Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Versos brunidos

Con madurez estilística

Versos brunidos

Abro Interna (XVIII Premio de Poesía Afundación) de Oriana Méndez (Vigo, 1984) e acho, de inicio, o espléndido prólogo de Daniel Salgado. Nel infórmanos da evolución poética da autora, que deu volta ao seu ollar cara aos adentros para, indagando na súa subxectividade, confrontarse coa subxectividade do mundo. Isto é, asume unha consciencia sonámbula para ir alén da consciencia diurna e, así, poder mergullarse na impetuosa riqueza do sombrío. Porque no orbe onírico o conxunto do vivido, os seres queridos, a casa familiar, os terrores máis íntimos, as experiencias máis traumáticas ou perturbadoras, adquiren a condición de sombras. Lembrar é un lugar inhóspito cuxo poder devastador nos suxire os castelos fortificados ou as colonias penitenciarias de Kafka: “Dentro, aquela cámara habitada pola lepra/-véxoa e son ela-/foi o único fogar da miña vida”.

Aquí divaga a dor que se apropria das vencidas: “escoito/insectos veñen a este/erro de vértebras esgazadas/larvas parasitos/corazón de parasitos/medran”. O pasar do tempo resulta tan implacábel como sórdidas son as inxustizas inhumanas que os amos do diñeiro cometen contra a humanidade, para nos explotar e obter lucro ou, con taimada represión, para eliminar sen piedade os discordantes: “é cinsa mollada que vai/rexistrada nos ollos longos/neses ollos alongados de/cuneta que non se resolve”.

Oriana Méndez brune o verso, fractura a súa sintaxe, emprega recorrencias verbais con invariantes sémicas como mostra, inequívoca, da súa madurez estilística, moitas veces torrencial: “granate o espiño polo sangue/ventre derramado polos músculos/músculo en músculo fenece/corroído/vence o tempo”. Con nudez, case con impudor, este poemario escarva nas feridas da alma da escritora: “irmá/querida lámina/fría/lévote/baixo a lingua/lévasme”. Ao modo de Celan ou Bachmann aquí o leite é negro e negras son as sombras das pertenzas e da desposesión: “son a que chega coma neves lentas/e traio/a festa do novo mundo/roto”. O resultado está á vista, magnífico.

MÉNDEZ, Oriana, Interna, Pen Club/Afundación, Vigo, 2020, PVP. 18 €

Compartir el artículo

stats