Do sombreiro á gorra, do zurrón á mochila, da cabaza á cantimplora, pero mantendo, iso si, sempre, a tradicional cuncha de vieira. O alumnado de 2º de Primaria do CPR Padres Somascos - Fundación Educere compara para Escola en Camiño a indumentaria dun peregrino do pasado cun de hoxe en día co obxectivo de mostrar a evolución da longuísima tradición da peregrinaxe a Santiago.

Un orixinal traballo que lle valeu un premio na categoría de Infografía, apartado no que o centro escolar festexa un galardón máis polo proxecto “As estruturas góticas e románicas”, elaborado, neste caso, polos estudantes da clase de Tecnoloxía de 2º da ESO.

Xunto ao seu profesor Víctor Pérez Bugarín e a través desta proposta, os escolares analizaron as estruturas construtivas das catedrais románicas e góticas, poñendo como exemplo a de Santiago de Compostela e a de León, respectivamente.

Labor que lles permitiu descubrir, por exemplo, que o Románico supuxo o primeiro gran estilo cristián e que o mesmo caracterízase por incluír amplos piares compostos por núcleos prismáticos; que este estilo naceu na rexión francesa de Borgoña a finais do século X; e que ten moito que ver con Galicia e co Camiño de Santiago e a Catedral.Non só porque sexa esta unha das obras culme da expresión artística en España, senón tamén porque a súa chegada desde Francia ao resto de Europa débese, en boa parte e segundo nos contan, aos camiños de peregrinación, especialmente ao de Roma e ao de Santiago.

Ademais de todo isto, o centro tamén foi destacado polo xurado de Escola en Camiño na categoría de Vídeo pola peza “A Mochila do Peregrino”, na que, despois de investigar e preguntar, o alumnado de 1º de Educación Primaria do CPR Padres Somascos intentou axudar ao peregrino a facer a mochila, metendo nela o realmente imprescindible e necesario para facer o camiño.

Infografía: Antes e despois da indumentaria dun peregrino. | // ESCOLA EN CAMIÑO

“Pasiño a pasiño, facendo Camiño”

Rodrigo Fernández - Coordinador

No marco do noso proxecto interdisciplinar anual de centro, que leva por título “Pasiño a pasiño, facendo Camiño” e dedicado ao Camiño de Santiago, topámonos coa posibilidade de participar no certame Escola en Camiño, que ampliou, aínda máis se cabe, o traballo levado a cabo.

O proxecto constaba de dez etapas, unha para cada mes do curso, e todos os traballos enviados ao concurso formaron, entre outras propostas, parte da etapa seis, que tivo como produto final unha exposición no patio do centro escolar aberta ao público.

A participación en Escola en Camiño contribuíu deste xeito a enriquecer o proxecto cun plus de orixinalidade, creatividade e organización por parte de todo o alumnado e o profesorado, que idearon con gran entusiasmo traballos que se adaptasen as bases do certame.

Esta viaxe que emprendemos guiounos por un Camiño de enriquecemento persoal e coñecementos que descoñeciamos acerca do que é, o que supón e o que conleva o Camiño de Santiago, fomentando, durante este proceso de descubrimento, a inclusión, o traballo cooperativo, o uso de novas tecnoloxías ou o traballo de investigación.

E aínda que as nosas expectativas cando iniciamos o proxecto xa eran interesantes, Escola en Camiño axudounos a superalas, incrementando os nosos horizontes, ampliando os nosos obxectivos iniciais e acompañándonos para logralos con creces.