Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os fachos de Galicia

Lumaradas en defensa do territorio (I)

O ilustrado Frei Martín Sarmiento (1695-1772).

Vista aérea do facho de Donón, situado na costa do concello de Cangas, coas Illas Cíes ao fondo.

Facho (lat. faculu) é o nome que reciben múltiples outeiros do noso país que foron utilizados no pasado para prender fogueiras coa intención de alertar da presenza de barcos ou tropas inimigas. Estas cadeas de alerta óptica a base de lume e fume estendíanse non só pola costa de Galicia, senón tamén no interior e na fronteira miñota, onde cumprían un papel fundamental na defensa do territorio xunto cos castelos, torres e fortalezas abaluartadas.

Malia que a utilización de lumes para a defensa da costa galega procede da Idade Media, a primeira noticia escrita que temos dos fachos procede de 1705, ano no que, segundo Colón de Larriátegui (1797), “se formó en el Reyno de Galicia, con nombre de Caudillatos, una Milicia urbana de paisanos de los lugares comprehendidos en el distrito de dos leguas tierra adentro de la costa del mar, con el fin de preservarla de qualquier insulto de parte de los piratas, y enemigos de la Corona, y de velar en los fachos ú atalayas de la misma costa, los quales no tienen fuero militar”. Xa en 1743 e 1762, sendo capitán xeral de Galicia o Marqués de Croix, renovouse e actualizouse este regulamento “por la cual dividió esta milicia en trozos, cada uno de cien hombres, repartidos en cinco esquadras de á veinte, armados todos, unos con las de fuego, y otros con chuzos y picas, y con tres Gefes llamados primero, segundo y tercero, baxo las órdenes todos de un Sargento mayor ó Caudillo principal”. O regulamento foi aprobado por Carlos III, o rei reformista e ilustrado, o 10 de xullo de 1764. Neste contexto cómpre situar o “Mapa de la Provincia de Tuy, y una porción de la ve entre Miño y Duero en Portugal en el qual se demuestran las garitas, y fachos que guarnecen su frontera con Portugal, y aurillas del mar en toda su Jurisdicion” debuxada en Vigo polo enxeñeiro Alejandro des Angles en 1762. Segundo López Hermida (2017) o facho sería un posto militar de primeira orde na xerarquía militar, seguido dos corpos de garda e, por último, das sentinelas, que desenvolvían o seu traballo de vixilancia nas garitas.

Da situación destas garitas, torres e postos de vixilancia militar fálanos con frecuencia a toponimia (Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza, 2014) que dá nome a paraxes situadas en alturas prominentes –hoxe desprovistas de edificación as máis delas– como Pena Vixía, A Esculca, A Atalaia, O Faro, A Vela, O Velouro, A Sentinela, A Torre ou O Castelo. Da súa parte, o Padre Sarmiento, coetáneo do enxeñeiro Alejandro des Angles, describiu un deses fachos en 1754, concretamente o situado no cabo Prioiro, nas proximidades de Ferrol: “vi el facho que se reduce a una pequeña casita para albergar a dos o tres y a mucha leña preparada para el caso de encender el fuego para el aviso. Esa práctica de dar señales con el fuego es antiquísima en España. Así la voz gallega facho (...) significa hoguera que se hace en las alturas y el sitio determinado en donde se enciende, y en donde velan dos hombres a ese fin; y esos son los esculcas.Está sigilada una porción de hombres para que por turno, y alternando, suban, como se dice, a guardar el facho; y con esa penosa carga gozan de algunas exempciones. En las costas de Galicia hay actualmente muchos fachos; también los habría tierra dentro en las fronteras cuando había guerras.”

Outro ilustrado galego, José Cornide, ofrece noticias sobre os fachos do litoral do noso país unha década máis tarde que Sarmiento, en 1764, na súa Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina con el inmediato reino de Portugal. Neste traballo Cornide, en referencia a Viveiro e Ortigueira, escribe: “toda la costa de este partido tiene de distancia en distancia sus fachos o atalayas como el de Ribadeo, destinados a hacer guardia para prevenir con ahumadas los riesgos que sobrevienen. Deben concurrir de los lugares comarcanos que están señalados cada día dos o tres hombres armados que se mantienen de guardia por espacio de veinticuatro horas, y es obligación de los mismos lugares que sean fieles y de entera satisfacción.”

Costeiros e de interior

Pero os fachos non son un fenómeno exclusivamente costeiro. No interior do antigo Reino de Galicia o topónimo facho dá nome a numerosos outeiros, caso do Facho da freguesía de Santigoso (A Mezquita) que se ergue 1.125 metros para dar a alarma, se fose necesario, a 668 homes adscritos a dous caudillatos “enclavados en el confín de los tres Reinos de Galicia, Castilla y Portugal”, en palabras de Cornide (op. cit).

Entre os fachos marítimos das Rías Baixas, o Facho de Donón (O Hío, Cangas) e o do Monte de Santa Tegra (A Guarda), son quizais os máis coñecidos. Deles dous, unicamente o morracense presenta unha edificación de planta circular labrada en cantaría e cuberta cunha cúpula semiesférica. Otero Pedrayo (1962) describe de forma poética un dos fachos máis sobranceiros de Galicia, o de Touriñán (Muxía), situado nas proximidades do faro: “Despoixa dos labramios da crebada de Figueroa, o chan vai rubindo ó monte gandreiro, esmaltado de illós de auga de chuvia, do Facho de Touriñán, de onde sai baixo e rude, alongado, de forte soá de pedra, griseiro, coor de ferro e pedra, rexo, o cabo curtado a machado no remate, anceiosa ponla baruda, derradeira vibración xeomórfica da Galiza no océano.”

Compartir el artículo

stats