ao longo da obra, que propoñen no seu conxunto unha reflexión en clave de humor sobre a estraña situación vivida no primeiro confinamento e a non menos estraña desescalada e «Nova Normalidade» (?), que supuxeron un cambio radical e inesperado nas nosas vidas; reflexión non exenta de sentido crítico nin de retranca e humor negro.

Nesta pequena memoria gráfica, e a través de estampas cotiás nas que é fácil verse reflectido, Manel Cráneo mostra unha vez máis as táboas que ten como autor. Desde a sinxeleza do debuxo ata a delicadeza do humor. En ocasións, o humor nas tiras cómicas ten unha inmediatez, unha agudeza e unha capacidade de crítica superior ás doutros medios, chegando a sorprender atopalas en medios de comunicación moito menos afilados e críticos ca elas. Pero cos grandes superpoderes veñen grandes responsabilidades. «Soamente» con liña e prescindindo completamente de fondos que desvíen a atención, emulando a dous dos seus grandes referentes, Castelao e El Roto, consegue escenas completas e expresivas cheas de contido, grazas ao enxeño, e de volume gráfico, grazas á tinta. Non é fácil facer humor coa traxedia sen correr certo perigo, que Cráneo consegue sortear nun exercicio de equilibrio entre o cómico, o irónico, o tenro e o crítico.En fin, unha memoria sinxela e orixinal que regala uns momentos de divertimento e desconexión nesta crise, sen deixar de lado a obrigada análise que deberiamos facer da mesma.

Como di o historietista Xaquín Marín (Ferrol, 1943) no prólogo do volume, «se miramos o panorama das últimas décadas, veremos que en todas as frontes aparece, constante, entusiasta e incansable, Manel Cráneo». Fundador de Demo Editorial (2008), editorial que naceu como «alternativa» á autoedición, artista multidisciplinar, autor de banda deseñada cunha longa e diversa traxectoria, comisario, divulgador… A súa carreira profesional data de principios dos 90, desde onde Cráneo se pasea por rúas moitas veces tanxenciais da ilustración: banda deseñada, fanzine, ilustración infantil, cartelería e creación de storyboards.Faneditor inquieto, colaborou e colabora en múltiples revistas e fanzines, entre as que poderíamos destacar Barsowia, H2OIL, Altar Mutante ou La Resistencia, e en case calquera actividade desenvolvida en Galicia que teña que ver co mundo do cómic; como por exemplo, ser o autor do cartel do Día da Ilustración de este ano.

Nerea. O príncipe da sorte

A obra Nerea. O príncipe da sorte, orixinal de Pablo Prado e Miguel Rojo, resultou ser a gañadora do II Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, convocada pola escola do mesmo nome e Edicións Xerais que a publicará na primavera deste ano. Curiosamente, esta obra tamén foi concibida durante o confinamento. Os integrantes do xurado destacaron «a atractiva proposta gráfica da obra a cabalo entre a liña clara franco-belga mesturada coa estética cartoon dos actuais debuxos animados» e «o ritmo narrativo da historia, cunha composición de páxina dinámica e atractiva.»

Aínda que estamos a falar de autores xoves, cómpre sinalar que Pablo Prado xa recibira o Premio de Fin de Curso da escola por O derradeiro libro de Emma Olsen, adaptación gráfica da novela narrativa de Berta Dávila, alén de ser debuxante de Os berros da motocicleta, guionizado por Kiko da Silva. Canto a Miguel Rojo, trátase dun colaborador habitual da revista A viñeta de Schrödinger e que vén de rematarar a súa primeira novela gráfica que verá a luz a finais de ano da mano de Retranca Editora.

Sinalaremos, en fin, que a gañadora do anterior certame, A proba de auga, de Anémona de Río (pseudónimo de Aldara Álvarez García), que foi publicada por Xerais en maio de 2020, xa acadou nestes días a segunda edición.

O creador gráfico Manuel Cráneo  (A Coruña, 1973).

O creador gráfico Manuel Cráneo (A Coruña, 1973).

Compartir el artículo

stats