Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paisaxismo romántico

Pérez Villaamil no Museo do Prado

Una das obras expostas na mostra.

O Museo do Prado presenta até o mes de setembro unha exposición do pintor galego Jenaro Pérez Villaamil (Ferrol, l807-Madrid, 1854). A cerna da mostra é un conxunto inédito, realizado polo artista entre 1835 e 1839, formado por corenta e dúas vistas pintadas sobre soportes de plancha metálica, organizadas polo propio pintor nun díptico de follas simétricas rematadas en sobrias arquivoltas oxivais sobre columnas. Pola súa concepción e carácter, estamos perante un conxunto único no seu xénero dentro do movemento romántico español que o museo madrileño vén de restaurar logo de adquirilo recentemente en Gran Bretaña.

Jenaro Pérez Villamil viviu e traballou na primeira metade do século XIX, un período en que se asiste en todo Occidente ao auxe da burguesía, que tenta por medio da arte, en especial da pintura, representar a súa imaxe como clase, xa que non se sente identificada coa que proxectan os sectores sociais tradicionais, ligados ao Antigo Réxime, e quere, ao tempo, transmitir a súa visión ao conxunto da sociedade, co claro obxectivo de crear unha imaxe burguesa. Neste sentido o artista, de fondas conviccións liberais, mesmo chega a loitar contra a invasión absolutista dos Cen Mil Fillos de San Luís en 1823, defendendo este espirito renovador tamén no político.

Unha das obras expostas na mostra.

Unha das manifestacións desta nova sensibilidade será a pintura de paisaxe -á que se adscribe Pérez Villaamil-, un fenómeno relativamente novo na historia da arte, que como tema de debate teórico gañara protagonismo no XVIII coa sensibilidade prerromántica do pintoresco e o sublime, e que atinxe unha nova dimensión no século XIX, en especial no ambiente artístico e intelectual que o romanticismo favorece. A paisaxe convértese daquela en instrumento para expresar un sentido da relación do home co mundo externo, non como fora na pintura anterior, un sistema de abstracción, senón como produto dun estado de ánimo interior que se proxecta sobre unha realidade tanxíbel.

Nesta liña, a obra do noso artista é reflexo da fiel da evolución cultural do seu tempo, estando as súas románticas paisaxes inspiradas na pintura nórdica, carentes os contextos galego e español dunha tradición paisaxística importante.

Unha das obras expostas na mostra.

Grande viaxeiro, a partir de 1833 -sen dúbida debido ao seu encontro co pintor británico David Roberts (Stockbridge, Edimburgo, 1796- Londres, 1864) ao que coñece en Sevilla- realiza un paisaxismo á inglesa, no que podemos percibir o interese polos temas exóticos, o gusto polo afastado, os monumentos, o mundo medieval, marcadamente romántico e literario. Romántico é tamén o seu luminismo que lembra moito o do seu mestre e amigo David Roberts. Os seus cadros de viaxes e as súas mariñas sitúanse entre o soño e a fantasía arquitectónica, aínda cun pé no século XVIII, pero xa cun ideal cultural de matriz vivencial.

Título: Vistas monumentales de ciudades españolas. El pintor romántico Genaro Pérez Villaamil

Autor: Jenaro Pérez Villaamil

Comisario: Javier Barón

Local: Museo do Prado, Madrid

Até o 6 de setembro

Vistas monumentais de cidades

Compartir el artículo

stats