As festas na honra de San Pedro e San Pablo de Agolada (29 e 30 de xuño e 1 de xullo) inclúen actuacións para todos os gustos e idades. O ano pasado debido á pandemia, foi o Concello o que asumiu a organización dos festexos, pero este ano tomou o relevo un grupo de mozos da vila: Ricardo Varela, David Coego, Tamara Rivas, Oliva Areán, Bieito Fernández, Sebastián Sarandeses e Iván Sánchez

O mércores 29 de xuño o pasarrúas e a sesión vermú correrán a cargo da Banda de Música Municipal de Agolada. A misa solemne, ás 13.00 horas, estará amenizada pola Coral Polifónica de Agolada. De novo, ás 19.30 horas terá lugar un pasarrúas da banda do municipio que ofrecerá un concerto seguidamente. Mentres, a verbena contará coas actuacións da orquestra Panamá e o grupo Tania Veiras

Na xornada de mañá a misa solemne volverá ser ás 13.00 horas. A Banda de Vilatuxe será a formación que se encargue de dar os pasarrúas desta segunda xornada festiva (ás 11.00 e ás 19.30 horas) e os concertos de despois (ás 14.00 e ás 20.00 horas). As orquestras Satélites e o Combo Dominicano poñerán a música pola noite. 

Por último, o 1 de xullo ás 20.30 horas haberá un concerto do grupo tradicional Bico da Balouta e a verbena estará marcada polos ritmos da charangas Ardores e do DJ Carlos López

O orzamento destes festexos, tal e como indica a comisión, é duns 30.000 euros. Este grupo de veciños traballou arreo para poder celebrar estas datas e xa para recadar fondos organizou dúas xornadas festivas previas que foron todo un éxito: a primeira delas, o 30 de abril no pavillón onde actuaron o dúo La Mecánica e o DJ David Expósito e a segunda foi a I Festa da Xuventude de Agolada que tivo lugar o 27 de maio no campo da feira, un evento amenizado pola orquestra Cinema e o DJ Casanova. 

“Estamos moi contentos porque desde o primeiro momento a xente colaborou con nós en todo. Animouse a vir as festas que organizamos, a compra de rifas e agora no momento de dar a cota están dándoa sen problema”, sinala a comisión, quen agradece a todos os veciños, empresas do municipio, e incluso as de fóra deste, que aportaron o seu grao de area. 

Festa dos Chóferes 

Despois do San Pedro, a comisión continuará traballando, desta volta na organización da Festa dos Chóferes, que se celebra na carballeira da Zanca. Este ano terá lugar o 30 de xullo. A organización avanza que nesta nova edición se recuperará o tradicional concurso de carrozas, polo que anima á poboación a participar. 

O Concello de Agolada agradece a labor da comisión por todo o traballo, implicación e esforzo que supón a organización duns festexos desta índole e tilda a programación de inmellorable. “Será todo un éxito que fará que se achegue moita xente dende outros concellos”, subliña. 

Alcalde de Agolada, Luis Calvo. Concello de Agolada

Saúda do alcalde de Agolada, Luis Calvo

Queridos veciños e veciñas de Agolada: diríxome a vostedes nestas datas tan especiais para o noso pobo, como son as festas patronais do San Pedro e do San Pablo. Este ano, sen dúbida, celebrarémolas aínda con máis ganas, xa que volven con toda a súa esencia, despois dos anos tan difíciles que pasamos a causa da pandemia. 

Estes días serven para reencontrarnos con familiares e amigos e para desfrutar dunhas xornadas de ledicia que permanecerán no baúl dos recordos do noso pobo. 

Quero dar as gracias a todos os veciños, empresas, asociacións… que aportaron o seu graniño de area para que se poidan celebrar este festexos. Pero como non, debo e quero facer un recoñecemento máis especial a nosa comisión de festas. Este grupo de xente nova, que é o futuro do noso municipio, está facendo unha labor inmellorable. En nome de todo o equipo de goberno e de toda a veciñanza, quero agradecerlles todo o seu esforzo e implicación para realizar unhas magníficas festas, que sabemos que non é unha tarefa doada. 

Así mesmo, aproveito para agradecervos de novo a confianza depositada en min e no meu equipo e reitero o noso compromiso de buscar o mellor para Agolada. 

Desfrutade das festas e recibide o máis sincero e cordial saúdo do voso alcalde.