A Deputación pon en valor os produtos quilómetro cero do rural pontevedrés a través do proxecto “Da túa man”

Aproveitando os produtos locais, culturais e turísticos de 11 municipios da provincia, a Deputación de Pontevedra busca impulsar unha estratexia común que propicie a empregabilidade e permanencia dos veciños

A Deputación de Pontevedra desenvolve o proxecto Da túa man (rural I) para adaptar o rural aos novos hábitos de consumo e implantar o uso das novas tecnoloxías.

A Deputación de Pontevedra desenvolve o proxecto Da túa man (rural I) para adaptar o rural aos novos hábitos de consumo e implantar o uso das novas tecnoloxías. / Deputación de Pontevedra

Malia que xa pasaron catro anos dende a pandemia provocada pola COVID-19, o pequeno comercio galego segue a sufrir as súas consecuencias, especialmente no rural. Esta situación non soamente provocou perdas económicas irrecuperables, senón que tamén acelerou a transformación cara unha sociedade aínda máis dixitalizada, para a cal o rural galego non estaba acondicionado.

Neste contexto, a Deputación de Pontevedra puxo sobre a mesa a necesidade dun plan para visibilizar e modernizar o pequeno comercio local e os produtos quilómetro cero no rural pontevedrés, onde factores como a dispersión xeográfica ou a fenda dixital evidencian a necesidade de dar resposta ás carencias deste sector en certos municipios.

Así, a Deputación de Pontevedra desenvolve o proxecto Da túa man (rural I), que pretende adaptar o rural aos novos hábitos de consumo, implantando o uso das novas tecnoloxías, así como prácticas que promoven a economía circular e unha mellora no acondicionamento dos espazos. Desta forma, búscase ofrecer un servizo óptimo á veciñanza, así como atraer novos visitantes, poñendo en valor o produto local. 

Este plan xorde para visibilizar e modernizar o pequeno comercio local e os produtos quilómetro cero no rural pontevedrés.

Este plan xorde para visibilizar e modernizar o pequeno comercio local e os produtos quilómetro cero no rural pontevedrés. / Deputación de Pontevedra

Festas gastronómicas

Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Rodeiro son os protagonistas da campaña, coa lamprea ou viño en primeiro plano

A súa execución centrarase en 11 municipios da provincia con menos de 5000 habitantes: Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Rodeiro, aproveitando as súas potencialidades e os seus recursos locais, culturais e turísticos, descoñecidos para moitos.

Sen ir máis lonxe, nestes municipios teñen lugar algunhas das festas gastronómicas máis relevantes de Galicia. Por exemplo, a lamprea é un produto moi apreciado nesta provincia e dedícanselle dúas festas: a Festa da Lamprea en Arbo e a Festa da Lamprea do Río Ulla, en Pontecesures. O viño é outro dos protagonistas das festas do rural pontevedrés, atopándose a Festa do Viño de Barro e a Festa do Viño Tinto Rías Baixas das Neves. 

Feiras e produtos culturais e turísticos recoñecidos

Ao longo do ano tamén se celebran a Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, a Festa da Richada de Forcarei ou a Festa dos callos de Meis.

O rural pontevedrés tamén conta con feiras e produtos culturais e turísticos recoñecidos, como a Feira Medieval de Agolada, as praias fluviais e os antigos muíños de Mondariz, ou a Festa da Caza en Rodeiro.

Sen dúbida, o potencial dos produtos gastronómicos, culturais e turísticos destes concellos é moi alto. Por iso, proxectos como “Da túa man (rural I)” axudan a incentivar o consumo local, non só de cara a atraer turismo, senón que tamén para favorecer a empregabilidade e a permanencia dos veciños e veciñas destes territorios, cuxo valor é moi alto.