Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Abogada a tiempo parcial y escritora a tiempo completo, es autora de más de 16 libros infantiles y juveniles. En 2019 publicó su primera novela para adultos, "Infamia".

Matar un Gremlin

Matar un Gremlin

Hai unha pregunta que nos fan continuamente ás persoas que nos dedicamos á literatura. É, en realidade, a cuestión máis básica de todas as que rodean unha obra literaria: por que escribiches este libro?

Semella unha pregunta sinxela, o único que hai que explicar é o como naceu a pulsión. Mais resulta que hai tanto de animal, tanto de instintivo detrás desta cuestión, que case sempre me parece que temos que representar o papel de vendedora, máis ca o de escritora, e repetir exactamente o que os medios agardan.

Porque, como se explica esa corrente eléctrica que te atravesa cando cruza o teu pensamento a idea que acaba sendo o xerme dunha novela? Como se explica o impulso, o presentimento, a excitación? Non me parecen conceptos que se poidan aprehender.

Quizais aquí é onde radica a cuestión literaria que máis me interesa, ese carácter irreflexivo e pasional que se instala na boca do estómago e que te ata diante do ordenador ata que consegues vomitalo todo. Despois diso chega o baleiro e unha estraña sensación de tristura por ese mundo que xa non está dentro de ti. Eu non vivo no arrebato permanente. Sería física e psicoloxicamente imposible. Mais cando nace esa chispa, cando se produce esa corrente, sei identificala. É algo que te sacode por dentro, esa sensación non pasa desapercibida. E nese momento, penso: “xa está aquí, acaba de nacer a próxima novela”.

Sucedeume hai uns meses, nun momento en que me resultaba imposible sentar a escribir porque, en demasiadas ocasións, os tempos de promoción rouban espazo aos tempos de escrita. E aí deixei a idea madurar, coma quen ten un Gremlin agochado baixo chave porque é algo que debe permanecer oculto para non corromperse. Ás veces visitaba esa idea. Dedicáballe tempo antes de durmir, dáballe forma, aloumiñábaa, facíaa engordar. E sempre, sen excepción, sentía que se me retorcían as tripas.

Tan só comparto as ideas con persoas contadas. Fíxeno cando xa tiña o Gremlin dominado: conseguía ver a protagonista andando en bicicleta, podía identificar a opresión do escenario, as batas brancas, o elemento sobrenatural, todas as pantasmas que habitaban o cerebro da protagonista e que transcendían ao mundo real. Os castigos, a tristura e tamén a esperanza de saber que aí fóra, ao outro lado do enreixado, había un universo sen medicación.

“Xa está, xa teño a próxima novela”, díxenlle a unha amiga que tamén é escritora cando sentín que tiña todo isto dominado. Ela contestoume: “tes que ler El baile de las locas”. Non tardei moito en mercalo, un par de semanas. Abrino e descubrín con impotencia que o libro que eu quería escribir xa estaba escrito. Que había outro Gremlin idéntico ao meu que estivera anos atrás pechado nun cuarto baixo chave. El baile de las locas é unha novela de Victoria Mas e que narra a historia das mulleres encerradas nun hospital psiquiátrico de París por desordes psíquicos ou mesmo emocionais. Eran repudiadas pola burguesía que, malia este feito, ano tras ano ía velas, coma se fosen obxectos nunha vitrina, no chamado “baile das tolas”. Unha novela radical e brillante que lamento moito non poder escribir. O que si podo facer é recomendala con paixón.

Compartir el artículo

stats