Turismo cerca

Redescobre as xoias de Poio do mar á montaña

» Mención especial merecen a Illa de Tambo, que agora pode visitarse, e as vistas desde as sendas da Ostreira e do Laño

Vistas a Illa de Tambo desde a praia da Cabeceira.

Vistas a Illa de Tambo desde a praia da Cabeceira. / Cedida

Poio agocha un rico patrimonio cultural, etnográfico, mariñeiro e natural que fai deste municipio unhas das “xoias” das Rías Baixas.  

Dous son os recursos turísticos máis salientables e visitados: O Mosteiro de San Xoán de Poio e o Conxunto Histórico de Combarro, pero Poio pode presumir de moitos máis atractivos e alternativas de ocio nun territorio que en poucos metros cadrados pasa do mar á montaña. Este feito convérteno nunha espectacular paraxe para desfrutar da natureza e dos deportes ao aire libre. 

Algúns exemplos son as diversas rutas pola natureza desfrutando de paseos entre muíños, regatos e fervenzas nas Rutas dos Muíños de Freixa e Samieira, e as Fervenzas do Pereiro. 

Ademais, Poio conta con máis de 15 quilómetros de costa bañada de praias e calas de tranquilas augas e fina area entre as que destacan a de Cabeceira en Lourido, a de Xiorto en Raxó e a praia do Laño en Samieira. 

Mención especial merece a Illa de Tambo, visitable desde o ano 2022, e un verdadeiro tesouro dentro da ría de Pontevedra.

Dúas sendas, a da Ostreira e do Laño, que percorren gran parte do litoral do municipio e unhas espectaculares vistas dende os numerosos miradoiros do Monte Castrove desde onde pode observarse practicamente a totalidade da ría de Pontevedra.

Tamén é salientable a oferta gastronómica do municipio. De feito, Poio suma un total de tres estrelas no dous restaurantes galardoados coa prestixiosa “estrela michelín” e numerosas festas que teñen como eido a exaltación gastronómica sendo algún exemplos a Festa da Ameixa, A Festa do Mexillón, ou Os Callos… En resumo, o destino perfecto para desconectar esta Semana Santa.