Turismo Semana Santa

‘Camariñas Sorprende’ coa XXXIII Mostra do Encaixe

» Do 27 ao 31 de marzo, a vangarda e a tradición danse cita ao redor da pasarela

O desfile ‘ReEncáixame’, entre as grandes novidades desta edición, que estrea cartel “de moda”.

O desfile ‘ReEncáixame’, entre as grandes novidades desta edición, que estrea cartel “de moda”. / Cedida

A XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará do mércores 27 ao domingo 31 de marzo, quere reivindicar o encaixe como un elemento de valor para coñecer o municipio, ao igual que as festas, as tradicións, as paisaxes e a gastronomía. Faino a través do seu lema: ‘Camariñas Sorprende’. 

Esta intención xa queda plasmada no cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella Esteban Freiría, que busca un cambio de tendencia e deixa ben claro o que é hoxe en día a Mostra e o encaixe: modernidade e vangarda. O cartel busca imitar ás cabeceiras máis recoñecidas das revistas de moda e así, por un lado, atraer ao público máis mozo, e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda.

A apertura da trixésimo terceira edición da Mostra terá lugar o mércores 27 de marzo ás 15.00 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. 

O acto de inauguración coas autoridades será ás 16:30 horas. Logo, a partir das 18.00 horas, comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do ‘PequEncaixe’ serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e seguidamente os Grandes Deseñadores. Entre medias, amenizará a pasarela unha actuación de Lucía Pérez.

Durante os cinco días as firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. 

O desfile ‘ReEncáixame’, entre as grandes novidades desta edición, que estrea cartel “de moda”.

O desfile ‘ReEncáixame’, entre as grandes novidades desta edición, que estrea cartel “de moda”. / Cedida

O desfile de ‘ArtEncaixe’, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves, 28 de marzo, ás 12:45 horas. Xornada na que tamén debutarán as persoas participantes no XXX Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 35 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. Contará coa actuación de Hydn. O venres 29 ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 31, a partir das 19:30horas darase a coñecer o fallo do xurado. 

A gran novidade desta edición, o desfile ‘ReEncáixame’, poderá verse por primeira vez o xoves, 28 de marzo, e repetirá o venres, 29 de marzo, e o sábado, 30 de marzo. 

 Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O venres 29 ás 12:45 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o sábado 30 ás 18:00 horas. 

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. 

O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 31 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano. Unha cita que contará coa actuación de Astarot.

Este ano, ademais, os asistentes poderán gozar da música de Lucía Pérez e rirse a esgalla con Carlos Blanco nun monólogo que terá lugar o sábado, 30 de marzo, ás 20:30 horas na propia pasarela. 

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VII Encontro de Corais. 

Ademais, o Concello estreará un novo concepto na Mostra: o ‘Gourmet entre encaixes’, dedicado ao sector alimentario con food trucks.