Guadi Galego, excompoñente de Berrogüetto, será a "artista convidada" do programa cultural de verán de Redondela. Un programa marcado polas medidas de seguridade sanitaria que impón esta nova normalidade e por unha firme e decidida aposta polos e polas artistas locais. "O Concello tivo moi clara a súa aposta pola cultura, non baixando nunca o telón, porque sen cultura non hai país". Así, unha vez máis, fíxose unha aposta pola cultura e grupos locais, grupos e artistas de gran nivel moi afectados por este parón cultural. "É o momento de demostrar, máis que nunca, o noso apoio aos grupos da vila", apuntan dende o Concello.

Trátase de encher o verán "de música feita en Redondela" para o que se conta, entre outros moitos, con grupos como Tanto nos ten, Tresporcatro, Airiños do Mar de Teis, Airiños da Peneda, Tanxarina, Carballo das Cen polas, Sheyla Patricia ou As Efémeras

A axenda cultural deu comezo o pasado sábado coa Xingro`s Big Band na Alameda de Castelao e rematará o 12 de setembro.

Unha das citas máis salientables será co gallo da celebración do Día de Galicia. O venres 24 haberá un concerto de fusión en Chapela cunha actuación conxunta de Pelepau e e a Banda de Música de Chapela, e o sábado 25 Guadi Galego presentará o seu espectáculo Immersión no Campo da Feira.

Unha das novidades da programación serán os 'Vermús Culturais' unha serie de concertos -Su garrido, 33RPM, As efémeras, Pacíficos Errantes e Chá, cerveja e vialão- que se desenvolverán os sábados de agosto ás 12.30 horas en diferentes localizacóns de Redondela.

Todos os concertos serán de balde, malia que se controlará o aforo para garantir a seguridade.