Henry Rider-Haggard foi un escritor de sona en Gran Bretaña a finais do século XIX e principios do XX, grazas as novelas de aventuras, ambientadas en escenarios exóticos e de estilo áxil. Súa é a coñecida obra As minas do rei Salomón, moi popular polas diferentes versións cinematográficas que inspirou.

Eric Ollos Brillantes é unha novela que se sae dos moldes habituais do autor, dedicada polo "súbito máis obediente de Vosa Maxestade" a Victoria, Emperatriz de Alemaña, e que introduce elementos máxicos nunha narración construída segundo o modelo das sagas nórdicas. Consciente dos gustos do público, o autor prescinde de arcaísmos, elementos secundarios, digresións e detalles xenealóxicos excesivos que puideran entorpecer a lectura.

O protagonista desta novela encadrada dentro da literatura fantástica é un guerreiro viquingo, que vive no século X, prendado da beleza de Gudruda. Esta fermosa doncela, filla dun xefe local, ten unha medio irmá, Swanhild, medio bruxa e que lle disputa con malas artes o amor do mozo Eric, viquingo invencible a quen persegue o perigo e vai dando tombos. Movida polos ciumes, Swanhild pretende separar os namorados, que so despois de pasar mil peripecias se volverán encontrar para cumprir un anunciado destino fatal.

En efecto, aquí a predestinación é un elemento fundamental da narración que non permite una sorpresa total no desenlace, momento no que os personaxes cumpren co seu destino sen rebelarse, por mor do seu peculiar concepto do honor.

Final infausto, pois, a diferenza doutras novelas do autor, ou das novelas bizantinas, nas que os personaxes, despois de aventuras sen fin e de duras separacións, terminan nun final feliz.

Estamos ante unha novela que transcorre no país dos xeos, de estilo fluído, na que non faltan as espadas, as viaxes, as aventuras e un destino tráxico. Corre por ela o alento épico das sagas islandesas. Rider-Haggard consegue que esquezamos as paisaxes africanas doutras obras súas, para se converter nun dos pioneiros das aventuras de Espada e Bruxería, e para sorprendernos con esa aceptación fatalista da que fai gala Eri, mesmo a rexeitar a proposta do seu acompañante Skallagrim Lambstail de ir a Inglaterra e acepta sereno os augurios anunciados nas primeiras páxinas do libro.

RIDER- HAGGARD, H., Eric ollos brillantes, Urco Ed., Santiago de Compostela, 2014,PVP. 17, 10 €