Xornadas“Conecta con atlanTTic”

AtlanTTic abre as súas portas para amosar os últimos avances en telecomunicacións

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo celebrará unha xornada de portas abertas para todos os públicos o venres 20 de outubro

A inscrición para poder asistir á xornada de portas abertas “Conecta con atlanTTic” é gratuíta e pode realizarse a través do formulario dispoñible na páxina web atlanttic.uvigo.es.

“Can-robot” Santi, un avanzado modelo de robot cuadrúpede.

“Can-robot” Santi, un avanzado modelo de robot cuadrúpede. / Cedida

O centro atlanTTic, que forma parte da Rede CIGUS que integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, celebrará esta semana unha nova edición da súa xornada de portas abertas “Conecta con atlanTTic” na que ensinará ao público a súa actividade investigadora máis recente e as súas infraestruturas. Neste evento o persoal investigador amosará os proxectos que están a desenvolver no ámbito das comunicacións, os servizos dixitais e a ciberseguridade, e realizaranse visitas guiadas ás súas instalacións. 

Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, destaca que estas xornadas de divulgación científica, que xa van pola súa sexta edición, son unha oportunidade única para que todo tipo de públicos poidan coñecer de primeira man a actividade investigadora recente do centro no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación, á vez que visitan as súas infraestruturas e laboratorios. 

Este ano, como novidade, o evento inclúe tamén na súa programación unha xornada para achegar a actividade do centro á rúa e instalarase un stand o martes 17 de outubro no centro de Vigo, concretamente na rúa de Príncipe, fronte ao museo MARCO, que estará dispoñible entre as 16:00 e as 20:00 horas. Neste posto, investigadores e investigadoras de atlanTTic farán diversas demostracións dalgúns proxectos relacionados coas comunicacións 5G, e contarán con un dron que ten conectividade 5G e co “can-robot” Santi, un modelo de robot cuadrúpede, que conta cunha mobilidade moito máis ampla en comparación con outro tipo de autómatas e que emprega tecnoloxía 5G e conéctase a un sistema de videoconferencia que permite realizar un control remoto do seu movemento en tempo real, todo isto mentres se visualizan os datos das súas diversas cámaras. A asociación UVigo Spacelab tamén amosará as súas maquetas e os últimos proxectos de nanosatélites, e haberá xogos e agasallos para as persoas que se acheguen a visitar o stand.

Obradoiros e visitas para todos os públicos

“unha oportunidade única para que todo tipo de públicos poidan coñecer de primeira man o último en tecnoloxías de telecomunicación”

A xornada de portas abertas no centro atlanTTic, situado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, celebrarase o venres 20 de outubro en horario de mañá para centros escolares da zona, e pola tarde, de 16:00 a 19:00, para o público xeral. Durante esta xornada as persoas asistentes poderán visitar varios laboratorios como o de seguimento de satélites, no que tamén poderán participar nun obradoiro e no seguimento do Lume-1, satélite que se encarga de aportar informacións na loita contra incendios; o de Acústica coa visita guiada á sala semi-anecoica ou o laboratorio de fotónica, centrado na investigación e deseño de dispositivos fotónicos integrados, no que coñecerán máis sobre a revolución que supoñen os chips que empregan esta tecnoloxía.

Ademais das visitas aos diferentes laboratorios, no corredor principal instalaranse postos nos cales os investigadores e investigadoras amosarán, con demostracións e prototipos, ao público dun xeito ameno e interactivo os últimos proxectos desenvolvidos no centro vinculados coas comunicacións 5G, as comunicacións ópticas e vía satélite, e cos sistemas de radar e xeoposicionamento. Tamén se presentarán proxectos como Panoramix, capaz de diagnosticar a demencia a través do xogo, o asistente conversacional CELIA, un chatbot con empatía para entreter e acompañar a persoas maiores, ou outros que empregan a intelixencia artificial como a aplicación SignaMed, que traballa no recoñecemento automático de lingua de signos para facilitiar a comunicación coas persoas xordas. Ofrecerase tamén un obradoiro coa Lightboard, un taboleiro de cristal luminoso para a educación dixital.

O centro de investigación atlanTTic conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e na actualidade está composto por máis de 150 profesionais que centran a súa actividade en tres áreas de I+D+i: comunicacións, servizos dixitais e ciberseguridade. O seu equipo investigador participa e lidera proxectos de investigación nacionais e internacionais, e colabora con socios tecnolóxicos nacionais e internacionais, como a Axencia Espacial Europea (ESA), e ten como un dos seus principais obxectivos xerar coñecemento de alto valor engadido para transferilo ao tecido produtivo.

A inscrición para poder asistir á xornada de portas abertas “Conecta con atlanTTic” é gratuíta e pode realizarse a través do formulario dispoñible na páxina web atlanttic.uvigo.es.