Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Corrupción nos 80

Arredor dunha "novela mulata"

Corrupción nos 80

Malia a conxuntura económica, os concellos seguen a formar unha parte importante dos certames literarios galegos, neste caso é o consistorio barbanzán de Ribeira o que concede o VI Premio de Novela Curta ''Cidade Centenaria de Riveira'', unha obra escrita polo coruñés Antonio Tizón titulada Un home estraño. O xornalista e profesor de Aranga publicara con anterioridade un libro de relatos, I n media res; un poemario, Ritmos, e unha novela, A antesala luminosa, editada tamén por Xerais en 2014.

A adscrición do texto a un ou outro xénero semella un tanto ambigua, de feito, ata o propio escritor fala dela como unha "novela mulata" en tanto que nela se produce unha mestura entre as convencións do xénero negro e as do xénero de indagación social en canto responde á vontade do autor de lles ensinar ás xeracións máis novas como era a Galicia anterior ao goberno autonómico e asemade a normalizar a visión da doenza mental como algo que debe ser diagnosticado e tratado lonxe de visións románticas.

A acción da obra desenvólvese na cidade da Coruña, no ano 1980, nos días de verán entre o 2 de xullo e o 29 de agosto. Atravesamos a novela nun tempo de transición en que a sociedade está marcada polo escurantismo que aínda pasea polas rúas da ditadura franquista e mais tamén por unha corrupción que case corenta anos despois pode sorprender aquelas lectoras e lectores que non vivimos como adultos esa etapa. Mais tamén é un ano ilusionante no que Xosé Luís Muruzábal creou na Coruña a primeira asociación de enfermos mentais de Galicia, se comezou a falar de trastorno bipolar e tamén se negociou o Estatuto de Autonomía de Galicia.

Aínda que moitas das personaxes son ficticias, Tizón non deixa tampouco de retratar personaxes que xa hoxe pertencen á historia da cidade herculina e de Galicia, como poden ser o alcalde Domingos Merino, o Secretario Xeral do Partido Galeguista, Avelino Pousa Antelo ou Manuel Fraga que daquela viña de fracasar nas eleccións de 1979.

A obra arranca co inspector Xosé Sánchez Pereiro, que xa aparecía na primeira entrega de Tizón, enfrontándose ao primeiro caso importante da súa carreira, o crime de Manuel Ferro Filgueira, arquitecto do Concello. Mentres, a xornalista Ledicia Muruzábal, despois de entrevistar o presidente do Partido Galeguista, Avelino Pousa Antelo, está a piques de atropelar un home estraño que se lle cruza no medio da calzada e que esperta a súa curiosidade. A partir de aí a progresión narrativa vai recaer nestas dúas personaxes ficticias mediante unha estrutura alterna de dous narradores que contribúe a alixeirar o ritmo narrativo. Temos un primeiro narrador, o inspector, presente nos capítulos impares, indicados por datas cronolóxicas concretas, cunha linguaxe máis directa e menos elaborada e unha segunda narradora máis literaria, a xornalista, nos capítulos pares con título sen indicación cronolóxica.

Trátase dunha novela curta mais conta cun Apéndice pouco máis longo que a propia historia, con máis de setenta páxinas. Entendemos que se trata dun cancioneiro do cantautor protagonista, David, editado pola xornalista e que serve para achegarnos máis ao coñecemento da personalidade dese home estraño e ao mesmo tempo amosar elementos básicos da canción protesta daquela altura como a paz, o consumismo, o progreso, as desigualdades...

Tardou Antonio Tizón en publicar a súa narrativa longa mais agora está nun momento creativo moi produtivo de forma que podemos adiantar que xa está a traballar en dúas novelas que formarían parte dunha tetraloxía de xénero negro xa comezada coa súa primeira novela. Agardamos as novas entregas do autor de Aranga.

TIZÓN, Antonio, Un home estraño, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 17 ?

Compartir el artículo

stats