O IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña é un centro pioneiro nas ensinanzas bilingües na comarca do Morrazo. Leva moitos anos traballando pola potenciación das linguas estranxeiras entre o seu alumnado, con inglés, francés e portugués en todos os niveis da ESO e bacharelato.

Proxectos de vangarda e innovación

Ademais, participa en actividades de inmersión e realiza intercambios escolares con centros de Francia e Portugal ao tempo que participa no programa Edu-Exchanges en lingua inglesa.

Pola súa condición de centro plurilingüe, ofrece ao seu alumnado a participación subvencionada nas probas de certificación B1, B2 e C1 de inglés, portugués e francés, nas que un 75% do alumnado matriculado logrou a súa certificación. O centro conta todos os anos cunha persoa nativa de asistencia lingüística de inglés que apoia a docencia do profesorado plurilingüe.

Vangardista tamén na implantación do bacharelato de excelencia, STEMbach, no que o centro vén colaborando dende o comezo coas facultades de Bioloxía, Química e Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, co obxectivo da aplicación práctica de coñecementos científicos e a elaboración de proxectos de investigación como o do uso dos pellets de toxo na calefacción, a loita contra a malaria, a descontaminación das augas, entre outros.

Este curso iniciaron o Proxecto Silva da man da asociación ADA Intervencións e a Protectora Os Palleiros de Pontevedra para traballar coa axuda de cans o ámbito emocional de alumnado seleccionado.

Asemade, é o centro de referencia no Morrazo dentro da Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar de Galicia (RAOGAL). Unha rede que ten como obxecivo facer o seguimento individualizado do alumnado máis vulnerable educativamente e colaborar coas súas familias, os servizos sociais e a súa contorna. 

Unha segunda oportunidade

As persoas que abandonan os estudos entre os 16 e os 24 anos adoitan atoparse nunha situación de estancamento profesional ou mesmo desemprego debido ao seu baixo nivel de formación.

É por este motivo que cada vez máis persoas adultas optan por seguir formándose co acceso á educación secundaria obrigatoria para persoas adultas (ESA). O nivel I é o que equivale aos cursos de 1.º e 2.ª de ESO, e o nivel II aos de 3.º e 4.º da ESO.

O obxectivo principal é conseguir que o alumnado adquira coñecementos básicos de cultura nos ámbitos humanístico, científico e tecnolóxico e que obteña a titulación da ESO, requisito prácticamente imprescindible para a inserción laboral ou a continuación doutros estudos como a formación profesional.

As ensinanzas profesionais

Os estudos de formación profesional teñen na actualidade unha elevada empregabilidade (86 % as ensinanzas presenciais e 92% as de FP Dual).

O IES Plurilingüe A Paralaia naceu como un centro de FP e presenta unha oferta formativa que inclúe tres familias profesionais (Administración e Xestión, Metal e Electricidade). Abarca os tres niveis formativos: básico, medio e superior, e ao longo de dous anos reparte a formación entre o centro e empresas do sector industrial.

No caso da formación dual, ademais, o alumnado recibe unha remuneración económica polas súas prácticas en empresa.

No ámbito da formación profesional básica de Informática de Oficina e de Instalacións Electrotécnicas e Mecánica, superando un ciclo de FP básica obtense o título de técnico básico e o de educación secundaria obrigatoria (ESO). Un título que ademais permite o acceso, posteriormente, a ciclos formativos de grao medio.

O alumnado de todos os niveis de FP pode participar nos programas Erasmus+ para facer prácticas en empresas en distintos países europeos.

Todos estes programas permíten ao alumnado coñecer outras culturas, mellorar o seu coñecemento de idiomas e ter máis posibilidades de inserción laboral en países nos que hai importantes carencias de persoal técnico.