Non diminuíu a súa presenza, incluso pódese dicir que crece cada día, pero as diferentes accións levadas a cabo para súa extinción así como a concienciación da sociedade en xeral en contribuír no seu exterminio fai que os niños de vespas velutinas se reduciran considerablemente no último ano. "Apareceron algúns niños menos, capturáronse máis raíñas e empregáronse outros produtos para combatelas", sinala o presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José María Seijo, quen á súa vez fai un chamamento á "non relaxación", debendo, ao igual que se indica dende a Xunta de Galicia, tomar con cautela a situación porque o ciclo biolóxico desta especie pode sufrir variacións ano a ano.

Os datos do executivo autonómico amosan como no último ano reduciuse case un 16% os niños interceptados en Galicia, comezando a mostrar os primeiros signos de desaceleración nun lustro. En 2018 foron 26.169 os niños retirados e en 2019 baixaron a 22.023.

Disto e doutros moitos outros temas relacionados co mundo da apicultura fálase na Feira Apícola das Rías Baixas que se celebra cada ano en Porriño e que nesta ocasión, por mor do estado de alarma decretado polo goberno central para facer fronte á expansión de coronavirus COVID-19, tivo que suspenderse.

Con todo, a pesar das restricións, a actividade neste sector continúa e máis agora que nos atopamos no momento do ano esencial para a colocación das trampas para capturar ás velutinas.

Ata fai un mes as raíñas estiveron invernando, unha vez que empeza a subir a temperatura, ás portas da primavera e sempre dependendo da climatoloxía, comezan a buscar alimentación, é entón cando se coloca a trampa, durante os meses de marzo e abril, "a partir de aí xa están todas facendo niños e xa non se pillan". Unha vez alimentadas póñense a facer os seus niños e necesitan buscar azucres e tamén proteína, momento no que atacan á abella autóctona.

"Estamos no momento oportuno para instalar as trampas e coller as raíñas, é o xeito máis doado de loitar contra elas, por cada unha que se colla formarase un niño menos e 20.000 obreiras de velutina menos", sinala Seijo. Estas colócanse dende finais de febreiro ou comezos de marzo e ata mediados ou remate de abril, dependendo da zona, a unha altura de 1,5 metros e en diferentes lugares, dende nas árbores en flor (camelias, plantas ornamentais, froiteiras€) a outras que poidan ter pole ou pulgón (como o salgueiro) ata nas proximidades de galpóns ou nas repisas de casas e edificios. Porque precisamente esa é outra das cuestións que foi evolucionando, a súa localización, "se ben ao principio aparecían en árbores altas, illadas no rural, agora esténdense a calquera recuncho; é máis, os cascos urbanos onde as temperaturas sempre son dous ou tres grados superior son propicios para que evolucionen os niños primarios. Tamén hai moitos casos de niños na terra soterrados, nos troncos, así como en ventás, tellados€alí onde hai máis público é máis fácil que haxa contratempos", remarca o presidente da Agrupación Apícola de Galicia facendo un especial chamamento á xente que, nas aforas, fai labores de limpeza de fincas e montes, de xardinería e tamén madeireiros "non estar nunca sos, traballar alo menos dúas persoas para que, no peor dos casos, un sempre poida pedir auxilio, moitas veces somos inconscientes, non nos decatamos e non vemos o niño e co ruído da maquinaria tampouco escoitamos o zumbido".

Os niños primarios, os primeiros que fai a raíña, son pequenos, duns catro centímetros de ancho por seis de alto aproximadamente, "como unha pelota de tenis e podémolos ver en galpóns, repisas€en xeral en zonas protexidas, incluso dentro dos tellados. Aparecen xa en marzo e, se non se destrúen, en maio eses niños teñen de 15 a 20 vespas que son as que logo forman os niños secundarios, os máis grandes, que teñen o seu punto máis álxido nos meses de verán, prolongándose ata decembro ou incluso xaneiro, sempre dependendo da climatoloxía". Seijo sinala que eses niños secundarios "poden alcanzar o metro de diámetro contendo en momentos puntuais (agosto e setembro, sobre todo) entre 2.000 e 3.000 velutinas, sumando en toda a temporada unha media de 10.000 a 15.000, podendo chegar ás 20.000".

E para evitar a construción de niños as trampas son a mellor das ferramentas. Existen trampas comerciais repartidas pola Xunta, os concellos e asociacións, pero sobre todo neste momento de estado de alarma, na que un non debe saír do fogar máis que para cousas indispensables, a posibilidade de realizar unha trampa caseira é a mellor das opcións. Simplemente se precisa unha botella de plástico e un líquido que sexa doce e conteña alcohol. Así, en vez de empregar o líquido atraente que se comercializa para tal efecto podemos usar unha mestura de auga quente, mel, vinagre e alcohol; cervexa negra, viño branco e azucre ou mel ou un vaso de viño branco cunha cullerada de zume de arandos. Este debe ser substituído cada dúas ou tres semanas e se nel está algunha especie morta aconséllase deixala como xeito de atracción doutras, da mesma maneira que recomendan introducir algún elemento flotante, "uns pauciños, por exemplo, para que cando a vespa caia non morra ao momento, que se siga movendo e mentres tanto poida ser vista por outras que estean fora da trampa empregándoo tamén como atraínte", explica Seijo, insistindo sempre na importancia "do control da trampa, ir vendo se funciona ou non, cambiándoa de lugar€"

A presenza da vespa velutina está a supor grandes perdas para o apicultor ao xerar efectos negativos nas súas colmeas. A climatoloxía xunto con outros factores como a presenza do parásito varroa inflúen na produción de mel, pero sen dúbida a avespa asiática tamén o fai dende o punto de vista da ameaza que supón para a abella autóctona. "A velutina é depredadora da nosa abella, non a deixa traballar o que provoca o desabastecemento da colmea, o que implica á súa vez un maior coidado, e consecuentemente gastos, por parte do apicultor". A velutina aliméntase principalmente de abellas, bolboretas, moscas, eirugas€ e tamén, en primavera e no verán-outono , comen froita madura. Para cazar ás abellas sobrevoan as piqueiras (aberturas por onde entran as abellas á colmea) sobre todo a finais do verán, e no outono pode chegar a entrar dentro da colmea.

Equipo de intervención en 277 municipios

A Xunta de Galicia asinou coa empresa pública de Servizos Galegos (Seaga) a encomenda para a retirada de niños de vespa velutina no marco do plan de loita contra esta especie acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A día de hoxe a iniciativa conta con 277 adheridos, o que supón o 90% dos municipios da Comunidade.

Con este plan a Xunta, en colaboración cos concellos integrados no programa, ofrece unha resposta profesional e eficaz de forma homoxénea en todas as zonas afectadas para levar a cabo os traballos de retirada e neutralización de niños. Para aqueles que estean situados en lugares accesibles e a menos de 25 metros de altura, o prazo de resposta é de cinco días hábiles desde que se reciba o aviso da incidencia no número de información 012. Nos casos dos niños inaccesibles e que non estean en altura, o tempo de actuación poderá ser superior aos cinco días.

O equipo de intervención conta con 76 traballadores, que se distribúen nos cinco centros de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, en función da evolución do número de avisos. A eles súmanse outros catro traballadores que forman parte do equipo de coordinación para levar a cabo tarefas de carácter técnico e administrativo. Por tanto, entre o persoal de coordinación e intervención o equipo está integrado por 80 profesionais.

IDENTIFICACIÓN

Esta especie invasora chegou a nosa Comunidade no ano 2013, aparecendo en Burela e en Baiona. Un ano antes introducírase en Portugal e por primeira vez en España localizouse en 2010, en Irún.

É sinxelo identificar a vespa velutina e non confundila coa autóctona, pois a súa aparencia é ben diferente. A primeira é negra, e ten a cabeza, o tórax e a meirande parte do abdome tamén negro con dúas bandas finas amarelas ao igual que as patas. Pola contra, a nosa, a vespa crabro, é case toda marrón (cabeza, tórax e patas) con gran parte do abdome amarelo. En canto ao tamaño é similar, quizais a autóctona un chisco máis grande, uns 40 milímetros, sendo as velutinas de entre 30 e 35 milímetros podendo acadar os 40 no caso das raíñas.