As Dores 2022

A nova xunta directiva da AED darálle prioridade á formación dos asociados

Na actualidade contan con 360 asociados,
 pero confían en acadar os 400

Unha das reunións mantidas polos dirixentes da AED.

Unha das reunións mantidas polos dirixentes da AED. / Cedida

M.González

A nova xunta directiva da Asociación de Empresari@s de Deza (AED), que preside desde o pasado mes de xuño David Campos Cortés (Nucamsa), comezou a marcar as liñas estratéxicas desta nova etapa, na que prevén darlle un novo pulo á formación dos asociados con accións novas específicas para algúns dos sectores máis representativos, como poden ser o comercio ou a hostalaría.

David Campos Cortés (NUCAMSA) preside a nova xunta directiva da entidade dende o pasado mes de xuño

Ademais de David Campos, o novo equipo directivo está conformado por Jaime Pereira (Aerocámaras), como vicepresidente; Lucía Nercellas (Avipor Silleda), como secretaria; Manuel Salgueiro (Arlit Diseño e Impresión), como tesoureiro; e como vogais, Beatriz Canda (Almacenes Canda), Meritxell Silva (Abril Trending), Sandra Vilar (El Vestidor de Chloé), Jéssica González (Trendy Store), Javier González (Asubío Taberna), Alba Varela (Casa Achacán) e Carlota Iglesias (Cabanas Restaurante).

Despois das diferentes reunións mantidas con todos os grupos políticos da Corporación lalinense, no comezo deste novo curso político o presidente ten previsto iniciar unha rolda de contactos institucionais coas administracións provincial e autonómica coa finalidade de expoñerlles os obxectivos para os vindeiros catro anos e darlle continuidade á exitosa colaboración que se viña mantendo por exemplo cos Plans Integrados de Emprego, ou ben para identificar novas fórmulas de colaboración.

Xunto coa formación, entre os obxectivos estratéxicos da AED tamén se atopa a demanda de axilización dos trámites pendentes para poder comezar a construción da cuarta fase do Parque Empresarial Lalín 2000, posto que a carencia de superficie industrial está a impedir o asentamento de novos proxectos industriais en Lalín.

Incrementar asociados

Outro dos obxectivos do renovado grupo de traballo que encabeza David Campos é tratar de captar máis asociados para, na medida do posible, aproximarse ao umbral dos 400, fronte aos pouco máis de 360 que están rexistrados na actualidade.