Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Divertido relato

Nunha axeitada simbiose

Divertido relato

No medio da fraga, rodeados de moitas árbores e mato espeso, viven Xulia e Martiño nunha casa de madeira azul con moita luz. Levan unha vida pracenteira, porque fóra están rodeados de vexetación e dentro fan pasteis e tortas que comparten cos esquíos que se achegan onda nai e fillo atraídos polo recendo.

Mais non todo é alegría e cando algo se torce, os aparellos eléctricos confabúlanse e dan en non funcionar ou en executar as súas tarefas de forma desorganizada, caos que provoca e arranxa o neno dándolle ao maxín e apelando os seus dotes de electricista.

Este divertido conto escrito por Álex Mene e ilustrado por Blanca González Crespán e que Alvarellos Editora vén de publicar na colección Verdemar achega aos primeiros lectores unha dose de optimismo que fará que perciban o lado ou aspecto favorable das cousas: cáseque todo ten solución se un se afana en resolvelo con intensidade.

A raíña das tortas é o título que ostenta Xulia, que lle dá nome o volume e que os receptores poden ata degustar metaforicamente se queren viaxar polo túnel da fantasía ata a morada dos protagonistas, animados en facer o que máis lles gusta e empeñados en amosar que xuntos poden vivir as experiencias máis entretidas. Se a isto engadimos certas actuacións cotiás cos alimentos tan de moda ultimamente, quizais debido a influencias televisivas, o éxito está asegurado. Así, Xulia e Martiño adoitan facer saborosas tortas e ricos pasteis aunando esforzos e empregando produtos que teñen o seu redor e que a natureza lles proporciona.

Tamén cando a situación é adversa, a nai deixa que o fillo, aínda que sexa pequeno, experimente porque así ha de aprender dos propios erros, lección que lle servirá no futuro.

A situación disparatada que se crea ao facer mal as conexións introduce a pinga de humor, destensa a situación e permite iniciar unha nova actuación que dende o punto pedagóxico, de novo, ha de resultar valiosa: os erros forman parte esencial da superación persoal; é conveniente analizalos e extraer conclusións a modo de leccións ou obxeccións. Cultívase así a confianza nun mesmo e fomenta a autocrítica como forma de aprendizaxe.

As ilustracións realizadas por Blanca G. Crespán, doutora en Belas Artes e profesora, capta perfectamente a esencia do texto e permite unha lectura paralela das esceas e das imaxes que enriquece a historia ao representar en cores rechamantes os aspectos que poden ser positivos para o relato e sobre fondo negro aquilo que supón decepción. Neste sentido xógase con dous planos; o metafórico asociando a escuridade ao mal funcionamento dos aparellos e a claridade e explosión de cor cos bos momentos que serán percibidos de forma agradable. Boa simbiose

MENE, Álex e G. CRESPÁN, Blanca, A raíña das tortas, Ed. Alvarellos, Santiago, 2018, PVP. 14 ?

Compartir el artículo

stats