Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

...Morreu de amor á Terra

Presenzas da diáspora de noso

...Morreu de amor á Terra

Con certeza, os galegos temos a conciencia colectiva de sermos, historicamente, un pobo de emigrantes (ou tiñamos a conciencia; por veces, un dubida á vista/e oídos de determinadas actitudes). Porén, é probábel que dita reflexión non xurda tan nítida cando falamos desoutros nosos concidadáns que se viron na necesidade, na obriga de abandonaren o país nativo: estamos a referirnos, nin que dicir ten, aos exiliados. Mais en calquera caso, ambos os colectivos -e en máis dunha oportunidade non resulta tan doado precisar en cal grupo ha de incluírse alguén concreto: se emigrante e/ou exiliado- constitúen e configuran a diáspora: esa verdadeira riada humana que levou a tantos e tantos lugueses, ourensáns, xentes das Mariñas, do Salnés... cara á outra ribeira do Atlántico ou aínda, en datas máis recentes, onde as rúas, prazas, fábricas... de Suíza, Francia, Alemaña...

Ao longo de seis aproximacións -compostas entre 2004 e 2015 e que agora aparecen reunidas no volume que hoxe traemos ás páxinas de FARO DA CULTURA: O soño da Galiza ideal-, o profesor e investigador Xosé M. Núñez Seixas (Ourense, 1966) analiza con rigor, ao tempo que escribe con prosa axeitada e de agradecida lectura, apartados da diáspora de noso tales como o itinerario dos exiliados -a especificidade do exilio galego en 1936-; o exilio galego en Europa (1939-1975); unha comparación entre galegos e irlandeses na diáspora (1830-1950) e a presenza do mundo do exilio e da emigración na vida e obra de tres grandes das letras galegas de todos os tempos: Rosalía de Castro, Afonso Daniel R. Castelao e E. Blanco Amor.

Deste xeito, Núñez Seixas adéntrase en apartados como a conversión de Rosalía en mito do galeguismo e dos galegos de alén mar; afonda na distinción/concreción entre "exiliados, emigrantes, refuxiados, prófugos.."; matiza unha tipificación dos exilios galegos; examina as organizacións unitarias do exilio galego durante a postguerra; contempla e detalla a evolución de Castelao diante do mundo da emigración; sitúa as diferentes experiencias do rianxeiro do outro lado do Atlántico ou proura agudamente nas relacións do autor d´A esmorga e o compromiso republicano (1940-1947).

Talvez máis que nunca nos tempos claroescuros que habitamos, é que temos necesidade de precisar o noso devir histórico, para alén de calquera imaxe deformada -mesmo se esta devén gratificante ao padal-: daquela, labores como o que levou a termo X.M. Núñez Seixas teñen a virtude de se converter en algo máis que un proxecto investigativo toda vez que se proxectan como ferramentas imprescindíbeis para a mellor redacción do relato da nación que nos veu nacer e que,, en moi boa medida, nos explica na propia identidade: xa veña ser identidade colectiva pero tamén como individuos concretos.

NÚÑEZ SEIXAS, X.M., O soño da Galiza ideal, Ed. Galxia, Vigo, 2016, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats