Pietro Sirudo é italiano, vai en cadeira de rodas e tivo a fantástica idea de facer unha guía do Camiño Francés valida para todo o mundo, con tres vías diferentes: unha para persoas sen discapacidade; outra para persoas con ela que fan a ruta acompañadas; e unha última para as que van soas.

Da utilidade do documento e moitas cousas máis faloulle Javier Pitillas, fundador de Discamino, aos alumnos de 3º da ESO do CPR Plurilingüe El Castro durante a charla que mantiveron neste curso, premiada na categoría de Entrevista por Escola en Camiño.

No traballo galardoado, o fundador do coñecido proxecto que une discapacidade e Camiño para axudar ás persoas con dificultades a cumprir o seu soño de chegar a Santiago, responde sobre a accesibilidade das Rutas Xacobeas: “Ultimamente, en Galicia, fixeron bastantes cousas de cara a adecuar algún sendeiro, pero, realmente, nós non estamos de acordo con isto, porque é unha ruta histórica. O Camiño é o que é, e é histórico, polo que non podemos modificalo. Non podemos asfaltalo para que todo o mundo poida ir por el”. “ O que si habería que facer é editar guías ben feitas e ir actualizándoas conforme haxa modificacións. Para que unha persoa en cadeira de rodas poida saber por onde ir, por onde saír dese camiño”, engade.

Unha peza xornalística na que Pitillas tamén relata as orixes de Discamino cando, ala polo 2009, el e Gerardo Fernández dispuxéronse a peregrinar xuntos: “Traballei con Gerardo como adestrador de atletismo para a ONCE, foi o noso primeiro alumno, e un montón de anos despois manifestou a súa ilusión por facer o Camiño. Entón, en 2009, atopamos un deses triciclos. Gozou tanto da experiencia que ao rematala pediunos que buscáramos máis xente con dificultades para facelo; e así foi”.

Comezaba deste xeito unha aventura que se alonga ata o día de hoxe, reflectida no documental “El desorden de los sentidos”. Dispoñible na páxina web de Discamino, mostra a realidade do mundo de Antonio e Gerardo, dous rapaces discapacitados que se enfrontan á ruta francesa do Camiño de Santiago en bicicleta.

“Realmente, as dificultades xorden todas, pero non son ningunha dificultade diferente das que teñen no seu día a día”, conta Pitillas, que remata: “Ata agora sempre acabamos todos os camiños porque xa os planificamos para que poidan facelos”.

Mellor Ilustración: Tintas Peregrinas

“A nosa mochila peregrina está chea de enriquecedoras experiencias: a curiosidade por aprender e por facer un traballo ben realizado, o compañeirismo, o respecto aos demais, o afán de superación...”, valoran a participación en Escola en Camiño desde o Grupo Educativo Castro-San Miguel, que dá boa mostra de como a educación patrimonial é a “mellor estratexia para a conservación e a promoción dun ben tan valioso como é o Camiño de Santiago”.

Entre as achegas do colexio galego ao proxecto escolar destaca tamén a fermosa ilustración do “Pórtico da Gloria”, elaborada pola alumna de 3º ESO Iria Alonso, e que a describe: “As tintas debuxaron esta imaxe ao igual que os peregrinos do mundo debuxan os camiños que levan á catedral de Santiago para render culto ao Apóstolo”.

Un momento durante a recollida do premio. | // R.GROBAS

“Unha aventura que xa non terá fin”

M. R. Bouzó e A.Táboas - Dirección

No Grupo Educativo Castro-San Miguel estamos moi orgullosos de ter participado no proxecto educativo Escola en Camiño. O Camiño de Santiago forma parte da nosa identidade, da nosa historia, da relación durante séculos entre pobos, culturas, idiomas... e por iso non se trata só dunha ruta, senón que se converte nunha experiencia integral. O importante do proxecto para nós foi a súa andaina día a día, como se fosen as etapas que percorren os peregrinos.

Os alumnos/as aprenderon aspectos do Camiño Francés que descoñecían, descubriron que pode haber distintas motivacións que leven a un mesmo fin ao tempo que comprenderon que as dificultades son algo tan subxectivo que non impiden camiñar aínda que vaias en cadeira de rodas. Alumnos e profesorado pomos de manifesto a importancia da educación patrimonial como a mellor estratexia para a conservación e promoción dun ben tan valioso como é o Camiño de Santiago.

Grazas por permitirnos iniciar o noso Camiño, unha aventura que xa non terá fin. Cada un de nós abrirá unha nova senda, tenderá a man a un novo peregrino e deixará en cada un deles unha pegada que levarán para sempre no seu corazón.