Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A estola suicida

A estola suicida. Wendy no tornado

A medio camiño da Wendy de Nunca Xamais e da Dorothy, viaxo no tornado vital. Porto os gromos da condición infantil e o peso dunha madurez que non casa; nel, levo os zapatos máxicos para retornar a unha Ítaca que non sei se amo ou detesto.

Nunha das escalas desta travesía con furacán de emocións e sentimentos, abro a xanela da columna de aire para saltar á terra. Desde o vórtice, descendo en Cartaxena e visito a Igrexa de Santo Domingo.

O enorme retablo de ouro deste ben de interese cultural barroco e ecléctico impón. Sentada en verde fento na primeira bancada con case 40 graos no exterior, agradezo os ventiladores e o aire acondicionado para reparar na cola seda marfil dun vestido de noiva duns tres metros de longo.

Á tan elegante peza saíulle unha adversaria na atención, unha exorbitante bandeira de España á dereita do altar, tan longa que se o templo fose un agasallo podería empaquetalo. Rememoro lecturas bíblicas e narracións orais na catequese pero non acho que en ningunha delas se falara de que Xesús portaba bandeira.

Mentres as ideas fan piruetas no po cósmico do meu cerebro, un estímulo externo faime acordar. Na homilía do casamento, o sacerdote comenta que se a xente se suicida é por non crer en Deus. Fai tamén referencia crítica ao teléfono creado polo Goberno para intentar previr estas mortes.

Respecto, anestesia de fe ou calor abafante adherida aos glóbulos vermellos: ninguén entre os 270 presentes argumentamos inda que algunhas olladas desaproban. Os pensamentos sobre o amor e o matrimonio da nova parella quedan conxelados, insensibles a pesar de tan elevado acto.

Entre cada onda do resón da misa, lembro a B. e a J., as noticias sobre a súa morte no xornal; o frío antracita que deixa a perda inesperada. Pregúntome se se quitaron a vida porque non crían en Deus.

Conclúo que non foi esa a causa, senón a tristura incorrixible de dúas boas almas que non conseguiron -pese a intentalo- chegar á ribeira tras un naufraxio. Para guindar a túa vida dun viaduto abaixo, o sufrimento que te impulsa e as dúbidas que te ancoran á calzada deben ser enormes.

Que sabemos dos seus soños, dos seus motivos? Só nos queda elucubrar e imaxinar que dous anxos os levaron a cabalo da esperanza a un mundo en paz con eles mesmos. Desde a Terra, unicamente podemos lembrar as persoas que foron antes de.

Sen coñecer a B. e a J., a estola -porén- segue con varias frases contra os suicidas. En silencio, reflexiono e fago meu o segundo gran mandamento tal e como mo aprenderon: “Amarás al prójimo como a ti mismo”.

Compartir el artículo

stats