Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Diario de escrita

A autora, en pleno proceso de soidade creativa. FDV

Sempre me interesaron os procesos de creación. Escribir unha novela é un acto solitario. Pasas meses traballando nos personaxes, nas tramas, na xestación dun universo singular que queda para sempre dentro de ti, como unha especie de capa de fantasía que non se ve, pero latexa. Eu dedico moito máis tempo a pensar que a escribir. Cuestiónome constantemente a historia e as decisións que toman os personaxes. A novela muta, é unha criatura que cambia de aparencia a medida que avanzas. Tes que volver atrás, reler os capítulos anteriores, reescribir escenas... E se ben é certo que hai unha parte en todo isto que resulta difícil explicar (velaí a compoñente asombrosa que ten o acto literario), sempre quixen documentar o proceso creativo, porque creo que é interesante deixar testemuña de como se vai xestando un libro. E máis aínda, ter a oportunidade de facelo publicamente. Baixo ese punto de partida decidín narrar en Twitter, case a xeito de diario de escrita, o proceso de construción da novela que empecei hai unhas semanas. Abrín un fío que empezou a medrar ao mesmo ritmo que crece o libro. Deixo constancia da música que escoito, das horas que dedico a documentarme, dos problemas que atopo día a día para poder avanzar... Impresionoume moito a acollida que está a ter este fío. Conectoume con persoas, algunhas do mundo da creación e outras que son lectoras, que me acompañan neste transo. Publiquei a miña novela no ano 2000 e teño máis de vinte e cinco libros publicados. Nunca antes me sentira así de acompañada. Todo o que estou recibindo da comunidade de Twitter é extraordinario: desde recomendacións musicais ata intercambio de impresións con outras persoas do mundo da literatura, ou creadores doutras disciplinas artísticas. Gústame compartir fotografías de curiosidades: o meu teclado galáctico, a guía da trama que teño pegada nunha das dúas pantallas coas que traballo, as anotacións que fago nos libros cos que me documento, os videoxogos que me axudan a desconectar cando estou cansa... Tamén é unha maneira de saber canto son quen de producir semana a semana e de explicar cales son os principais atrancos dunha escritora. Porque, se ben é certo que eu deixei o Dereito para dedicarme en exclusiva á literatura, tamén é unha realidade que necesito protexer as horas de escrita. A promoción, as viaxes, o traballo burocrático, os compromisos... Todo iso é necesario, pero rouba demasiadas horas ao feito de escribir. Sempre digo que unha escritora que non escribe non é unha escritora. Teño esa máxima gravada na cabeza, no medio de todas esas capas de fantasía que constrúo libro a libro. Dediqueille a esta novela catorce días. Levo 9804 palabras en 26 páxinas. Non escribo de luns a venres, os meus días de escrita son flexibles, adáptanse ás circunstancias. Os meus favoritos son os domingos e os festivos, porque o edificio onde vivo está en calma, o teléfono soa moito menos do habitual, non hai correos electrónicos obrigándome a determe... E se queren saber máis, léanme en Twitter.

Compartir el artículo

stats