“Chegamos a Santiago, teño moitas emocións encontradas. Este momento era o que estaba desexando durante os longos 25 días anteriores. Fomos á oficina de acollida do peregrino para acreditar a miña Compostelana. Saímos da oficina cun gran sorriso sabendo que rematamos a nosa viaxe, a miña viaxe, a viaxe de Michel!”.

Entre ‘St. Jean Pied de Por – Roncesvalles’ e ‘Arzúa - Santiago de Compostela’, cóntanse outras 24 etapas máis, as mesmas que recorreu Michel a través da súa peregrinaxe polo Camiño Francés, entre as rutas máis antigas e longas de cantas chegan a Santiago, no traballo dos alumnos de 2º da ESO do CPR Plurilingüe San Miguel 2.

Un relato colectivo no que un peregrino/a de xénero fluído vai relatando os aspectos relevantes de cada etapa e que foi destacado por Escola en Camiño cun dos dous premios entregados na categoría de Reportaxe.

Para levalo a cabo, os estudantes realizaron primeiro unha investigación individual sobre as etapas do camiño francés para, despois, elaborar entre todos esta historia conxunta na que houbo de todo. Habilidades como a curiosidade, a capacidade de averiguación, o traballo en equipo, a creatividade e a empatía cobraron protagonismo ao tempo que se mesturaban e enriquecían entre si materias como historia, xeografía, arte, lingua…

Ao seu paso pola catedral de St. Jean Pied de Por, a Porta Grande de Pamplona, os ‘pinchos’, que non tapas, de Puente de la Reina, o alto de Castrojeriz, o Santuario de la Virgen del Camino, na provincia de León, a empanada de zamburiñas e un chisco de queimada alá polo Cebreiro, e a través dos ollos de Michel, o alumnado do centro vai relatando deste xeito ao lector centos de curiosidades sobre cada etapa: que pode verse, cales son as paradas imprescindibles ou, por suposto, a gastronomía típica de cada zona.

Debuxo que ilustra a reportaxe

“Camiñar día a día coma os peregrinos”

M. R. Bouzó e A. Táboas - Dirección

Alumnos/as e profesorado do Grupo Educativo Castro-San Miguel estamos moi orgullosos de ter participado no proxecto educativo Escola en Camiño.

O Camiño de Santiago forma parte da nosa identidade, da nosa historia, da relación durante séculos entre pobos, culturas, idiomas... e por iso non se trata só dunha ruta, senón que se converte nunha experiencia integral. O importante do proxecto para nós foi a súa andaina día a día, como se fosen as etapas que percorren os peregrinos que van a Santiago dende calquera parte do mundo.

A nosa mochila peregrina está chea de enriquecedoras experiencias, a curiosidade por aprender e por facer un traballo ben realizado (perfeccionamos técnicas artísticas e tecnolóxicas), o compañeirismo, o respecto aos demais, o afán de superación...

Os alumnos/as aprenderon aspectos do Camiño Francés que descoñecían, descubriron que pode haber distintas motivacións que leven a un mesmo fin ao tempo que comprenderon que as dificultades son algo tan subxectivo que non impiden camiñar aínda que vaias en cadeira de rodas.

Alumnos e profesorado pomos de manifesto a importancia da educación patrimonial como a mellor estratexia para a conservación e promoción dun ben tan valioso como é o Camiño de Santiago nas súas múltiples vertentes: cultural, histórica, artística, natural, etc.

Grazas por permitirnos iniciar o noso Camiño, unha aventura que xa non terá fin. Cada un de nós abrirá unha nova senda, tenderá a man a un novo peregrino e deixará en cada un deles unha pegada que levarán para sempre no seu corazón.