Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carmen Penim | Cantante

“Busquei o equilibrio de pezas de distinto carácter”

A cantante e compositora, nacida no Couto Mixto, Carmen Penim.

–Como xorde este disco? Trátase acaso de saldar unha débeda nostálxica coa terra onde naceu?–

En parte, si. Facendo este disco agromaron moitos recordos fermosos; en min e na xente que o escoita, segundo me contan. E tamén porque a xente que daquela nos contaba e cantaba, vai desaparecendo e ten que haber un relevo. Esta é a miña humilde maneira de transmitir esa memoria musical, aínda que non sexa de xeito purista. E tamén por reivindicar a nosa cultura oral rural e mariñeira. E o traballo das mulleres no campo e no mar, que non se valora o suficiente. Temos que sentir orgullo delas e deles e non perder (ou recuperar) esa conexión coa terra e coa cultura orixinal nosa ou dos nosos avós, que é o que nos diferencia no mundo. É un canto de esperanza nun futuro amante da terra e de todo o propio.

– O Couto Mixto foi durante un tempo territorio “independente” de España e Portugal. Isto contáron llo de rapaza ou souboo anos despois?–

Cando era nena, igual que agora, había memoria oral daqueles tempos. Pasou con moito orgullo de xeración en xeración e, de feito, aínda hai moita pegada arquitectónica de cando foi independente. E no carácter das xentes tamén, sobre todo das mulleres, fortes e determinadas.

–Nacer no Couto Mixto marcouna á hora de elixir sempre o diálogo (nunca o enfrontamento) entre culturas?–

Pode ser, pero tamén é certo que vivín parte do franquismo. Por iso penso que me vén máis ben de ter medrado nun contexto multicultural na emigración en Holanda, un país a anos luz da España daqueles tempos. Alí absorbín os aromas da cociña e da música medio oriental que aínda hoxe me fascina. As músicas africanas, idias, e por suposto, as latinoamericanas, a través das amigas da miña mai, refuxiadas.

–Aínda é o Couto Mixto un territorio no que se poden facer recolleitas de pezas conservadas oralmente na memoria da xente maior?–

Podes, pero cada vez queda menos xente que as recorde. Algunhas persoas coas que falei, recordan fragmentos ou cantigas soltas. O estilo de vida cambiou tamén na aldea e xa non hai aqueles fiadeiros nos que cantaba a miña avoa, o meu pai... ou as noites sen TV ao pé da lareira, cando a miña avoa cantaba aqueles vellos romances como “La gallardina” que casualmente está no disco. É un inédito que me cedeu xenerosamente Xosé Lois Foxo, recollido por el na Limia. Só despois me confirmou unha tía miña a sospeita: que a cantaba a miña avoa María. Tamén hai que recoñecer que hai que saber achegarse a esa memoria viva. Hai xente que o fixo, e que o fai, magnificamente. Teñen moito mérito.

–Que criterio aplicou para facer a selección de pezas finalmente incluídas en Cantos de terra e sal?–

Por un lado, a música: que me intrigase, que me inspirase, que fose particular e rica, como é habitual na nosa tradición. E logo as historias. E o equilibrio de pezas de distinto carácter no disco e a súa variada procedencia xeográfica: interior, costa, Bierzo... Busquei tamén o equilibrio entre experimentación e pezas interpretadas de forma máis “recoñecible”. E tiña claro que quería que fose maiormente vital, que nos dese forza para estes momentos.

–Por certo, por que “de terra e sal”?–

Porque queríamos deixar claro que non só son cantos do interior (terra), senón de todo o pobo; tamén do mariñeiro (sal) e mesmo dos e das cidadáns que poden conectar tamén coa súa memoria cultural. Aínda que non lembremos conscientemente, esas cancións pertencen a todo o pobo galego.

–Por que este disco está asinado por Carmen Penim e non como 2naFronteira, aínda que Maurizio tamén participe nel?–

Si, o papel de Maurizio vai sempre máis alá de ser o meu pianista, pois os arranxos para piano (marabillosos) fainos el e tamén nalgúns dos arranxos do CD traballamos xuntos. Fai tamén un seguimento moi profesional dos ensaios e mais as gravacións en estudio. Pero esta é a miña raíz, a miña infancia, a miña cultura. Ademais, no disco quero marcar a liña de herdanza a través das mulleres da miña familia. Por iso a colcha que fixo a miña bisavoa é o leit-motiv da gráfica. Fíxoa nun tear grande que había na aldea a disposición das mulleres que quixeran traballar nel.Aparte de todo o anterior, eu reivindico sempre o papel creador da muller. Firmar co meu nome responde tamén a iso: visibilizar o meu traballo compositivo, de produción e como arranxista.

–Ten Vde. unha formación vocal que provén da lírica, pero é moi devota do jazz. E con este disco adéntraste nos cantos tradicionais. Como fai para “fusionar” de xeito tan natural todos estes xéneros musicais?–

Sí, así é: estudei canto lírico pero nunca cheguei a matricularme nun conservatorio. Sempre con mestras particulares. E tamén estudei jazz. En canto á fusión, sáeme así. Para min o jazz é un concepto moito máis amplo de como se vive aquí en certos contextos. A música que escoito e que me gusta, tamén o jazz, é precisamente libre, de fusión; e de jazz contemporáneo, como eu entendo tamén a miña. Non me importa como se etiqueta unha idea ou estilo musical. Se funciona, é benvido. Sempre no respecto, claro, neste caso, da peza da que fas a túa versión. Hai intérpretes en Galicia que transmiten de xeito fermosísimo e puro a tradición. Isto ten unha importancia moi grande para o futuro, cando xa non quede ningunha das persoas que aínda lembran estes cantos. Pero penso que ten que haber un espazo para a pureza de estilo, un espazo para a experimentación e outro para a improvisación, especialmente no directo. Penso que na arte todo pode ser. Cando levas tantos anos escoitando e cantando, as liñas e fronteiras dilúense. Esta característica tamén a ten 2naFronteira, sempre entre a música culta e a popular. Tamén me encanta interpretar outras tradicións noutras linguas, como a sefardí, que nos fascina e que de cando en cando retomamos.

Compartir el artículo

stats