Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O exemplo de Vigo

A escultura no tecido urbano (fins XIX-comezos do XX)

Monumento a M. Curros Enriquez, obra de L. Coullat Valera (1911). // Fotos: Eli Regueira

No último cuartel do século XIX, a escultura monumental ten unha presenza ben relevante no tecido urbano das cidades galegas, que comezan un novo desenvolvemento urbanístico. Na cidade de Vigo este proceso é ben evidente e aparece ligado a un crecemento acelerado nestas décadas, que xa iniciado o século XX farían dela a urbe de maior poboación do noso país.

O mesmo que acontece no contexto español, os monumentos escultóricos desta altura recollen unha linguaxe marcadamente ecléctica, algo que tamén se pode observar na arquitectura decimonónica. Esta tendencia responde ao que Reyero e Freixa ( Pintura y escultura en España, 1800-1910) sinalaron como característico do século: unha "imperiosa necesidade de significación", que ten que ver co carácter social que trae consigo a idea de progreso e a proxección pública dos máis variados sentimentos.

Alén diso, a escultura pública lígase á decoración urbana, cunha variedade importante iconográfica, destacando os temas conmemorativos e o enxalzamento de gobernantes, literatos, artistas, filántropos...

En Vigo podemos observar esta situación, como tamén no resto de Galiza, respondendo á variedade de temas do momento. Na maior parte dos casos, os monumentos vigueses son dedicados a figuras do país, nomeadamente persoeiros que teñen estreita ligazón coa cidade, maioritariamente políticos e/ou filántropos aos que se homenaxea pola súa defensa dos intereses da terra e tamén persoeiros do ámbito intelectual. En xeral, os nosos monumentos, afastados dos centros de decisión, non presentan, como os de Madrid, o poder político e militar; alén diso, o enxalzamento da españolidade ten un peso moi inferior ao que se pode percibir na escultura urbana da capital do estado, aínda que se reivindica o papel senlleiro de persoeiros galegos e o seu protagonismo na historia "comun" española. Maioritariamente, son encargados a escultores consagrados no ámbito estatal e de orixe non galega.

Un dos temas asociados ao constructo nacionalista español é o militar, e en particular a celebración do heroe contemporáneo -por moi banal que sexa a suposta heroicidade-, velaí a estatua de Casto Méndez Nuñez (1890). O almirante -nado en Vigo- é homenaxeado nun monumento situado na Alameda e realizado polo coñecido escultor catalán Agustí Querol (1860-1909), artista que se move entre o clasicismo académico e o realismo e que foi protexido de Cánovas del Castillo.

O enxalzamento de figuras políticas e de proxección pública é unha constante na estatuaria pública desta altura. Así o mesmo Agustí Querol realizará o Monumento a Elduayen (1896), recoñecemento da cidade a un político sobranceiro na defensa das infraestsuturas viguesas, aspecto que se salienta con representación alegóricas nos relevos que rodean a estatua, subliñando o seu labor a prol do progreso material da cidade.

Nesta liña outro grande monumento é o que ergue na entrada do cemiterio de Pereiró o arquitecto Manuel Gómez Román en homenaxe á memoria da excepcional intelectual Concepción Arenal -enterrada no mesmo camposanto-, inaugurado en 1912 máis nun estilo que delata influxos da Sezession vienesa na súa elegante sobriedade. Tamén cómpre citar o dedicado a García Barbón, realizado por Francisco Asorey en 1927, que estilisticamente e cronoloxicamente fica xa un pouco lonxe do sentido xeral do noso achegamento.

Porén, en xeral en Galiza, tamén está presente a reivindicación e a representación das liberdades galegas. Este temática, reflexo da nova realidade cultural que o Rexurdimento estimula desde mediados do século XIX, faise desde o rexionalismo a partir da décadas dos noventa no conxunto do país. Neste liña o Monumento aos Mártires de Carral (Carral, 1905) do lugués Juan Álvarez Mendoza xogou -como ten sinalado Ramón Villares- un papel decisivo no paso dunha construción dunha política de memoria nacional en clave española a unha marcada pola reivindicación galega.

Monumento a Curros Enríquez

  • Nesta liña, a representación de senlleiras figuras da cultura do Rexurdimento toma corpo nesta altura en todo o país. Vigo non é alleo a este novo contexto, velaí o monumento dedicado ao poeta Manuel Curros Enriquez, obra do escultor andaluz Lorenzo Coullat Valera, inaugurado en 1911 e promovido pola sociedade "La Oliva", sociedade recreativa fundada en 1885 e que nos primeiros anos do século XX presidía Manuel Gómez Román. Estes exemplos da cidade de Vigo amosan como a escultura no contexto urbano evidencia a visión burguesa da sociedade, xusto cando galeguismo cultural e político dá os seus primeiros e importantes pasos, que serán decisivos para axudar a construír unha imaxe propia do país. Este fenómeno maniféstase primeiro no mundo literario mais vai superarar con moito este marco incidindo no xeito de ver a cultura propia, na preocupación polo legado histórico-artístico que comezou a xurdir entre os intelectuais galegos na segunda metade do século XIX e tamén na vontade de elaborar unha imaxe propia, memorialística e conmemorativa, que axudase a crear unha conciencia renovada desde a autoestima e identidade compartida.

Compartir el artículo

stats