O dinamizador perfecto para a cidade

A Cidade da Xustiza recupera un edificio emblemático de Vigo e engade unha praza coa que revitalizar o barrio

Vista panorámica da nova Cidade da Xustiza de Vigo / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vigo

A chegada inminente da Cidade da Xustiza trae cambios e novidades que afectarán aos veciños de Vigo. O impacto non é só no ámbito formal da construción, tratándose da obra máis ambiciosa do Plan de Infraestruturas Xudiciais, senón que se erixe como o dinamizador social do barrio de Pizarro.

Xunto ao edificio, que recupera unha peza clave do imaxinario vigués como é o antigo Hospital Xeral, atópase unha praza que promete funcionar como chave entre as rúas da zona, conectando núcleos de poboación importantes da cidade, como a zona de Gran Vía, San Roque e Vázquez Varela, funcionando como bisagra de todas as rúas da contorna da Praza España.

A Cidade da Xustiza servirá de punto de encontro para os vigueses

A delegada territorial en Vigo da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, subliña o moito que significa para a cidade esta obra que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou como “a xoia da coroa de Vigo”: “Vigo non gaña unicamente a mellor Cidade da Xustiza, tamén recupera un edificio emblemático que revitalizará a cidade dende todas as perspectivas”. Precisamente, a localización desta obra xoga un importante papel na configuración da contorna.

En palabras de Fernandez-Tapias, “a obra non implica só o edificio, tamén conta cunha grande praza. Unha praza que se entrega á cidade e que se converte tamén nun punto de encontro para os vigueses e viguesas”.

MARTA FERNANDEZ-TAPIAS NUÑEZ, DELEGADA TERRITORIAL DE LA XUNTA DE GALICIA EN VIGO. / RICARDO GROBAS

Na praza atópase a escultura de Ramón Conde que leva por nome “Acordo xusto” e que representa os desexos de que esa nova Cidade da Xustiza se converta nun lugar a prol da igualdade e os dereitos. “Trátase dunha gran praza que axudará a dinamizar unha zona que sufriu moito dende o peche do Hospital Xeral. Ademais, forma unha importante conexión entre a rúa de Vázquez Varela e a de Porto Rico. Sen dúbida, impulsará un cambio absoluto da bisbarra.”

Trátase de recuperar a vida dun terreo en desuso dende que o impoñente hospital trasladara a súa actividade ao Álvaro Cunqueiro. “Incluíndo unha praza exterior foméntase o paso de todo o mundo, convertendo a Cidade da Xustiza en punto de encontro”.

As melloras respecto aos anteriores xulgados de Vigo, aínda en funcionamento, tamén son formais. Segundo a delegada territorial, “en superficie, os actuais xulgados, sitos na rúa de Lalín, contan con arredor de 20.500 metros cadrados, mentres que no novo proxecto son case 44.000. Estamos falando de case un 115% máis de espazo que beneficia especialmente aos traballadores. Supón unha mellora exponencial en todos os sentidos, trasladándose aí as dependencias da Fiscalía e os 38 organismos xudiciais. E, dende logo, isto mellora substancialmente a calidade do servizo que se ofrece, e tamén o espazo para os propios traballadores”.

Un exemplo da mellora do espazo para os empregados é a escola infantil da Cidade da Xustiza: “Seguindo a política da Xunta de Galicia de favorecer a conciliación das familias e o traballo, o edificio conta cunha escola infantil semellante á que ten actualmente a Delegación da Xunta en Vigo, e que será, en principio, para uso dos traballadores. No caso de que sobrasen prazas, estas tamén se ofertarían para os usuarios da Cidade da Xustiza.”

Cidade da Xustiza vista dende o aire / Cedida

ESPAZO ENGADIDO: SUBDIRECCIÓN DO IMELGA

Un dos novos espazos é a Subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Nos case 40.000 metros cadrados cos que contará esta nova infraestrutura xudicial, haberá un espazo diferenciado onde entrará en funcionamento a nova Subdirección, en Vigo, do Imelga.

Co obxectivo de dotar dun acceso inmediato aos seus servizos dende a cidade olívica, as dependencias do Imelga estarán na planta baixa do edificio principal.

Un espazo dende o que se busca unha maior autonomía e independencia para o seu funcionamento diario.

Dende estas novas dependencias, a Subdirección do Imelga disporá de instalacións máis amplas, prevendo un posible incremento nos próximos anos.

Así, o Instituto de Medicina Legal proporcionará un total de 16 consultas para os médicos forenses, incrementándose deste xeito en catro unidades máis sobre as dispoñibles actualmente.

Nesta organización tamén se inclúen espazos para os despachos dos equipos psicosociais, chegando a albergar potencialmente un máximo de cinco equipos, formados por psicólogos e axentes sociais, que tamén superan o número de tres existente na actualidade.

Disporá tamén dunha sala para recoñecemento de menores e dunha sala Gesell.

Estas dependencias compleméntanse coas oficinas, salas de espera, salas de autopsias (que contan con nivel de seguridade BSL - 3 ) e demais salas e dependencias auxiliares.

Todos estes engadidos e espazos novos respecto aos xulgados da rúa Lalín foron incorporados coa intención de concentrar nun mesmo punto os procesos legais, aforrando tempo e esforzo para unhas xestións que poden chegar a ser moi complexas.

A clara comparativa respecto ós Xulgados da rúa de Lalín

Os actuais xulgados a disposición dos vigueses atópanse na rúa de Lalín. Estes antigos edificios grises, que funcionan dende os anos 80 nesa rúa, contan cunha superficie construída de pouco máis de 20.000 metros cadrados.

Situados a dous minutos de Praza América e no camiño das grandes estradas de Gran Vía, Coia e rúa Coruña, dispoñen de 80 prazas de garaxe para o persoal, cifra que se revelou como insuficiente nunha cidade en constante movemento.

En canto as funcións documentais, os xulgados contan con 16.000 arquivos ML (extensión utilizada para referirse a un tipo de arquivo informático sinxelo).

Esa cifra é equivalente á capacidade de 135.000 arquivadores AZ, o que comprendería a información dos derradeiros vinte anos. A capacidade total dos arquivos da nova sede será de 20.601 ml.

En cambio, a situación da nova Cidade da Xustiza eleva todas as categorías, considerando os datos do proxecto modificado proposto. Para empezar, como comenta a delegada territorial, “a vantaxe e o cambio máis obvio é o referente á superficie utilizada, xa que na construción da rúa Pizarro contamos con, exactamente, 43.943 metros cadrados, a piques de alcanzar o aumento do 115% de capacidade.

No caso do aparcamento, e recuperando a idea de que as melloras afecten especialmente aos traballadores da propia entidade xudicial, na nova Cidade da Xustiza contamos con 306 prazas de coche, das que 36 son aparcamentos exteriores. Ademais, tamén contará con 119 prazas para motocicletas, 13 na zona exterior.

ESPAZO ENGADIDO DA OBRA: A SALA GESELL

Xunto á subdirección do Imelga, un dos engadidos máis importantes desta nova Cidade da Xustiza é a Sala Gesell.

A infraestrutura disporá, dende o comezo da súa actividade, de dous espazos especificamente deseñados para preservar a intimidade das vítimas.

Unha das salas estará situada no edificio anexo, a disposición do Xulgado de Violencia Sobre a Muller, mentres que a segunda atoparase no edificio principal, nas instalacións do Imelga, e estará destinada especialmente para uso dos Xulgados de Familia.

De todos os xeitos, e durante o tempo previo ao seu equipamento, poderíase habilitar algunha máis, cuestión que deberá acordarse e coordinarse no grupo de traballo cos operadores xurídicos, usuarios das mesmas.

Que é e como funciona?

Unha sala Gesell é un espazo especificamente deseñado para observar o comportamento das persoas, na súa maioría dos menores, sen que se vexa alterado pola presenza de estraños.

Estas salas dispoñen dun sistema tecnolóxico que permite que o menor realice a súa declaración diante dun profesional psicólogo nun ambiente amigable.

Isto permite, á súa vez, que as autoridades xudiciais poidan comunicarse co menor, un primeiro contacto que será o máis considerado posible tendo en conta as circunstancias sensibles que rodean a situación, levado a cabo mediante o psicólogo e dun xeito transparente para os rapaces.

De ser preciso, poderán realizarse nelas os interrogatorios, de forma que se preserve a súa intimidade.

Todas estas vantaxes facilitarán tamén a toma de testemuños veraces e non condicionados.

En xeral, as salas Gesell están destinadas á exploración ou toma de declaración de persoas en situación especialmente vulnerables, sexan vítimas directas ou indirectas, ou en procedementos de familia.

Atopándose nunha contorna con tanto movemento como a dos antigos xulgados, na saída de Praza España e a un minuto de Gran Vía e as estacións de tren e bus, a comunicación é un punto a ter en conta.

Pulsa para ver más contenido para ti

Por iso é a xoia da coroa do Plan de Infraestruturas Xudiciais da Xunta de Galicia.

Noticias de Portada Leer Noticias cerca de ti CercaJuegos Jugar