Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O lugar do ser

Unha mostra de Jesús Otero-Yglesias

Un momento da exposición na sala Altearte.

Ser un lugar é a intervención específica do artista lugués Jesús Otero-Yglesias no espazo da sala Alterarte de Universidade de de Vigo, no Campus de Ourense. Trátase dunha instalación de espazo específico, inserida dentro do programa Estado Crítico 12 curadores 12 artistas ideado por Xosé M. Buxán Bran.

A obra supón unha reflexión sobre o lugar da persoa creadora en relación cos espazos que a industria cultural lle asigna. Estamos, xa que logo, perante unha obra que actua no espazo expositivo regrado, pero superándoo, que establece xogos de tensións, do que xurden determinadas peculiaridades, ligadas ao ámbito de interese do artista que se caracteriza por un traballo marcado por intensas reflexións sobre o lugar da arte na sociedade, nomeadamente da arte da pintura, centrándose no seu clásico dispositivo de exhibición: o museo.

Jesús Otero-Yglesias conta cunha vizosa traxectoria quer no noso país, quer no ámbito estatal e internacional. Son exemplos senlleiros na súa liña de investigación sobre o lugar da arte, leitmotiv do seu traballo, as exposicións individuais: Museum, no Museo Provincial de Lugo, no ano 2003; Campos inciertos, na Fundació Pilar i Joan Miró a Mallorca, no 2004; Jourmutt, na Fundación Granell de Santiago de Compostela, no 2007 e, máis recentemente, a mostra Estar, do ano 2014, outra volta no Museo de Lugo.

Ser un lugar reconstrúe o espazo expositivo, ofrecéndolle ao público unha percepción completamente diferente dunha sala de exposicións: apuntala o contedor arquitectónico con puntais de madeira nos que estampa un discurso poético. Esta percepción non exclúe outros valores como como poden ser a delectación no material ou a tendencia cara a unha captación sensual dos aspectos físicos do obxecto artístico e do espazo, aspectos tamén evidentes.

Para levar a cabo a súa intervencioón reflexiva o artista desenvolve unha análise que poderiamos definir como "elementalista". Enténdase "elemental" no sentido de "elemento", de esencia física da obra de arte e das súas circunstancias. A obra de Otero-Yglesias actúa sobre o espazo creando obras "elementais" no sentido de xogar con unidades formais puras e estruturalmente simples e crear relacións entre unidades, é dicir, na vontade de ordenar dinamicamente o espazo, ou mesmo cuestionalo desde un diálogo elaborado, en que o poético, cos textos de Carlos Oroza, xoga un papel fulcral.

Do mesmo xeito que no mundo arquitectónico, trátase dunha ordenación consciente, que presta atención a unidades "elementais" que dialoguen por medio dun alfabeto plástico. O resultado é unha "produción", por usarmos un termo caro ás vangardas soviéticas dos anos vinte, mais unha produción que ten moito de poética, dunha poeticidade das formas, produto da exploración de moi variados ámbitos que afectan á forma elemental e ao seu sentido social e do seu transvase ao medio expositivo convencional.

Ser un lugar reconstrúe o espazo expositivo, regalándolle ao público unha percepción completamente diferente dunha sala de exposicións: apuntala o contedor arquitectónico con puntais de madeira nos que estampa un discurso poético. Elixe a voz do poeta de culto Carlos Oroza para dar forma ao discurso a partir de fragmentos poéticos duros e directos, que teñen un ton de consignas, e estámpaos nos puntais. Dos fustes, agroman capiteis -prendas de roupa- conformados por referencias explícitas ao corpo do artista.

Título: Ser un lugar

Artista: Jesus Otero-Yglesias. Comisaria: Monse Cea Álvarez. Organiza: Sala Alterarte, Campus de Ourense, Universidade de Vigo, Ourense. Até o 18 de maio de 2018.

Ready made

  • Como sinala a comisaria Monse Cea, na obra de Jesús Otero as reflexións sobre os mecanismos de recepción da obra de arte, a través dos seus dispositivos presentes e pasados, poden lembranos tendencias como a crítica institucional, de facto, Orozco é un dous seus referentes últimos. Mais, sobre todo, nesta obra densa e complexa, as referencias de Otero retrotráense á poética duchampiana pura do ready made e a dinámicas surrealistas como o azar obxectivo, que el considera vixentes. Estas referencias clásicas da arte de vangarda serven como vehículo para revisar o papel do espazo e lugar do creador, entendido isto tanto en clave plástica como poética. Desde o punto de vista conceptual a sala de exposicións converteuse nun espazo ateigado dunha forte vontade de discurso, de carga semántica, en que o creador traballou convertendo os límites nunha vantaxe para a creacion dun discurso máis libre, enfrontándose a el como un escenario en que propor novas realidades, reaccionando fronte aquelas circunstancias que o limitan, condicionan e vulneran. Reflexións transversais en forma de accións dende unha actualidade en que a cuestión do lugar segue a ser problemático pero que non se quere enfatizar como único aspecto reflexivo. Daquela, Jesús Otero, partindo de diversas estímulos, consegue modular o formal e o poético que nunca son completamente representábeis na concreción plástica da obra.

Compartir el artículo

stats