Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anxo Fariña: "Son un contador de historias que usa varios medios para expresarse"

Anxo Fariña - ESCRITOR E ILUSTRADOR

Anxo Fariña, en Vigo. FOTO: ELI REGUEIRA

-Tras da súa traxectoria tanto como ilustrador como de escritor, con Horizonte de sucesos dá Vde.un salto á, chamémoslle, "narrativa para adultos". Que foi o que o animou a dar ese "salto"?

-Horizonte de sucesos é esa historia que levas dentro durante anos e que está a agardar o momento preciso para agromar. Se non veu a luz antes, quizais foi porque non era o seu tempo, ou porque eu precisaba certa distancia dos feitos reais que deron lugar a esta novela. A acción desenvólvese nun centro de acollida de menores, emporiso non é literatura infantil. O cambio de rexistro foi algo natural e non premeditado.

-O argumento da novela soa a autobiográfico...

-O libro está baseado en feitos reais, algo que comunico nas primeiras páxinas. E non podemos obviar que moitos escritores, de xeito consciente ou inconsciente, incorporamos ás nosas obras parte de nós mesmos. Existen paralelismos evidentes entre min e o protagonista, traballa nun centro de menores, estuda belas artes e sofre de dor cónica (migrañas). Emporiso, el é un personaxe de ficción.

-Por que ese título?

-O protagonista estabelece un paralelismo entre a vida e este termo da física. En poucas palabras, un horizonte de sucesos é o límite existente entre un burato negro e o universo. Un espazo de deriva en que a única opción é caer ao baleiro, a non ser que sexas quen de escapar á velocidade da luz. Unha rexión imaxinaria que comparten, por diferentes motivos, varios personaxes da novela incluído o protagonista. Para el, a meirande parte das persoas (o universo) viven alleas ao que lles acontece aos que están no horizonte, ou no burato negro.

-Que é o qué o cambia como creador á hora de escribir para un lector adulto? Soamente é cuestión de linguaxe, de temática, de tratamento literario da historia?.ou hai algo máis?

-Cando me preguntan se é un libro xuvenil ou adulto, non sei que contestar. Penso que este libro, igual que lle acontece ao protagonista, está nunha rexión limítrofe. Se ben a maioría dos personaxes son novos, as temáticas tratadas son bastante adultas. Baixo o pretexto dunha historia de intriga arredor dun misterioso incidente, aproveito para falar dos conflitos da chegada á madurez, o sexo, as drogas, o entorno da institución, os problemas dos menores, a familia, a morte, a dor... Aínda así, e sen medo a desvelar nada, creo que o libro ten un final cheo de optimismo.

-A estas alturas cabe preguntarlle: é Vde. un escritor que debuxa ou un debuxante que escribe?

-As cubertas deste libro son un bo exemplo. A editorial propúxome que eu fixese o deseño das cubertas e, despois de moito pensalo, decidín facer algo máis complexo, que lle aportase un "extra" á narración. Na novela, o protagonista está a debuxar unha turbadora versión do famoso cadro do Bosco, "El jardín de las delicias". Así que, facendo outra vez o xogo de fronteiras difusas, fixen eu esa ilustración para as cubertas. Non é o mesmo ver a cuberta antes que despois de ler o libro, hai moitas claves alí ocultas. Defínome como un contador de historias que utiliza varios medios para expresarse.

-Inflúense entre si esas dúas facetas no seu quefacer ou procura illar unha da outra?

-Como digo eu nos cursos que imparto sobre creatividade, as palabras, no fondo, tamén son debuxos. E os debuxos, se tomamos como exemplo aos exipcios, tamén poden ser palabras.

-Cando escribe literatura infantil, que é o máis importante: o tema da historia que se conta ou o xeito de contar a historia? Cal é clave para chegar ao lector máis novo?

-Non existen receitas que che garantan que o libro vai funcionar. Existen, claro está, algunhas liñas a ter en conta dependendo da idade. Non é o mesmo escribir contos para nenos de catro anos que para rapaces de doce. A linguaxe, o estilo e a temática teñen que ser apropiados para cada franxa. Eu trato de divertirme co que fago e penso que iso é o que lles gusta aos rapaces.

-Ten confirmado, por experiencia persoal, que o público infantil, por ser o máis sincero, é tamén o máis crítico?

-Si, son moi sinceros. Se non lles gusta algo, por pequeno que sexa, rapidamente cho comunican ou deixan de ler. Unha parte moi importante do meu traballo é ser comunicador e dar charlas e impartir obradoiros en centros de ensino. É sorprendente o que se pode acadar se potencias a creatividade dos rapaces e os motivas.

-Unha das súas creación máis celebradas foi a da colección Os Megatoxos. De onde xurdiu a idea?

-Supoño que nese libro xuntei varias cousas que a min me encantaban de rapaz: o humor, as aventuras, a tecnoloxía, as viaxes no tempo, os poderes... Os Megatoxos, os primeiros súper heroes galegos 100%. Despois de todo... que hai máis noso que picarse cun toxo? Claro que non é un toxo normal, senón un especial que pode converterte nun mutante. Parece mentira, pero o primeiro libro publicouse en 2006 e estou a piques de publicar o sexto. Os libros estiveron en dúas editoriais e venderon máis de 40.000 exemplares entre unha e outra.

-Que supuxo para Vde. gañar o Premio Merlín en 2011?

-Para min foi a confirmación do camiño que emprendín na literatura. Un galardón ao que gardo un agarimo especial e que me axudou a consolidar a miña traxectoria. O mellor foi a posterior resposta dos lectores a ese libro que segue a lerse e venderse moi ben.

-Que cambios se van producir no traballo do ilustrador coa chegada do libro electrónico?

-Non creo que cambie demasiado. Dependerá de como sexa o dispositivo no que fagamos a lectura. Nunha tablet, por exemplo, temos incluso máis posibilidades creativas que no papel.

-En que está a traballar agorra? Cales son os seus novos proxectos?

-Precisamente agora estou a rematar a sexta entrega dos Megatoxos. Esta vez estará centrada nun episodio moi importante para a cidade de Vigo: a batalla de Rande. Os Megatoxos viaxarán no tempo para enfrontarse ao deus Maya Quetzalcóatl e descubriran que nada é o que parece. Por outra banda, a principios do 2017 publicarei unha novela xuvenil de ciencia ficción en castelán e galego ao mesmo tempo. O seu título é: 4 Xinetes (4 Jinetes). E para rematar estou tamén pendente da publicación dunha serie infantil moi divertida que trata sobre un pastor de nubes.

Compartir el artículo

stats