As axudas ao retorno emprendedor permiten abrir unha nova etapa laboral en Galicia
O secretario xeral da Emigración lembrou que «as persoas retornadas poden recibir ata 10.000 euros de apoio para iniciar o seu negocio»
Antonio Rodríguez Miranda e Zoila Martínez Pacheco diante da floristería ‘La Boheme’. / Xunta de Galicia
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe en Vigo a floristería ‘La Boheme’ de Zoila Martínez Pacheco, unha galega retornada de 46 anos que, tras vivir durante unha década en Lyon (Francia), decidiu regresar á súa terra en outubro de 2024 e iniciar un proxecto empresarial coa axuda ao Retorno Emprendedor da Xunta de Galicia.
Zoila abriu as portas do seu establecemento no pasado mes de xaneiro, despois de recibir unha subvención de 7.000 euros, que lle permitiu facer fronte aos primeiros gastos para converter a súa paixón polo mundo das flores nun proxecto profesional.
Durante a visita, Miranda puxo en valor o labor de persoas como Zoila, que «apostan por Galicia como lugar para vivir, emprender e construír futuro», e destacou que «o seu caso representa á perfección o espírito da Estratexia Galicia Retorna: persoas con experiencia, iniciativa e raíces galegas que regresan para contribuír ao desenvolvemento económico e social do país».
No que vai de 2025, xa se presentaron preto de 150 solicitudes de retornados procedentes de países como Arxentina, Cuba, Venezuela, Brasil, Uruguai, Portugal, Reino Unido, Alemaña ou Francia.
Miranda lembrou que o prazo para solicitar estas axudas continúa aberto ata o 30 de setembro, no marco dunha aposta decidida da Xunta polo retorno como motor de cambio demográfico, económico e social. Desde a activación de estas axuda no 2.018, apoiáronse preto de 900 proxectos empresariais cun investimento superior aos 5,4 millóns de euros.
A visita do secretario xeral tamén serviu para reforzar a mensaxe de que Vigo é un exemplo destacado de integración e emprendemento, cunha rede activa de atención ás persoas retornadas, como a Oficina de Retorno de Vigo, que leva preto de 6.000 persoas atendidas desde 2020. Animou a todas as persoas que están en Galicia a que se dirixan a unha das nosas oficinas de retorno para ser informadas e completar este trámite.