Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coas herdeiras da Malinche

Mexicanas que contan: onte e hoxe

Fotograma de Como agua para chocolate (1992).

Fernanda Melchor

Angeles Mastretta

Elena Poniatowska

As letras mexicanas tiveron unha figura feminina pioneira, xa no s.XVII, na poeta Sor Juana Inés de la Cruz. A proclamación da independencia do país en 1810 e o posterior roteiro de guerras, sublevacións e revolucións impediron o seu proceso de normalización. Así, na Revolución de 1910, tan rica en novelistas (Azuela, M. L. Guzmán, A. Yáñez, G.López y Fuentes), contan unicamente con Nellie Campobello como narradora nos contos do seu libro Cartucho. Relatos de la lucha en el norte de México (1931).

Porén, é preciso agardar a mediados do S.XX para rexistrar a aparición de tres grandes prosistas que abriron camiño a numerosas voces de xeracións posteriores. Así, Rosario Castellanos deixou en Balún – Canán (1957) un testemuño crítico da pobreza, o atraso e o problema da terra na que indíxenas e campesiños vivían encadeados. Máis complexa é a narrativa de Elena Garro, autora de Los recuerdos del provenir (1963), onde explora os diversos niveis do real, o problema do tempo e, todo iso, como acontece nos relatos de La semana de colores (1964), na órbita do realismo máxico. De traxectoria e mundo narrativo máis amplos é Elena Poniatowska quen deixou unha ollada crítica sobre o país na súa obra xornalística, atenta á denuncia de problemas sociais.Como narradora salientamos Querido Diego. te abraza Quiela (1978), de carácter epistolar, á que seguiron La piel del cielo (2001) ou El tren pasa primero (2011). Acadaron amplísima audiencia as súas crónicas de La noche de Tlateloco (1971).

O máis que evidente pulo do movemento feminista, intensificado nestes últimos anos, anima a aparición de moitas e moi novas voces na narrativa de México, ás que visibiliza nun entramado de revistas rupturistas e innovadoras, de pequenas editoriais e da militancia activa de grupos e asociacións que van dende o ámbito popular ata o universitario. O fenómeno do narcotráfico, que distorsiona negativamente a vida do país, ten na muller un sector de vítimas de doada eliminación. En xeral, a pandemia de violencia, crime e corrupción sistémica dos poderes está moi presente nas novas (e non tan novas) narradoras en forma de acusación, alegato ou denuncia.

Os obradoiros de escrita; acontecementos como a Feira do Libro de Guadalajara; o crecemento de xéneros como a novela, o relato e o ensaio; a amplificación de temas e motivos arredor da muller ou o incremento da atención crítica ás escritoras do país son factores positivos para que nun libro como Romper con la palabra. Violencia y género en la obra de escritoras mexicanas contemporáneas (2017) se inclúa unha listaxe de “más de cien” desas escritoras. Engadamos aquí unha clave común a esta narrativa: a onnipresencia da muller corre parella á violencia, dureza e intensidade da linguaxe narrativa: expresión e contido van xuntos.

Un primeiro bloque de narradoras estaría integrado por figuras xa consagradas aínda que en activo moitas delas.Lugar preferente ocupa Ángeles Mastretta, que en Arráncame la vida (1992)marcaba un fito na loita liberadora da muller e na súa oposición ao sometemento e maltrato machista e militarista. En 1995, con Mal de amores, obtiña o Premio Rómulo Gallegos;con La emoción de las cosas (2013) inauguraba, nunha prosa coidada e sinxela, intimista e emotiva, unha xeira narrativa que reflexiona sobre a mesma escrita. Ao seu carón, Laura Esquivel conseguía en Como agua para chocolate (1989), a partir da óptica do realismo máxico, unha particular visión da muller nas coordenadas da familia, do fogar e da práctica culinaria. Logo, en Malinche (2002), tratou do mítico personaxe indíxena, símbolo nacional, guía e amante de Cortés. Por fin, en A Lupita le gustaba planchar (2014) entra – violenta, vitalista – na materia policíaca.

Tamén foi exitoso o comezo de Cristina Rivera Garza con Nadie me verá llorar (1999), éxito consolidado con La cresta de Ilión (2002), novela de atmosfera kafkiana, de terror fantástico e de ciencia ficción.

Coordenadas de muller

Neste apartado debe figurar así mesmo Guadalupe Nettel, narradora sólida que título tras título asedia ángulos e dimensións da problemática existencial como acreditan El huésped (2006), El cuerpo en que nací (2011) ou La hija única (2020). Solidez e voz propia posúe tamén Margo Glanz. Constatámolo así en Saña (2007), de protagonista femenina, que se move entre abxectos, viaxes e consideracións históricas de signo americanista e, previamente, en El rastro (2002) ou Zona de derrumbe (2001). É moi interesante ensaísta. Pechamos este apartado con Valeria Luiselli, escritora de rara e orixinal imaxinación, preocupada pola situación dos nenos e polas migracións tal como vemos en Los niños perdidos ou Desierto sonoro (2019). Tamén é cultivadora do absurdo, da ironía, da estética lúdica e deformante en La historia de mis dientes (2014).

E un breve epílogo para o rexistro de novas voces que ao noso ver debe comezar por Fernanda Melchor coa súa atroz e apocalíptica – impresionante – Temporada de huracanes (2017). Ao seu carón Socorro Venegas cos contos de La memoria donde ardía (2019) ou Claudina Domingo cos de Las enemigas (2017).

De novela filosófica ou matemática foi cualificada Conjuntos vacíos, de Verónica Gerber. Fantasía e horror caracterizan os Cuentos reunidos (2009) de Amparo Dávila, e a veta familiar e de humor percorre Todo o nada (2009) de Brenda Lozano.

Un atroz funebrismo informa a novela Antígona González (2012), de Sara Uribe, e o submundo escuro do sexo e o trago na nocturnidade das cidades orienta as duras páxinas de Señorita Voxdka (2013), de Susana Iglesias. Xa saben, non son todas as que están...mais as que están, son.

Compartir el artículo

stats