Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre Eros e Edipo

Amor, sedución e psicanálise

Definido pola RAG, o amor viría ser "un sentimento de profundo afecto cara a alguén". En 1914, Freud describiu dous tipos básicos: o amor narcisista -un pode amarse a si mesmo, ao que foi nalgún momento da súa vida, ao que quixera ser ou a alguén ou a algo similar a si mesmo- e o amor baseado e dependente da nai, que alimenta, e do pai, que protexe. Na fase adulta incluiríanse ambos tipos.

Freud colocou, ademais, o amor no centro da experiencia psicanalítica asociándoo co Eros, con Edipo, a paixón ou a angustia. En definitiva, o amor ten que ver coa comprensión da nosa relación cos outros. Doutro lado situase o odio, por iso dicimos que do amor ao odio non hai máis que un pequeno treito. Lacan denomina esta situación co neoloxismo de "odionamoramento." Un amor sen ciúmes non seria un verdadeiro amor. Existirían, doutra parte, moitas oposicións en xogo como amar e ser amado, amar e odiar, amar sen ser amado, etc. Lacan, que foi un namorado laico da Igrexa católica e romana, estivo fascinado pola Éxtase de Santa Teresa de Bernini e por Hadewijch d´Anvers, mística ardente do s. XIII que lle falaba a Deus deste xeito: "que doce é que o amado habite no amado, e como se penetran até que xa non poden distinguirse. Ese deleite é compartido e recíproco, boca a boca, corazón a corazón, corpo a corpo, alma a alma". Tamén Catarina de Siena, santa cristiá canonizada en 1461 cultiva a éxtase e mais a mortificacións até convencerse de que Xesús a elixe como amante: "xa que por amor a min renunciaches a todos os praceres", dille, "decidín desposarte na fe e celebrar solemnemente as miñas vodas contigo". Lacan deduce, a través destes relatos, que o amor substitúe a ausencia da relación sexual. Porén, hai os que odian o obxecto amado ao longo da súa vida, en función dun autoodio primitivo cara o seu obxecto amado. Para Lou Andreas-Salome a paixón física "esgótase unha vez que o desexo é satisfeito...só o amor intelectual é capaz de resistir o tempo".

O amor dunha nai faise esencial para un fillo, cuestión que a Freud lle custou moito imaxinar que puidese ser doutro modo. Foi a través da relación coa súa propia nai que puido elaborar o complexo de Edipo: "cando se foi o preferido da nai, un conserva ao longo da vida unha sensación de conquista ou éxito que non é raro que conduza efectivamente o éxito".

A sedución, pola súa banda, designa un procedemento destinado a suscitar noutra persoa, e de maneira deliberada, admiración, submisión ou amor. Os sedutores son vistos como grandes depredadores que só perseguen o pracer de destruír o outro, co risco de destruírse a si mesmos, pero tamén esta ligada a unha situación social e subxectiva onde se privilexian as distintas maneiras de gozar (Roudinesco). Freud constrúe a súa teoría da seducióna acorde a que as neuroses se orixinarían nun abuso sexual real, traumas tan dolorosos que todos prefiren esquecelos, non recoñecelos ou reprimilos. Porén, muda a teoría da sedución pola teoría da fantasma. As causas sexuais son fantasmas aínda cando existise un trauma real xa que o real da fantasma non ten a mesma natureza que a realidade material. Este abandono da teoría da sedución devén de capital importancia no nacemento da psicanálise. Para M. Klein, a sedución imaxinaria de tipo sádica é considerada moito máis violenta que o propio trauma real. Pola contra, os organicistas negan a existencia da fantasma. Para eles, neuroses e psicoses obedecen a un trauma; é dicir, a unha violación vivida ao longo da infancia, polo que ningún abuso sexual real seria irrelevante.

Mais os ortodoxos freudianos negan a existencia dos abusos sexuais reais e sobrevaloran a fantasma. O trauma sexual tería a misión de enmascarar o autoerotismo infantil; é dicir, o feito de que o neno tamén sexa non só un sedutor senón un suxeito susceptible de gozar e de ser seducido. Teses por outra banda inadmisible para o dereito moderno, onde a vítima é ante todo unha vítima e o agresor, forzosamente, un culpable aos ollos da Lei.

Compartir el artículo

stats