María Victoria Moreno foi unha pioneira en diferentes ámbitos literarios, como é sabido dende que encetamos esta celebración das Letras. Profesora de galego precoz, tradutora entregada cando o sistema cultural máis o precisaba, adiantada ao ser consciente da importancia dos textos xuvenís e excelente coñecedora do seu lectorado natural, foi tamén quen de introducir nas súas obras temáticas pouco comúns e mesmo inexistentes na literatura para nenas e mozos nos anos setenta e oitenta. A súa produción literaria dedicada á mocidade resalta por interesarse por cuestións como o multiculturalismo, a drogadicción, a diferenza de clases sociais ou a igualdade entre mulleres e homes. De feito, as súas obras forman parte dos primeiros textos literarios infantoxuvenís galegos influenciados claramente polo movemento feminista.

Xa n' O cataventos (escrita en 1975, publicada por vez primeira en 1979), unha das súas primeiras narracións infantís na nosa lingua, presenta un conflito, en forma de fábula, que se desenvolve nun curral. As galiñas que alí viven están sometidas aos designios de don Pío, un galo mandariqueiro e abusón, ata que chega a Pombapitiña, que non coñece as regras que alí rexen e, sen pretendelo, provoca a ira do galo, que pon as compañeiras na súa contra. O conto cómpre lelo en clave de denuncia da tiranía, como interesente exemplo da literatura antiautoritaria que se escribía nesa época, mais a través desa liña temática tamén garda para nós un claro mensaxe contra a desigualdade xenérica: a da primacía masculina sobre o grupo, aínda cando este está conformado por mulleres.

Leonardo e os fontaneiros (1986), a súa primeira incursión na narrativa xuvenil, constitúe un caso particularmente curioso. A novela narra a historia de Antón, un mozo de catorce anos que se sente inadaptado na casa e no instituto, e que só se atopa ben ao acubillo de Leonardo, un can de rúa a quen dirixe boa parte dos seus pensamentos. A autora describe a familia do protagonista moi prototipicamente, coa nai encargándose das tarefas da casa en exclusiva e centrando a súa atención na irmá pequena, reflectindo así unha situación de reparto de tarefas moi habitual nos mediados dos oitenta. A sorpresa agóchase na construción da masculinidade do personaxe principal. A sensibilidade que amosa, a axuda que presta a quen o precisa, a súa capacidade empática fálannos dun xeito de ser mozo non normativo e escasamente presente nas obras coetáneas.

Porén, a obra na que se deixa ver máis claramente o impacto do feminismo é Anagnórise (1988), que conta a viaxe que unha muller adulta, Xulia Andrade, realiza dende Pontevedra con destino Madrid. Cando apenas leva uns quilómetros avanzados recolle a Nicolau, un adolescente que fai autostop e que foxe dunha existencia que o incomóda e o desconcerta. Sente que perdeu o amor, mais sobre todo, sente que perdeu o propio camiño e déixase levar pola desesperanza. Nicolau ten todo tipo de prexuízos contra as mulleres: son metideiras, non saben guiar un coche, só van de compras... ata que aquela condutora que cre non coñecer, coas súas argumentacións, coa súa forza, cos seus poderosos silencios tamén, vai amosándolle que o mundo non é como el o pensara. Así, a obra convértese nunha novela feminista iconoclasta, non só por ese aparente protagonismo do mozo que volve ao propio camiño grazas a que Xulia Andrade consegue conducilo (física e emocionalmente), senón sobre todo porque a figura da muller adulta aparece totalmente empoderada, manexando as rédeas dese camiño compartido a través da linguaxe. Moreno débelle a Anagnórise o recoñecemento do seu lectorado, especialmente de todos os que fomos mozas e mozos nos finais dos oitenta e mediados dos noventa, que tivemos con ela a oportunidade de achegarnos a unha ficción que nos trasladaba valores fundamentais, a pesar de que a súa autora tiña claro a literatura infantoxuvenil que desexaba: a que primase sempre a palabra literaria que conseguise que as súas lectoras e lectores acabasen amando outras palabras.

O devezo de crear

  • Na súa vida cotiá, Moreno tivo unha importante responsabilidade familiar durante bastante tempo: unha parella invidente, dous fillos e unha nai ao seu cargo fixeron que a escritora, as máis das veces, carecese de momentos para crear e o fixera na cociña, escribindo pequenos retallos. Uns anaquiños que logo gustaba de ler á súa familia, aínda que esta nunca vía a historia fiada ata que chegaban os libros do prelo. Os numerosos traballos derivados da casa e do coidado seguramente foron os que provocaron que a súa obra se compoña de excelentes pezas breves e de poucas obras de longo alento. Tamén que, ao final da súa vida, cando se sabe enferma de cancro, nas entrevistas insista no moitísimo que traballou na casa. Por iso, a pesar de que ela deixou escrito que a súa historia de co galego é, en realidade, unha historia de amor, tamén hai que lela en clave de compromiso, da vontade da creadora que, a pesar de todo, quixo deixar a súa palabra escrita, ela que sabía das dificultades das mulleres escritoras e do camiño percorrido. Non deixen de ler, neste sentido, "Nosoutras", o excelente texto sobre esta cuestión que se vén de publicar no volume homónimo -que recolle outros relatos de Moreno- de Urco Editora.