Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paixón helena

Simboloxía e detectives

Paixón helena

A última novela de José Nicanor Alonso Álvarez chega a nós grazas ao selo noiés Toxosoutos que segue a ofrecernos na súa colección "Nume" un interesante e variado repertorio da nosa narrativa actual do que nos gustaría ter máis visibilidade nos medios.

Podemos clasificar O kylix dos deuses como un exemplo de narrativa de misterio en canto posúe marcas esenciais do xénero como a presenza dun caso que nun principio semella indescifrable e complexo, a aparición de violencia puntual en forma de cadáveres e a solución final. Porén, podemos sinalar unha serie de características de seu que a afastan da novela policial típica como a presenza dun investigador cunha problemática persoal propia, afundido na desgraza ante a perda do amor, que condiciona o desenvolvemento argumental ou o enorme peso que ten na trama o elemento cultural.

Esta novela é unha declaración de paixón helena que se concreta en todo un despregamento de elementos dosificados ao longo das páxinas que nos mergullan na cultura grega de tal xeito que se atendemos a este aspecto ben poderiamos andar a falar dunha novela histórica coa particularidade de estar ambientada na época actual. Aí atópanse a xeografía grega pola que viaxan os protagonistas, os monumentos, museos e ruínas que visitan; a mitoloxía, o pensamento e finalmente a mitoloxía e a arte como elementos centrais.

O texto estrutúrase en breves capítulos sen numerar que en moitas ocasións van precedidos de aforismos de autores clásicos como Galileo Galilei, Heráclito ou Séneca que nos indican ensinanzas sobre o que ha de vir.

A simboloxía cultural chega tamén a través da antroponimia do triángulo de protagonistas. Así, o investigador Néstor leva o nome dun dos argonautas, rei de Pilos, ao que Zeus en agradecemento concedeu a volta á casa sen complicacións; o antagonista Zenón, o do filósofo grego iniciador do pensamento infinitesimal que desenvolverían moitos séculos despois Leibniz e Newton. E no centro do triángulo, a fermosa Helena, orixe da Guerra de Troia, mais tamén Metis, deusa da sabedoría e do pensamento.

Outro elemento cultural que atravesa o texto é a presenza do mundo matemático, non por casualidade o autor, José Nicanor Alonso Álvarez é profesor de matemáticas na Universidade de Vigo, e neste sentido podemos observar como o mundo pitagórico, a xeometría e sobre todo a numeroloxía agochan as claves do misterio por resolver.

O de Alonso Álvarez é un novo título que vén sumar no desenvolvemento da novela de xénero detectivesco en Galicia e que acollerán con agrado as numerosas persoas amantes das historias de intriga.

ALONSO ÁLVAREZ, J.N, O kylix dos deuses, Ed. Toxosoutos, Noia, 2016, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats